View
5
Download
0
Category
Preview:
Citation preview
7
Integrada no grupo CLARCOR Inc., PECOFacet é o líder mundial en deseño, fabricación, distribución de servizos e produtos avanzados de filtración e separación.
Nacidas na primeira metade do século XX cunha clara vocación de converterse en líderes mundiais en solucións de filtración e separación, a fusión levada a cabo entre Facet International e Perry Equipment Corp. en 2007 reforzou a presenza da compañía nas nacións máis desenvolvidas do mundo e propiciou operacións en máis de 100 países dos cinco continentes.
A ampla gama de produtos da compañía, facilmente adaptables ás necesidades específicas de cada cliente, facilitou a presenza de PECOFacet nas principais compañías de mercados tan dispares como poden ser o de xeración de enerxía, a industria petroquímica, a prevención de contaminación ambiental e a industria en xeral. Non obstante, os produtos PECOFacet son líderes indiscutibles nos mercados de aviación e naval.
PECOFacet
9
PECOFacet Ibérica, S.A. comeza a súa andadura en 1978, comercializando filtros para combustible e equipos para loitar contra a contaminación ambiental. No ano 1981 constrúense as instalacións ubicadas no Polígono Industrial de Sabón, onde se fabricarán os produtos que anteriormente só se comercializaban.
Pasados os anos, a compañía céntrase no deseño, desenvolvemento de tecnoloxía e fabricación de equipos para novos mercados; desde entón, a creación de novos produtos máis eficientes, económicos e fiables é unha constante de todo o equipo de PECOFacet Ibérica, S.A.
O resultado desta filosofía, resúmese en feitos como que nos últimos anos se duplicou o cadro de persoal da compañía e se triplicou a facturación, conseguindo así ser unha peza clave na multinacional.
Este crecemento xerou novas necesidades en canto a instalacións; necesidades que se viron cubertas recentemente coa inauguración na mesma parcela do novo edificio de oficinas.
Deseñado por ACXT-IDOM, un dos maiores estudos de arquitectura do mundo, este edificio está na vangarda en materia arquitectónica, sendo un lugar que se deseñou primando o benestar dos seus usuarios e un rendemento enerxético óptimo.
Concibido como un elemento vivo, cambiante e con capacidade de adaptación a distintos tipos de eventos, o vestíbulo principal do edificio albergou certames de pintura, fotografía e, actualmente, a exposición de poesía e escultura Versos&Formas.
PECOFacet Ibérica, S.A.
versos
13
Eva VeigaPoeta e coordinadora da exposición
Suspenso no baleiro, o verso é unha frecha en tensión aberta a todos os sentidos. Degrao dunha escala respiratoria e rítmica que se xoga a vida de precipicio en precipicio, que se eleva infinitamente mentres desce até as simas máis insospeitadas: eis o poema, casa a penas suxeita do aire por palabras ou alfinetes, abeiro nómade de ventadas de emoción, de pensamentos dun espellar libertario, de fugas que se fan íntima revelación. Porque, ao cabo, o poema é un ser vivo, mesmo un avatar ao que o corazón alenta e a razón asiste, afanado na procura do imprevisto ou só intuido, do que nos foxe para nos deixar unha e outra vez anoados á orfandade primeira, do que non sabemos e, non obstante, nos conforma. Mais o poema é pura disconformidade, deconstrución que ansía, como escribiu a poeta Luísa Villalta, “despoxar-se/ do real que non comprende a súa verdade/ vitalmente irreal, deshabitar-se.” E velaí a creación: viaxe in-versa da materia a acadar o non-lugar da utopía, a transformarse no invisible que nos desvela, a quebrarse no verso a prol dunha música exploratoria e reservada. E é por esa físgoa que tamén nós somos aire, respiración individual e colectiva dunha xeografía atlántica, neste caso herculina e bergantiñá, que aquí se expresa a través da poesía de vinte e seis poetas como follas vizosas dunha única árbore.
“Se as portas da percepción se purificasen todo se lle aparecería ao ser humano como é, infinito.”
William Blake
15
Lenta,
desenganada,
sen a penas brillo
retorna a luz á súa orixe,
á nudez da nada.
Vén,
non é preciso
que teñas forma.
Vén,
como auga ou aire,
como chuvia ou relampo,
como tristeza ou alegría,
pero vén.
Alfonso Costa
I
II
16
PECOFacet Ibérica, S.A.
Creación
Ao Chíqui Lozano
No principio houbo
unha bágoa.
Unha fila de bágoas
se endureceu
e deu lugar aos ósos.
Os ósos arderon
e da súa chama
xurdiu a carne.
A carne fíxose leve
e da súa levidade
naceron os cabelos.
Os cabelos como vento
non querían ficar presos
e polo aéreo sentimento
pairou a alma.
A alma moraba soa
na cima da montaña,
mais cando outra atopou
sorriu, e dela manou
unha bágoa.
Alfredo Ferreiro
(do libro inédito Teoría das ruinas)
17
Aire-Palabra ou Verso-Luz
Noticias das estrelas ou acenos do alén.
Viaxeiros camiños que sucan o invisible
con cantigas lixeiras.
Ninguén sabe qué pasa
pero un raio dourado vai e ven polo espazo
acalentando as almas.
Hai marmurios nas fragas que ciscan alfabetos
e que van sementando idiomas nunca ouvidos.
Así son os poemas: anunciación, nacente,
pentagramas que abrollan nas fontelas do ceo,
osíxenos cantores que a diario alentamos
e que insuflan nos peitos arelas de infinito.
Entón decimos "nube"
i é todo marabilla de levedantes auras
e si decimos "chuvia"
as pingueiras transforman en páxinas a terra
e sae o sol e doura os sucos plateados.
E o asombro medra
e cantan os coros do universo
Ánxeles Penas
18
PECOFacet Ibérica, S.A.
Chegas a esta praia
que non existe
Tempo quizais sen mitos, tanto
que a luz non che pesa
Gaivota tan alta
xa ar xa ave para os azuis
mais verdes
xa mineral xa nuve
Inverno adolescente
luz saturada de sal
Xa noite, xa mortal
xa ti, xa nuve
Amas aquilo
que non te comprende
Amas aquilo que non necesita
da tua comprensión
Cesáreo Sánchez Iglesias
(de Mar do fin da terra)
19
era un despregarme
nas periferias da palabra
o impronunciábel
da ofrenda
contraer o verso
ou as ás
corrupto o ar
agochada
a blasfemia
baixo as unllas
Dores Tembrás
(de Silabario)
20
PECOFacet Ibérica, S.A.
Tolvanera
se puidese romper vento con vento
a rocha
e facer lugar onde descansar o óso
e o tesouro
poría gardesas feras
sereas da terra
pardas
aves loucas serpentinas que xiran en danza mística arredor da mica
e do agave.
se buscase a vixilia do teu corpo durmido
baixo un lenzo fino de deserto
a tolvanera finxiría fuxidía danza
centrípeta atalaia en fuga
espiral da tripa do mundo
que sae ao mundo
na defensa do teu silencio.
Emma Pedreira
21
Se os soños baixan como estrelas
a beber do día.
Se a verdade máis fonda se atopara
na incerteza.
Se sempre a luz deixa
o seu segredo sobre as cousas.
Se arrola a noite aínda máis dentro
a tenrura do volcán.
Se me ollas en silencio e o mundo
deixa de dar voltas.
Se se abrise a chuvia
nos teus labios.
Se da nube me derrota
a súa beleza.
Se o amor nos ergue
sobre a cinza.
Eva Veiga
(de A distancia do tambor)
22
PECOFacet Ibérica, S.A.
Entre o acougo e a sombra
Córtoche as unllas,
Nodosas mans agora de brétema,
Paisaxes amarelas no embrión dos teus ollos
case cegos. En que pensas?, pregunto.
Non hai en que pensar, respondes.
E as lembranzas?
A fascinación da lúa que ollabas dende a fiestra?
Os contos do bisavó, o papá que lle chamabas?
As merendas no campo, ao pé do río?
As verbenas de agosto?
Xa non quedan recordos,
e debuxas un sorriso dorido e resignado
que dilúe o horizonte
entre o acougo e a sombra.
Na aira canta o merlo
entre o clamor das rosas.
Francisco X. Fernández Naval
23
Esperanza
Os que estamos soterrados
na nube dos tristes,
os que ceamos os despoxos da derrota,
os que xa non temos forzas nin fe,
andamos sempre cunha pouca esperanza
agochada nas alxibeiras.
Por veces queimámola e co seu fume
purificamos o rostro e as feridas.
Se esa esperanza non existir,
daquela a vida non tería sentido
e nunca máis se bordarían palabras
nin se encherían de soños
os pentagramas da existencia.
Henrique Rabuñal
24
PECOFacet Ibérica, S.A.
Soterrada paixón
Rachei a miña gaiola enferruxada
e desgarrei as miñas ataduras
para que sorbas os meus versos de silencio
cos que te aloumiñaba ás escuras
Tras unha longa viaxe
de húmidas olladas,
de verbas afogadas,
de abismos e de dúbidas
Hoxe achégome a ti, núa,
para asolagarte
nunha fervenza de escumas
Apócema oceánica
Acordes azuis afogados nos berros das gaivotas
ondas empurradas polo vento
asoballando rochas coa súa escuma
Sodes vós
a miña beberaxe segreda
reconstituínte salgado do meu espírito
Lía Santiso
25
Elevar o bestiario
Voar polo día e pola noitebra
sortear a negrume en lámpadas de corenta vatios
nun mundo rabenado só para elas
queimar a roupa, saltar a corda coa arte da cornamusa
na fogueira de san Xoán.
Insalivar os medos no seu lobeiro e botarse ao monte
mastigar cristais que lle magoan as vísceras
como único alimento
até morrer varias veces unha infancia
e tomar prestado algún día de diario
algunha beirarrúa
de noite perentoria.
Había de esnaquizar a rabia contra todas as normas
había de sortear fiadas máis miúdas
e non perder o costume de andar aos biosbardos
había de beber outros velenos de sangrar
outras canteiras
zumegar o sol, rachar as faldras
elevar o bestiario
a libro de cabeceiras
Luz Campello
(de Inventario do prohibido)
26
PECOFacet Ibérica, S.A.
Ese pulso da vida non visible
Nada sucede entón, nada cimbrea,
nada é vento na palma, nada código,
nada mudanza á vista.
Nada perturba a banda do silencio,
a casa tan doméstica,
este ioga de tarde
como morte
ou limbo de interiores...
E, sen embargo, un ruído de raíces,
un tránsito descalzo,
un mandato sen voz, un ollo fixo
goberna este momento,
este pulso
da vida non visible.
E eu acepto un tempo de millonaria nada:
este claro desvelo.
Coñezo un verbo estraño.
Eu sei de certa emanación secreta
e pecho os ollos.
Manuel Álvarez Torneiro
(de Onde nunca é mañá)
27
Afogados
Veñen na súa mudez tan lonxe de si mesmos
e entran así no noso pensamento
sostidos por un fío verde de néboa
e unha luz de ollos grandes que se esvae
na fondura do tempo.
E sentimos o seu peso sonámbulo
e un tremor líquido de flor cincenta na fronte,
pálpebras que conteñen aínda a claridade dun soño,
dun xesto suspenso no baleiro.
Nadadores ausentes, bañistas que se foron
polo túnel azul das desaparicións,
agora hai un regreso como un laio sen voz,
o corpo que se anuncia no vidro lácteo da auga,
no interior do seu frío,
como unha forma perdida na lembranza.
Rostros que teñen a cor impensada dunha rosa violácea,
e unha ollada infinita prendida na estrela transparente
que navega entre as sombras.
Están aí, no fondo, na pálida fronteira do abismo,
no espello insondábel da soidade.
E nós sabemos da súa nudez sen nome,
do tristísimo mar que aínda os alimenta,
cando entran no noso pensamento
e alguén, moi lonxe, alá, no inmenso,
nos recoñece.
Miguel Anxo Fernán Vello
28
PECOFacet Ibérica, S.A.
En días pasados
Erguía unha man
E o día pousaba sereno sobre a mesa de pedra
Na tarde aparecían sen chamalos
Vellos cantigueiros
Con instrumentos de música
Nacidos de luídos retábulos
Chegaban por camiños deixados das xentes
E da memoria
E silenciosos tendíanse á sombra dos limoeiros
El dille que vai canso
Que para o ano deixará os enxertos, a poda e as abellas
O fillo contempla a luz do crepúsculo
Na códea gris das pereiras
Un pouco cuarteada como o rosto do pai
Os ollos
A mesma luz leve e dourada das abellas
Miguel Mato(de Whiskey na barrica)
The father fetches teller of tales
And musicians who mute much, muse much,
On the tales.
(Wallace Stevens)
29
O aire, sen ningunha voz, sen pegadas, que non
se para na pel; segue -máis frío- despois de ti
. . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . .
a brisa que, pensas, vén do cemiterio
das palabras e te traspasa
. . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . .
non hai nada, nada; toda a profundidade
é a da palabra imaxinada para lle dar
un nome a esta sensación
. . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . .
o seu son no deserto: quedar soterrado
nel nese instante no que a ave se
apagase e fose... nada, ao vento
. . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . . .
non ter agora palabras novas ás que te
agarrar nin límites nesa infinitude
para todo o teu tremor
Miguel Sande(de A palabra soterrada)
30
PECOFacet Ibérica, S.A.
Ti + eu: nós
Aquela luz de outubro clandestina
leva forxada en nós desde as orixes,
buscámola na ausencia das vertixes
a carón dos silencios, na retina.
Eu digo que na ardora adamantina
habita a esencia, a apócema que elixes,
a luz á que has volver sen que te fixes
acesa, ou apagada, que ilumina.
Acesa ou apagada a luz, eu digo
quero volver sentirte, acaso quero
mil noites existir, mil veces sós.
En medio desa luz quero e reitero
ollar contigo o mar, sempre contigo
ser simplemente ti máis eu, ser nós.
Modesto Fraga
(de Adagio por outono)
31
Moito antes
Moito antes
os ancestros ían máis lonxe
para invocar a voz do amencer
baixo a luz libre
que habita na estrema do bosque.
Alí, onde as arterias do vento
aloumiñan a epiderme da pedra que
garda as entranas dun silencio mesto.
Moito antes
arredor do lume
as pálpebras do tempo, nun fluír sinuoso,
entretecían a lenta espiral do soño. Mentres
as estrelas, nun instinto primixenio,
dicían case todo
pendurando do asombroso ceo.
No bordo da historia
os druídas voluntariosos presinten
nas amplas noites
a voz dos deuses
a plenitude irredutíbel
da súa sombra.
Olga Patiño Nogueira
32
PECOFacet Ibérica, S.A.
Apotheose
Agora
chéganos o estrondo
da derradeira árbore a caer
O precipicio no vento
como unha folla falta de osíxeno
quebrándoche de vez as mans
Paco Souto
33
Cando calcámos a ribeira,
recibiunos o Señor dos Montes.
Era un bon anfitrión.
Prohibiu que nos seguisen as milicias.
E se alguén ousou,
fixo que ondas xigantes abatesen o barco.
O mar dérame a min
o seu lombo de animal manso,
as vagas eran linguas que me aloumiñaban,
e era graciosa a curva do meu pé
andando sobre elas, sen temor.
Deixei atrás o meu reino:
xa o cercaban as sombras.
Vin como se desprendían violentamente do seu eixo
corpos, arderen tendas na praza.
Aínda seguín contodo, por un tempo, cantando.
Cinxín a saia no meu van
e comecei a xirar como un derviche,
até ser todo en min un círculo perfeito.
Mais só era a buxaina de metal fendido coa que xoga Deus,
un brinquedo entre portas desgonzadas.
Fuxín cando fechou un ollo, vencido polo sono,
e do outro lle verquían lágrimas de sangue.
Botei a andar sobre o mar.
Estou na palma da man do Señor dos Montes.
Pilar Pallarés
(do relato dunha cativa siria)
34
PECOFacet Ibérica, S.A.
Gravitam as palavras
sobre um centro aberto
no seu cântico solar,
indecifrada espuma
de um oceano interior
ao vazio iluminado,
libertados na sua calma
os astros obscuros em
que descansam os corpos
trás dançarem no longe,
abraçados na plenitude
do seu íntimo esplendor.
Ramiro Torres
35
Vén
e nun segundo,
desliza o tempo cara atrás.
Prende a cinceladas
o ángulo da nudez.
Que cada liña
xire o devecer da pedra.
Só
fragmentar o a(i)r(e)
ao soprar
a fría seda.
Raquel Naya
36
PECOFacet Ibérica, S.A.
Recollo o sosego
coma unha alfaia engarzada no verán.
Eres como a carne translúcida da rosa
que crava os seus ollos no centro do lombo.
A ofrenda na que a terra enxuga a lingua
que despois zurcirá no canto das baleas.
No teu seo abríganse o leito dos peixes
o encaixe do loito
e as mans escravas da colleita.
Unha e outra vez cambias a pel na area.
Ti, sempre cicerón de espellos.
O sangue e a luz apenas atravesan a espiña do óso.
É este o lugar onde nace o silencio.
Baixo o teu cumio
aínda azulea o colo da nai.
Rocío Blanco
37
Todas as rúas
Demasiado frío
para durmir
-di o carambelo dos teus labios-
Demasiado frío.
E á cidade non lle caben
os nosos corpos
nos seus petos.
Fóra
é o único lugar que nos pertence.
Mais non tremas, amor.
Os edificios son árbores
con necrópoles de niños;
illas afogadas
en océanos que non flotan.
“Eles” teñen
un furado de asfalto vertical;
unha fiestra sen luz
entre as fauces da noite.
E nós?
Nós, todas as rúas.
Rosalía Fernández Rial
(de Vinte en escena)
38
PECOFacet Ibérica, S.A.
Autorretrato
De existir o vento
levaría cabelo cumprido sobre os ombros.
De existir a chuvia
as bágoas derivarían por unha face tersa.
De existir os ósos
seguiría as túas pegadas pola terra
e no movemento o meu corpo
acharía unha posición exacta.
Algo está a faltar e non lle atopo nome.
Como designar un arrecendo cálido
de palmas simétricas.
De existir o tempo
dedicaría a cantar a vida enteira.
E aínda agora me pregunto
canto frío son capaz de atesourar
Tati Mancebo
(de Mundo maquinábel)
39
Zona de sombra
Ondúlase o músculo
e nace o voo
como materia imantada
a un espazo
inerte
fragmentario
violento
fugaz
neste doce saberse un
tamén aire
Cauterio do sol
preservando a inocencia da ave
cando na zona de sombra
a ferida de vivir
férrea e sagazmente confusa
nos arrebata
dúbida eterna
privilexio final
Teresa Seara
I
II
40
PECOFacet Ibérica, S.A.
Atlántico
¿Que podes outorgarnos,
pai,
que non sexa naufraxio?
¿Como
rescatar do teu fondo
certezas ou palabras?
Na mirada non cabe o pensamento.
Cavilar é imposible fronte ao mar.
Soñar, perderse, ser:
a única certeza fronte ás augas.
Para alén da beleza infinita das celaxes,
na eterna fixeza do instante que pasa,
¿que podes outorgarnos
que non sexa o teu propio e perpetuo naufraxio?
Xavier Seoane
(de Dársenas do ocaso)
formas
45
Por segunda vez teño o honor de escribir unhas palabras para un evento que organiza PECOFacet. Se a anterior foi para presentar o I Certame Internacional de pintura da compañía, no cal a presenza de artistas e a calidade das obras superaron todas as expectativas, a presente non é menos interesante.
Co suxerente título de “Versos e Formas”, esta exposición colectiva de poesía e escultura reúne a un selecto grupo de artistas que amosan unha obra heteroxénea, tanto no plástico como na escrita, cunha temática independente entre si.
Nesta mostra pódese aprezar que a Arte e os Artistas non teñen límites no seu modo de expresión e que aínda que nesta ocasión os autores presenten unha escultura ou un poema, poderían ter creado empregando calquera outro tipo de expresión artística. Por este motivo, poderiamos denominar aos participantes (se se me permite e sen ánimo de ser pretencioso), como “Artistas Totais” ou renacentistas.
Ademais de a PECOFacet por organizar este evento, quero amosar o meu agradecemento aos meus compañeiros por teren participado nesta exposición, facendo gala da xenerosidade que sempre caracteriza ao noso colectivo.
Por outra parte, no nome dos meus compañeiros e no meu propio, quero dar os parabéns ao meu amigo Cándido Cancelo, director xerente de PECOFacet Ibérica, tanto por esta iniciativa como polo seu compromiso coas artes, e trasladarlle desde aquí que, no sucesivo, continúe brindándonos a oportunidade de participar e disfrutar destes eventos.
Grazas.
Pedro BuenoPintor, escultor e coordinador da exposición
46
PECOFacet Ibérica, S.A.
Animal racional
Alfonso Costa
Carballo e fibra
47
Esfinge
Emilio Celeiro
Fibra
48
PECOFacet Ibérica, S.A.
Bosque
Javier Garaizábal
Madeira e cemento policromado
49
Sin título
Lola Beade
Mármore de Macael
50
PECOFacet Ibérica, S.A.
El Intercambiador. El Huevo
Manuel Gandullo
Aceiro, teca, cristal e ovo
51
Flor eterna II
Manuel Patinha
Aceiro
52
PECOFacet Ibérica, S.A.
Eolo
Nito da Vila
Talla en madeira de nogueira
53
Arlequín. Eva 1
Pedro Bueno
Gres
54
PECOFacet Ibérica, S.A.
Platón
Ramón Astray
Refractario
55
Por encima la conversación de los dioses continúa indiferente
Soledad Penalta
Aceiro inoxidable manuscrito
56
PECOFacet Ibérica, S.A.
Inmovilidad de las ramas y del pensamiento
Soledad Penalta
Aceiro inoxidable manuscrito
PECOFacet Ibérica, S.A.Avenida da Ponte, 16 - 15143 Arteixo, A Coruñaspain@pecofacet.com
Edición: Cándido Antonio Cancelo CabanasDeseño e maquetación: César Díaz PazosTraduccións: Teresa Seara Domínguez
Fotografía Eva Veiga: © Alfonso Costa
Xullo 2016
DL - C 1179-2016ISBN: 978-84-608-9616-6
Publicado por:
VERSOS & FORMAS
Esta publicación foi impresa empregando papel ecolóxico libre de cloro elemental e certificado según os estándares de PEFC a fin de asegurar un uso forestal eficiente para a conservación dos bosques.
Recommended