View
222
Download
4
Category
Preview:
Citation preview
PARA LER
Novelas xuvenís
Carta al rey (Tonke Dragt). Un adolescente, fillo dun cabaleiro e
escudeiro do rei do seu país, mentres está a velar as armas para
converterse en cabaleiro, recibe unha estraña visita que lle solicita
axuda para entregar unha carta fundamental para a paz dun país
veciño. A pesar do perigoso da misión, emprende o camiño para
poder entregala.
Cruzada en jeans (Thea Beckman). Debido a un accidente
imprevisto nunha máquina do tempo, o protagonista, un rapaz do
século XX, acaba nas cruzadas e contempla desconcertado o mundo
medieval. Comparte as penalidades dos soldados cristiáns e, cos
coñecementos do seu mundo, axúdaos a saír de numerosos perigos.
Finalmente, Rudolf regresa ao século XX.
El chico que quería convertirse en ser humano (Jorn Riel). No ano
1000, un mozo viquingo quere vingar a morte de seu pai e inicia
unha viaxe cara a Grenlandia, pero naufraga. Recólleno uns
esquimós que o coidan e ensinan os seus costumes e a súa lingua, de
modo que o protagonista decide quedar a vivir entre eles.
El joven templario (Michael P. Spradlin). Triloxía protagonizada
por Tristán, un monxe da orde do Temple e os seus compañeiros que
viven aventuras en Terra Santa durante a época das cruzadas.
El manuscrito de fuego (Rafa del Río). Aventuras dun grupo de
amigos no Xapón feudal ambientadas nunha pequena aldea na que
funciona unha das mellores escolas de ninjas e kunoichi do país.
Nesta escola estarán durante unha semana demostrando ter dotes
suficientes para superar as probas marcadas e poder entrar nela.
El médico del sultán (César Vidal). O médico e filósofo xudeu
Maimónides, que vive na cidade exipcia de Fostat, decide dedicarse
ao estudo do Talmud para axudar aos seus fronte aos musulmáns,
pero as circunstancias fan que teña que volver a practicar a medicina
como médico de campaña na guerra que o sultán Saladino levaba a
cabo contra os cristiáns en Terra Santa.
El perro de Gudrum (César Vidal). Historia ambientada nas loitas
sostidas entre os saxóns ingleses cos invasores viquingos daneses.
Na batalla que tivo lugar no ano 878 enfrontáronse o rei Alfredo e
Gudrum que, logo da súa derrota, converteuse ao cristianismo.
Finis Mundi (Laura Gallego García). Un trío formado por un monxe
que coñece ben as profecías que anuncian a fin do mundo no ano
1000, un trobador e unha moza que desexa ser tamén trobadora,
emprenden unha viaxe para invocar o Espírito do Tempo e evitar a
fin do mundo.
Ivanhoe (Walter Scott). A acción transcorre na época das cruzadas,
de encarnizadas loitas entre pobos que foran irmáns, os saxóns e os
normandos, cando o príncipe Xoan sen Terra trata de coroarse rei en
ausencia de Ricardo Corazón de León que está en Terra Santa.
Ricardo precisa a axuda dun cabaleiro valoroso e fiel e ese será
Wilfred Ivanhoe.
La cripta de los templarios (Manuel Nonídez). Dúas narracións
corren paralelas: a duns arqueólogos que descobren restos humanos
e moedas entre as ruínas dun vella torre e as aventuras de dous
cabaleiros da orde do Temple que no século XIV refuxiáranse nesa
torre para protexerse dunha forte treboada.
La maldición del arquero (Joan Manuel Gisbert). Un mozo
campesiño abandona a aldea para tratar de converterse en arqueiro
do rei, pero na viaxe cara ao castelo sufre un incidente que o obriga
a cambiar de rumbo e altera os seus proxectos.
La mandrágora de las doce lunas (César Vidal Manzanares).
Partindo dun feito histórico –a expedición viquinga contra Al
Andalus do ano 845- o autor recrea unha historia centrada na busca
da mandrágora, unha planta á que se lle atribúen poderes máxicos,
por parte de Oslo, un cristián que debe entregar esa planta para
poder rescatar á súa filla, prisioneira dos musulmáns.
Robin Hood (Walter Scott). Robin Hood vai casar con Mariana
Gilewater cabdo interrope a cerimonia un grupo de soldados do
príncipe Xoán que declara a Robin fóra da lei. Este refúxiase no
bosque de Sherwood converténdose no príncipe dos ladróns. Logo
de mil aventuras, Robin descubre no bosque ao rei Ricardo Corazón
de León, que regresa das cruzadas. Este devolve os títulos a Robin e
por fin pode casar coa súa amada Mariana.
Un yanqui en la corte del rey Arturo (Mark Twain). Viaxe no
tempo de Hank, desde a súa Connecticut natal en 1879 ata a
Inglaterra medieval. Todo é froito da perda de coñecemento que
sufre durante unha pelexa. Cando esperta é convertido en prisioneiro
por un cabaleiro que o leva á corte do rei Arturo.
Outras novelas
Crónicas del señor de la guerra (Bernard Cornwell). Tras a saída dos romanos de
Britana xorden as loitas polo poder. Os saxóns ameazan con invadir o país e a morte do
rei complica a situación, pois o herdeiro é un neno. Unicamente hai un home que pode
salvar o reino, Arturo, un guerreiro mítico que vive protexido polo mago Merlín. Así
comezan as venturas e desventuras deste guerreiro que logra tempos de paz alternados
con outros de guerras e conquistas. Pero o ciclo de Arturo toca fin; a maxia e os antigos
deuses sucumben fronte ao cristianismo.
El caballero del templo (José Luis Corral). Narración ambientada en
sucesos relacionados coa etapa final da Orde do Temple na que se
mesturan episodios das cruzadas e a busca do Santo Grial e que teñen
como protagonista ao templario Xaime de Castelnou.
El médico (Noah Gordon). A novela describe a paixón dun home do
século XI por vencer a enfermidade e aliviar a dor allea a través da
medicina. Levado por esta paixón, inicia unha longa viaxe desde
Inglaterra a Persia onde vive, traballa e experimenta o máis
destacado médico da época, Avicena, do que aprenderá as primeiras
armas da medicina moderna.
El Papa niño (Peter Prange). En 1032, Teofilacto de Túsculo, de 12
anos, converteuse no Papa máis novo da historia co nome de
Benedito XI. Para moitos foi un libertino pero para outros foi un
xoguete manipulado por cardeais e bispos da súa curia. Pero os
maiores inimigos xurdiron cando tratou de acabar coa corrupción
vaticana.
Hildegarda de Bingen (Régine Pernoud). Esta muller foi unha
humilde abadesa alemá do século XII, mística, escritora e
compositora de máis de setenta sinfonías. Os seus sermóns eran
famosos e a ela acudían para consultar todo tipo de asuntos desde os
máis humildes aos emperadores.
Historia del Rey Transparente (Rosa Montero). No século XII,
Leola, unha moza campesiña, vístese coas roupas de ferro dun
guerreira ao que atopa morto. É o inicio dunha novela de aventuras
con elementos fantásticos e tamén do mundo actual.
La sombra el templario (Nuria Masot). En 1265 o Papa, uns
cabaleiros da orde do Temple e un espía tratan de apoderarse dun
pergameo que contén un poderoso secreto. A busca deste documento
provoca varias mortes. Cal é o seu contido e por que tantas persoas
van tras el provocando mortes e desdichas?
Las cruzadas vistas por los árabes (Amin Maalouf). A parir de datos
de cronistas da época e de historiadores, o autor relata a historia das
cruzadas tal e como as viviron no outro campo, o lado musulmán.
Northumbria, el último reino: Sajones, Vikingos y Normandos (Bernard Cornwell). A
novela comeza no ano 866 e está centrada na vida de Utherd, un mozo anglo-saxón que
debe decidir que bando tomar: o dos viquingos cos que se criou ou o do rei Alfredo de
Wessex, por quen non sente ningunha simpatía debido ao modo co que impuxo o
cristianismo. Son tempos escuros nos que Inglaterra comezaba a configurarse e
debaterse entre o choque cultural dos anglosaxóns e os daneses, entre o paganismo e o
cristianismo.
Los devoradores de cadáveres (Michael Crichton). No século X, o
califa de Bagdad envía un embaixador ao rei dos búlgaros, pero o
emisario é secuestrado polos viquingos. Para diplomático, os
costumes bárbaras dos pobos escandinavos resultan salvaxes pero
tamén fascinantes. E xunto a eles e ao seu xefe Buliwyf emprende
unha trepidante aventura: loitar contra os que se comen aos mortos.
Adaptación ao cine co título O guerreiro nº 13.
PARA VER
Arn, el caballero templario (2007). Historia ambientada a mediados
do século XII centrada na vida de Arn Magnusson, un mozo sueco
de ampla cultura e hábil coa espada namorado de Cecilia. Pero as
circunstancias obrigan a separarse aos amantes e mentres ela ingresa
nun convento, el marcha ás cruzadas como cabaleiro templario.
Becket (1964). Recreación do drama histórico sobre o
enfrontamento entre o rei Henrique II de Inglaterra e o seu chanceler
e arcebispo de Canterbury, Tomas Becket, a raíz da decisión real de
recortar prerrogativas á igrexa en 1164.
El aliento del diablo (1993). Damián e a súa familia tratan de
instalarse nun lugar co obxectivo de mellorar as súas condicións de
vida, pero o territorio está dominado por un tirano nobre que intenta
seducir á súa muller. Para sobrevivir terán que enfrontarse ao señor
feudal.
El arquero de Sherwood (1971). Historia de Robin Hood, que cos
seus amigos do bosque de Sherwood agarda o momento de
recuperar o trono usurpado polo seu irmán mentres Ricardo
Corazón de León loitaba nas cruzadas.
El caballero del dragón (1985). Aventuras e fantasía ambientadas
na Idade Media arredor das lendas sobre dragóns, animais temidos
que cómpre exterminar para que non acaben cos humanos e outros
animais. Neste caso, o dragón chega ao castelo de Ruk pola
invocación máxica do alquimista Boecius e ante o perigo que supón
a súa presenza, os habitantes do condado néganse a pagar máis
tributos ata que alguén consiga acabar coa temible fera.
El caballero verde (1984). A decadencia ameaza a corte do rei
Arturo pero un día chega a Camelot un home que se fai chamar O
cabaleiro verde e desafía os cabaleiros da Mesa Redonda a un
xogo: mentres el permaneza inmóbil calquera lle poderá cortar a
cabeza. Pero soamente un acepta o reto.
El capitán fuego (1958). A finais do século XIII un pequeno río
separa os dominios do vingativo e cruel barón Oddo de Serra dos do
xeneroso conde Gualtiero de Roccalta. Un día un campesiño é
descuberto mentres cazaba nas terras do conde, pero este, en lugar
de condenalo o deixa libre. Comeza entón a axudar os que cruzan o
río para liberarse da tiranía do barón e pasa a ser coñecido como o
Capitán fogo. Como vinganza, o barón fai asasinar o conde e culpa o
Capitán, pero coa axuda dos seus amigos logra demostrar a súa
inocencia.
El cerdo de Wat (1996). Película de animación centrada na historia
de dous príncipes xemelgos que foron separados ao nacer: un vive
con luxo como conde e o outro é un pobre campesiño que foi
criado por un agarimoso porco. Pero o destino volve xuntalos e lles
trae numerosas sorpresas.
El guerrero nº 13 (1999). Aventuras dun guerreiro persa que, tras
ser expulsado das súas terras, viaxa ao norte e acaba axudando a un
grupo de viquingos que son atacados por un pobo salvaxe que
destrúe o seus poboados.
El halcón y la flecha (1950). Aventuras ambientadas na rexión de
Lombardía no século XII onde os seus habitantes viven tiranizados
polo conde xermano coñecido cono O Falcón. Un grupo de valentes
trata de liberarse deste dominio loitando coas armas e as estratexias
da época.
El león en invierno (1968). No Nadal de 1183 o rei de Inglaterra,
Henrique II, reúne a toda a familia para decidir quen será o seu
sucesor. Tamén está a súa muller, a intrigante Leonor, repudiada e
encarcerada nunha torre, e os tres fillos: Geoffrey, John e Richard
quen, poucos anos antes e instigados pola súa nai, subleváranse
contra seu pai.
El médico (2013). Adaptación cinematográfica da novela do mesmo
título de Noah Gordon que narra a historia de Rob Cole, un neno
orfo na Inglaterra do século XI que, tras ver morrer a súa nai, decide
que quere ser médico e aprender cos mellores. Para iso terá que
viaxar ata Persia, onde vive o máis importante da época, Ibn Sina, e
con el aprenderá o máis destacado da ciencia médica da época.
El pequeño mago (2012). Película de animación sobre aventuras
duns normandos que asaltan un barco, pero grazas á maxia do fillo
do patrón, Bieito Dubidoso, os asaltantes teñen que fuxir. Isto lle
procura gran fama e provoca as envexas do bispo señor da cidade
que non lle perdoa que o deixase en evidencia pola súa covardía.
El primer caballero (1995). A chegada do cabaleiro Lanzarote ao
reino de Camelot altera a vida dos seus habitantes, especialmente a
posición de Lady Ginebra, que casara con Arturo para asegurar a
protección do reino, pero que se namora do valente cabaleiro.
El príncipe valiente (1954). O príncipe Valiant é enviado polo seu
pai á corte do rei Arturo para ser armado cabaleiro. O seu
obxectivo é estar preparado para enfrontarse ao tiránico Slaigon,
que usurpou o trono paterno.
El reino de los cielos (2005). Aventuras de cruzados en Terra Santa
durante século XII. Godofredo de Ibelin e seu fillo Balian loitan por
manter a paz en Xerusalén, pero as tensións entre cristiáns,
musulmáns e xudeus fan moi difícil o seu mantemento e as loitas
son continuas.
El secreto del libro de Kells (2009). Animación. Aventuras de
Brendan, un monxe novizo de 12 anos da abadía de Kells, na Irlanda
do século IX, onde axuda a construír unha forte muralla para
protexerse dos ataques dos viquingos. Pero a súa vida cambia cando
coñece a un monxe miniaturista e un libro ilustrado inacabado. Para
rematar o libro e enfrontarse aos seus medos, sae da abadía e penetra
nun bosque encantado no que lle esperan mil aventuras.
El señor de la guerra (1965). Durante o século XI, un cabaleiro
normando convértese en señor feudal nunhas terras habitadas por
xente semi salvaxe, pero namórase dunha misteriosa muller pola
que acaba perdendo o poder e o honor.
Erik, el vikingo (1965). O xefe viquingo Thorbald repartiu o reino
entre seu fillo Erloff e o seu sobriño Erik, que recibe a misión de
organizar unha expedición para conquistar e colonizar novas terras
e así tratar de non caer baixo o dominio danés. As tensións entre os
herdeiros dificultan a consecución do obxectivo de Erik.
Ivanhoe (1952). O cabaleiro Ivanhoe trata de conseguir o rescate
para liberar ao seu rei, Ricardo Corazón de León, feito prisioneiro
cando regresaba das cruzadas, rescate que se nega a pagar o seu
irmán Xoán porque así pode seguir usurpando o trono de Inglaterra.
La sangre de los templarios (2004). Entre as orden militares eran
frecuentes as disputas, especialmente coa orde dos templarios,
gardiáns do Santo Grial, unha das reliquias máis valiosas e que
provoca a envexa doutros monxes. A Irmandade de Sion trata de
acabar cos poderosos templarios.
Robin, el arquero de Sherwood (1971). Mentres o rei Ricardo
Corazón de León está prisioneiro en Alemaña, seu irmán Xoán
ocupa o trono e goberna despoticamente en Inglaterra. Para loitar
contra o usurpador, Robin Hood organiza desde o bosque de
Sherwood unha revolución para restaurar ao lexitimo rei.
Las nuevas aventuras de Robin Hood (1994). Película de
animación que recrea algúns dos episodios máis coñecidos deste
personaxe. Co remate das cruzadas, Robin Hood e os seus homes
abandonan o refuxio do bosque de Sherwood, pero o malvado
comisario de Nottingham logra fuxir coa valiosa coroa do rei.
Iníciase entón a persecución e a loita dos homes de Robin que non
poden tolerar a situación.
Los vikingos (1958). Aventuras protagonizadas por estes expertos
navegantes procedentes do norte de Europa. Einar e Eric (fillos do
rei Ragnar pero que ignoraban o seu parentesco) ódianse
mutuamente pero acabarán unidos na empresa de rescatar á princesa
Morgana, prisioneira do rei de Inglaterra e da que ambos están
namorados.
Robin Hood (2010). Robin Longstride é un magnífico arqueiro que
regresa das cruzadas nas que loitou ao servizo do rei inglés Ricardo.
Cando este morre, Robin vai a Nottingham para cumprir a promesa
que fixo a Sir Robert Loxley antes de morrer: levar a súa espada a
seu pai e alí coñece a viúva de Robert, Lady Marion. Mentres,
Inglaterra está sacudida por rebelións internas e ameazas externas
que Robin e os seus tratarán de que non se materialicen nunha
guerra civil.
Robin Hood, príncipe de los ladrones (1991). Cando Robin Hood
regresa a Nottingham logo de loitar nas cruzadas e descubre que os
seus habitantes viven na miseria debido ao altos tributos que teñen
que pagar e que o gobernador é o asasino de seu pai, decide tomar
vinganza. Acompañado dun fiel compañeiro sarraceno, desde o
bosque de Sherwood organiza a loita contra o tirano.
Soldado de Dios (2005). A acción transcorre en Terra Santa en 1187
durante as cruzadas onde un monxe da orde dos templarios cae
prisioneiro nunha batalla. Un misterioso viaxeiro musulmán logra
rescatalo e os dous refúxianse nun oasis, pero o secreto que garda o
musulmán fai que sexan atacados polas tropas de Saladino
orixinándose un enfrontamento de terribles consecuencias.
Recommended