View
240
Download
20
Category
Preview:
DESCRIPTION
Literatura galega 2 bachillerato
Citation preview
TEMA 6. A PROSA ENTRE 1936-1976
1
TEMA 6: A PROSA ENTRE 1936-1976. OS RENOVADORES: Á. FOLE, Á CUNQUEIRO,
E. BLANCO AMOR, NEIRA VILAS.
A Guerra Civil interrompeu a produción literaria galega durante máis dunha década
en Galicia. A actividade editorial trasládase ao exilio onde se publicaron algunhas das obras
que renovarán a nosa narrativa (A esmorga, 1959. Memorias dun neno labrego, 1961, ambas
editadas en Bos Aires). Será a partir de 1950, data da fundación da editorial Galaxia, cando o
cultivo da prosa regrese ás letras galegas1.
Os narradores que publican entre os anos ’50 e ’70 en Galicia podemos clasificalos en
dous grupos:
A) Continuadores da prosa da Xeración Nós. Entre eles2 encontraríase Carballo
Calero, pertencente á Xeración do ’36 e autor da primeira novela de posguerra,
publicada en 1951, Xente da barreira. Esta obra narra a vida de varias xeracións
dunha familia fidalga.
B) Escritores que renovan a narrativa galega, liberándoa da tendencia doutrinaria da
Xeración Nós3. Neles diferenciamos, á súa vez, dúas xeracións:
a. Autores que desenvolven narracións de carácter realista, aínda que dende
diferentes ópticas: Á. Fole (realismo popular), Á. Cunqueiro (realismo
máxico), E. Blanco Amor (realismo social) e X. Neira Vilas (realismo crítico
e épica rural).
b. Autores máis novos ca os anteriores, creadores dunha prosa totalmente
diferente e moderna4. Son os integrantes da Nova Narrativa Galega,
entre os que destacan X. L. Méndez Ferrín, G. Mourullo e C. Casares.
1 Xunto a Galaxia, xurdiron algunhas editoriais, hoxe desaparecidas (Monterrey, Castrelos …) que
apostaron pola publicación de obras en galego. Con todo, debe ser salientada a importancia da editorial Galaxia, sobre todo por tres motivos:
a) Ser continuadora do labor da Xeración Nós (europeísmo, arela de estender o emprego do galego a todos os xéneros literarios …)
b) Servir de ponte entre os vellos galeguistas que a fundaron e os mozos, futuros escritores en lingua galega aos que facilitaron a impresión da súa obra e tamén o coñecemento do publicado antes de 1936.
c) Sentar as bases do sistema cultural e literario galego que se desenvolveu coa chegada da democracia.
2 O propio Otero Pedrayo publicará en 1957 na editorial Galaxia a colección de contos Entre a vendima e
a castiñeira. Nestes relatos volvemos a encontrar a temática da fidalguía. 3 Os integrantes da Xeración Nós coñecían as obras que revolucionaron a forma de narrar no século XX;
mais movidos polo seu afán de estender a mensaxe galeguista, primaron a comunicación e non introduciron apenas novidades técnicas nos seus textos narrativos. 4 A obra dos autores pertencentes á Nova Narrativa Galega caracterízase por introducir técnicas
innovadoras nos seus relatos (monólogo interior, presenza de varios narradores ….) Aínda que estas novidades tamén as cultivaron escritores como Blanco Amor ou Neira Vilas, encontramos diferenzas entre as novelas dos primeiros narradores de posguerra e os máis novos. Na obra da Nova Narrativa Galega apenas rexistramos referencias á realidade concreta de Galicia; a maioría dos espazos onde se desenvolve a acción das súas novelas son urbanos e desempeñan unha función simbólica. Por outro lado, os autores máis novos tamén son os encargados de introducir temas inéditos na literatura galega ata ese momento como é a conflitividade existencial.
TEMA 6. A PROSA ENTRE 1936-1976
2
ÁNXEL FOLE ou o REALISMO POPULAR
Á. Fole nace en Lugo en 1903. Na súa mocidade estivo vinculado ao vangardismo
(dirixiu a revista literaria Yunque); despois da guerra refoxiouse nas montañas luguesas de
Quiroga, escenario de moitas dos seus relatos.
En 1953 publicou Á lus do candil, unha colección de contos unidos por un recurso moi
simple (semellante á técnica do encadramento dos relatos medievais): uns cazadores vense
illados por unha forte nevarada; ao redor do lume (á luz do candil) narran historias que
despois son transcritas por un dos presentes.
Fole destacou como autor de relatos breves nos que recrea o conto popular, tanto
dende o punto de vista temático como da forma.
Nos seus libros ofrece unha visión de Galicia dende unha dobre perspectiva:
A Galicia real, ao desenvolver un tratado etnográfico do mundo rural galego, da
paisaxe (retrata as montañas luguesas do Caurel, do Incio e as terras do val de
Quiroga) e tamén da comunidade que o habita (economía, vivenda, costumes, festas
…)
A Galicia máxica, ao abordar as nosas supersticións, crenzas e lendas (contos de
lobos, de aparecidos, premonicións de morte, visións da Santa Compaña …)
Dende o punto de vista formal, Fole recorre ás técnicas dos contos de tradición oral: a
importancia dos inicios dos relatos (con aproximacións cronolóxicas, “Había tempo que”,
recorrendo á toponimia), imitando a fala dos labregos (emprega vulgarismos e dialectalismos;
utiliza unha sintaxe moi simple) ou introducindo numerosas apelacións ao oínte, procurando a
súa complicidade.
Á. Fole crea un orixinal mundo narrativo baseándose na literatura popular; este factor,
unido a que foi un dos primeiros autores en publicar na posguerra, fan que a súa contribución
sexa dobremente importante dentro da evolución da literatura galega.
ÁLVARO CUNQUEIRO ou o REALISMO MÁXICO
Á. Cunqueiro nace en Mondoñedo5 en 1911. Antes da guerra deuse a coñecer como
poeta vangardista; movido polo mesmo afán innovador na posguerra dedicouse ao cultivo da
prosa, ao teatro e especialmente á creación de relatos.
A obra narrativa de Cunqueiro aparece organizada en dous grandes conxuntos:
1. O grupo que conforman as súas tres novelas que, a pesar das diferenzas que existen
entre elas, participan dunha serie de características comúns:
a) A mestura de realismo e fantasía; mais tamén da cultura popular coa
universal e do humor co lirismo. Nas súas novelas acostuma introducir
como personaxes mitos da literatura universal (Merlín, Xenebra, Sinbad),
os cales humaniza ao compartir coas xentes do pobo galego as súas
vivencias e preocupacións6.
5 Mondoñedo será o marco espacial onde se desenvolve a acción da súa primeira novela, Merlín e
familia. As restantes, As crónicas do sochantre e Se o vello Sinbad volvese ás illas, teñen lugar fóra das fronteiras de Galicia (a Bretaña francesa e a cidade de Basora, respectivamente); con todo, cando Cunqueiro realiza as descricións destes espazos, toma como referencia a paisaxe da súa localidade natal. 6 Dª. Xenebra atende a cociña, Merlín toma a parva e tamén se enferruxa co camiño de quita e pon …
TEMA 6. A PROSA ENTRE 1936-1976
3
Neste proceso de desmitificación interveñen non só os desaxustes
espaciais e cronolóxicos, senón tamén o humor e a ironía con que trata
aos citados mitos; para evitar unha visión degradante dos mesmos, este
humor e ironía combínanse con pasaxes tinguidos de profundo lirismo e
melancolía (descrición de ambientes e personaxes, intervencións destes
últimos …).
b) A tendencia á disgregación da novela, xa que estas se constrúen mediante
o recurso do relato dentro do relato (unha historia garda dentro outra coa
que non apenas mantén relación) ou a acumulación de relatos sucesivos
cun débil fío argumental.
c) O emprego dunha técnica baseada na oralidade, con numerosas
apelacións ao oínte, comentarios do narrador, alusións ás fontes … para
unir as digresións que introduce no relato recorre a unha sintaxe popular:
mediante a conxunción copulativa “e”, a través da xustaposición ou da
subordinación co nexo “que” 7.
d) Emprego dunha lingua culta, mais inzada de arcaísmos e dialectalismos.
Da súa narrativa longa, salientar a primeira obra que publicou na posguerra,
Merlín e familia (1955); nela recréase a un personaxe da materia de Bretaña,
o mago Merlín, que vive retirado xunto á raíña Xenebra en terras de Miranda,
preto de Mondoñedo. A el chegan personaxes presentando un problema, -
que Merlín cura a través da fantasía- e contando cadansúa historia. Toda a
novela está narrada -tempo despois de que acaeceran os feitos- por un
narrador testemuña, Felipe de Amancia, quen na súa mocidade servira de
criado no pazo de Miranda.
2. O grupo que conforman os tres libros de relatos breves (Escola de menciñeiros. Xente
de aquí e acolá. Os outros feirantes). Son narracións nas que encontramos puntos en
comúns coas novela: Cunqueiro volve tomar como modelo o conto oral para realizar
un retrato tanto de seres imaxinarios (meigas, ananos, animais que falan ….) coma de
seres reais, procedentes a meirande parte deles do mundo rural e do vilego.
Estes personaxes protagonizan anécdotas, moitas veces de carácter humorístico,
asentadas na realidade cotiá, pero nas que irrompe continuamente o marabilloso e o
fantástico8.
A achega da obra de Cunqueiro ás nosas letras temos buscala nesa orixinal
combinación de realidade e fantasía, de humor e lirismo, de mundo rural galego e mundos
exóticos desenvolta nunha lingua culta que se expresa a través dunha sintaxe popular; pero
ademais temos que valorar o avance que supuxo fronte á narrativa realizada na época de Nós,
xa que o mindoniense se propuxo como meta liberar a nosa literatura do adoutrinamento no
compromiso galeguista que a caracterizaba.
7 Esta sintaxe popular é a estratexia da que se serve Cunqueiro para facilitar o encaixe de novas historias
dentro do relato, para dotar de verosimilitude os feitos marabillosos narrados e que lle permite a combinación de lirismo e humor … aspectos todos eles esenciais na súa narrativa. 8 Encontramos retratos de personaxes insólitos e curiosos, con poderes extraordinarios, típicos da
Galicia rural e máxica … coma O Coxo de Entrebo, que seguía o rastro dos coellos e as perdices coma un can; Pedro Corto, domador de saltóns ou Xosé Regueiro, que todas as noites tiña o mesmo soño, agás cando ceaba castañas cocidas con leite fresco. Tamén aparecen personaxes da fauna imaxinaria coma o Gatipedro ou o Tordavisco.
TEMA 6. A PROSA ENTRE 1936-1976
4
EDUARDO BLANCO AMOR ou o REALISMO SOCIAL
Blanco Amor nace en Ourense –a Auria dos seus relatos- en 1900. Moi novo emigrará
a Bos Aires, onde completará a súa formación. Traballando de correspondente da prensa
arxentina en Madrid, coñeceu aos integrantes da Xeración do ’27 aos que poñerá en contacto
cos poetas vangardistas galegos9. Defensor da causa republicana, unha vez acabada a
contenda, colaborará activamente cos exiliados galegos.
Ao igual que Cunqueiro, Blanco Amor será poeta vangardista antes de que estoupe a
guerra, mais na posguerra optará por cultivar a prosa. Primeiro no exilio e despois, xa de
regreso a Galicia, publicará obras dramáticas e narrativas.
Blanco Amor escribiu dúas novelas en galego, A esmorga e Xente ao lonxe; ambas
presentan unha serie de motivos recorrentes:
Comparten o mesmo marco espacial e cronolóxico, o Ourense (Auria ou A.) de
comezos de século XX, período que coincide coa infancia do escritor.
Están protagonizadas por personaxes pertencentes ás clases populares ou ao mundo
marxinal que se moven a través dos ambientes indixentes ou subdesenvolvidos de
Galicia de principios do século XX10.
Exploran fórmulas narrativas innovadoras (incorporación de diferentes narradores, do
monólogo interior, da técnica telefónica e do behaviorismo).
Son sometidas a un proceso creativo tamén no aspecto lingüístico. No léxico
empregado atopamos vulgarismos (ademirar), dialectalismos11, aínda que tamén
algún cultismo de tradición literaria (denantes). Estas formas léxicas insírense nunha
sintaxe moi sinxela, tratando de reproducir un rexistro lingüístico propio da fala
popular e/ou vulgar para así reflectir a condición social dos seus personaxes.
Trátanse dunhas novelas nas que se nos ofrece un cadro de tipos e costumes da
sociedade descrita, non exenta de denuncia; este elemento, xunto á incorporación de
novidades técnicas, leva aos críticos a encadrar a narrativa de Blanco Amor dentro da liña
denominada “realista social12”.
Analizando máis as particularidades de cada unha, en A esmorga (Bos Aires, 1959)
asistimos á declaración perante un xuíz dun acusado que en primeira persoa relata a historia
tráxica del e dous compañeiros de bebedela, que acabará coa morte de todos eles.
O emprego dunha técnica telefónica na novela (as intervencións do xuíz veñen
marcadas por un guión) pode deberse a diferentes motivos:
9 Blanco Amor será o encargado de prologar os Seis poemas galegos que García Lorca compuxo.
10 Cómpre salientar que as novelas de Blanco Amor tenden á protagonización colectiva; en A esmorga
os personaxes secundarios son máis de cincuenta. En Xente ao lonxe son cerca de cento setenta. Algún deles incluso se repite, como “María dos Accidentes” ou o municipal “Sardiña”. 11
Nun intento de ser fiel a unha lingua estándar, Blanco Amor utiliza formas dialectais procedentes dos tres bloques lingüísticos de Galicia. 12
O realismo social é un concepto artístico de amplo espectro que reaparece en momentos críticos para a humanidade como a posguerra, as crises económicas. Os artistas adscritos a estas tendencias crean obras de denuncia a través das diferentes artes –especialmente a pintura, cine, teatro e novela-. Na posguerra en España asistimos a un novo pulo deste movemento na narrativa dos anos ’50; esta caracterízase pola procura da obxectividade do narrador, o emprego da técnica do behaviorismo para construír o ambiente e mentalidade dos personaxes e a concentración temporal. Moitas destas características atopámolas nas novelas de Blanco Amor.
TEMA 6. A PROSA ENTRE 1936-1976
5
A pretensión de renovar a narrativa e da procura dun lector “activo”, xa que obriga a
imaxinar as preguntas.
O rexeitamento por parte de Blanco Amor de escribir unha novela bilingüe13.
E incluso pode gardar un certo simbolismo: a xustiza que ten que xulgar ao protagonista é
xorda e muda; dende o comezo do interrogatorio o reo está condenado14.
En Xente ao lonxe (1972), nárrasenos a historia dunha saga familiar, dende o nacemento
do fillo máis novo ata a inminente morte do pai. Por tratarse dunha familia proletaria e
comprometida co sindicalismo, a novela tamén nos ofrece un cadro das tensións ideolóxicas
sufridas pola sociedade de Auria de comezos de século15.
Neste relato conviven varios narradores (primeira persoa do narrador protagonista e de
dous narradores testemuña, emprego dunha técnica epistolar; terceira persoa dun narrador
observador), polo que o lector moitas veces se ve na obriga de deducir a psicoloxía e as
motivacións dos personaxes polo seu comportamento (behaviorismo).
A pesar das semellanzas que gardan ambas novelas, temos que constatar que a mensaxe
que transmiten é diametralmente diferente: en A esmorga, os personaxes están inmersos
nunha espiral de autodestrución16 e violencia; pola contra, en Xente ao lonxe, encontramos
unha alegación en defensa dos dereitos dos oprimidos e desherdados, máis aló de que esta
defensa da colectividade teña graves consecuencias a nivel individual.
Entre as obras narrativas escritas en galego por Blanco Amor tamén encontramos un libro
de contos, Os biosbardos (1962); nel volvemos atopar o mesmo marco espacial e temporal ca
nas súas novelas. Mais neste caso, os protagonistas son nenos que narran en primeira persoa
vivencias que arrastran o tránsito á adolescencia: a autoafirmación, a incomprensión, a
descuberta do sexo, a negación das normas dos adultos …
Blanco Amor ocupa un lugar destacado na literatura galega porque nas súas obras nos
ofrece un interesante estudo da condición humana e tamén por incorporar novas técnicas
narrativas aos seus relatos, as cales van ter continuación na década dos ’60, cando aparece
unha nova xeración de escritores que se deron en chamar Nova Narrativa Galega.
XOSÉ NEIRA VILAS, a ÉPICA RURAL ou o REALISMO CRÍTICO
Nace en Gres (Vila de Cruces, Pontevedra) en 1928, no seo dunha familia labrega; as
dificultades económicas e o desexo de ampliar a súa cultura lévano a emigrar na súa
mocidade. Estas dúas vivencias, a infancia e adolescencia nunha aldea atrasada e a emigración
á grande cidade aparecen reflectidas na súa obra narrativa. Deste xeito, podemos dividir os
relatos de N. Vilas en dous grandes grupos:
Obras que xiran ao redor da emigración e do mundo urbano. Nelas afonda nos
sentimentos (illamento, morriña) e as dificultades dos galegos que teñen que
13
Polas declaración do acusado, Cibrán Canedo, sabemos que o xuíz se expresa en castelán. Son numerosísimas as ocasións en que manifesta non entender o que se lle pregunta. 14
O feito de que Cibrán Canedo morra ao final da novela polos golpes infrinxidos pola Garda Civil abondaría nesta interpretación. 15
As condicións eran moi semellantes ás que estaba a padecer a sociedade galega no momento de publicación da novela. Blanco Amor quixo realizar unha crítica da situación pero trasladando a acción a outra órbita temporal. 16
Para moitos críticos, A esmorga é unha novela existencialista, na que se nos dá unha visión pesimista do ser humano, que non é dono do seu destino debido aos determinantes psicolóxicos e sociais.
TEMA 6. A PROSA ENTRE 1936-1976
6
marchar. Tamén ofrece unha visión crítica da vida nas grandes cidades (soidade,
masificación …)
Obras que xiran ao redor do mundo da aldea. Estas, á súa vez, podemos subdividilas
en:
o Narracións nas que o mundo rural é observado dende a óptica infantil ou
adolescente. Nelas mostra unha sociedade campesiña marcada pola
opresión, a pobreza e o atraso, onde a única saída é a emigración.
Estaría neste grupo Memorias dun neno labrego (Bos Aires. 1961), un
relato protagonizado por un neno que, en primeira persoa, narra as
súas vivencias, ao tempo que realiza unha crítica implacable da
sociedade rural.
Memorias dun neno labrego foi o primeiro best-seller da
lingua galega e conta, ademais, con numerosas traducións a
outras linguas, algunhas tan afastadas como o chinés, o ruso e
o búlgaro.
o Narracións nas que o mundo rural é observado dende a óptica dun adulto.
Nelas encontramos unha sociedade marcada pola violencia e os prexuízos dos
que as persoas non poden escapar.
Neira Vilas introduce na súa narrativa técnicas innovadoras (a ruptura temporal, a conversa
dirixida a un suposto oínte …) e aí reside a súa grande achega á literatura galega: demostrar
que é posible un tratamento moderno da realidade rural galega.
GUIÓN-RESUMO TEMA 6. A PROSA ENTRE 1936-1976
A Guerra Civil interrompeu a produción literaria galega durante máis dunha década.
A actividade editorial trasládase ao exilio.
Reiníciase a publicación de obras narrativas en 1950, sobre todo a partir da fundación
da editorial Galaxia
Os narradores que publican entre os anos ’50 e ’70 en Galicia clasificámolos en:
C) Continuadores da prosa da Xeración Nós.
- Carballo Calero, autor da primeira novela de posguerra, Xente da barreira (
1951). Narra a vida de varias xeracións dunha familia fidalga.
D) Escritores que renovan a narrativa, liberándoa da tendencia doutrinaria da
Xeración Nós. Neles diferenciamos:
a. Autores que desenvolven narracións de carácter realista dende diferentes
ópticas: Á. Fole (realismo popular), Á. Cunqueiro (realismo máxico), E.
Blanco Amor (realismo social) e X. Neira Vilas (realismo crítico e épica
rural)
b. Autores pertencentes á Nova Narrativa Galega; seguen tendencias máis
innovadoras: X. L. Méndez Ferrín, G. Mourullo e C. Casares.
ÁNXEL FOLE ou o REALISMO POPULAR
BIOGRAFÍA:
Lugo (1903).
Mocidade, vinculado ao vangardismo.
Despois da guerra refúxiase nas montañas de Quiroga, escenario dos seus relatos.
TEMA 6. A PROSA ENTRE 1936-1976
7
OBRA:
Á lus do candil (1953).
o Colección de contos unidos por técnica do encadramento.
o Argumento: uns cazadores vense illados por unha forte nevarada; ao redor
do lume (á luz do candil) narran historias que despois son transcritas por
un dos presentes.
Fole recrea o conto popular, tanto dende o punto de vista temático como da
forma.
o TEMA: ofrece unha visión de Galicia dende unha dobre perspectiva:
A Galicia real. Desenvolve un tratado etnográfico do mundo rural
galego, da paisaxe (retrata as montañas luguesas) e tamén da
comunidade que o habita.
A Galicia máxica, aborda supersticións, crenzas e lendas.
o Na FORMA recorre ás técnicas dos contos de tradición oral:
Importancia dos inicios dos relatos
Imita a fala dos labregos
Introduce numerosas apelacións ao oínte procurando a súa
complicidade.
IMPORTANCIA DE FOLE NA LITERATURA GALEGA:
Crea un orixinal mundo narrativo baseándose na literatura popular.
Foi un dos primeiros autores en publicar na posguerra.
ÁLVARO CUNQUEIRO ou o REALISMO MÁXICO
BIOGRAFÍA:
Nace en Mondoñedo, espazo onde se desenvolven moitos dos seus relatos, en 1911.
Antes da guerra: cultivou a poesía vangardista.
Posguerra: dedicouse á creación de pezas teatrais e de obras narrativas.
OBRA NARRATIVA.
Dividímola en:
1. Novelas. Presentan unha serie de características comúns:
a) A mestura de:
Realismo e fantasía.
Cultura popular e universal.
Humor e lirismo.
- Acostuma introducir mitos da literatura universal, os cales humaniza ao
facelos compartir coas xentes do pobo galego as súas vivencias e
preocupacións.
- Para desmitificalos tamén recorre ao tratamento irónico e humorístico dos
mesmo; mais evita dar unha visión degradante, axudándose sobre todo do
lirismo que proxecta sobre eles.
b) A tendencia á disgregación da novela, construídas mediante o recurso do relato
dentro do relato ou a través da acumulación de relatos sucesivos cun débil fío
argumental.
TEMA 6. A PROSA ENTRE 1936-1976
8
c) O emprego dunha técnica baseada na oralidade, con numerosas digresións que
intercala no relato a través unha sintaxe popular: oracións introducidas pola
conxunción copulativa “e”, mediante xustaposicións ou oracións subordinadas
introducidas polo nexo “que”.
d) Emprego dunha lingua culta, pero inzada de arcaísmos e dialectalismos.
Salientar Merlín e familia (1955), recreación da Materia de Bretaña: o mago
Merlín vive retirado en terras de Miranda (Mondoñedo).
o Os personaxes que veñen visitalo contan cadansúa historia e el cúraos
a través da fantasía.
o A historia é narrada tempo despois por Felipe de Amancia, criado de
Merlín.
2. Relatos breves. Repiten algunhas características das novelas:
Toman como modelo o conto oral.
Retratos de seres imaxinarios e reais (procedentes do mundo rural e vilego),
pero nas anécdotas que protagonizan irrompe continuamente o marabilloso
SIGNIFICADO DA OBRA DE CUNQUEIRO:
Orixinal combinación de realidade e fantasía, humor e lirismo, mundo rural galego e
mundos exóticos desenvolta nunha lingua culta que se expresa a través dunha sintaxe
popular.
Liberou a nosa literatura do adoutrinamento no compromiso galeguista que a
caracterizaba dende a época de Nós.
BLANCO AMOR ou o REALISMO SOCIAL
BIOGRAFÍA
Nace en Ourense –a Auria dos seus relatos- en 1900.
Emigra a Bos Aires.
o Traballando de correspondente da prensa arxentina en Madrid, coñeceu aos
integrantes da Xeración do ’27 aos que poñerá en contacto cos poetas
vangardistas galegos.
Unha vez acabada Guerra Civil colaborará activamente cos exiliados galegos.
OBRA
Antes da guerra, poeta vangardista.
Posguerra, cultivará a prosa (teatro e narrativa).
NOVELAS
Presentan unha serie de motivos recorrentes:
Idéntico marco espacial e cronolóxico, o Ourense (Auria ou A.) de comezos de século
XX.
Os protagonistas son personaxes pertencentes ás clases populares ou ao mundo
marxinal, polo que as súas novelas constitúen un retrato da Galicia indixente e
subdesenvolvida de principios de século.
Presenza de fórmulas narrativas innovadoras.
Orixinal recreación lingüística: sintaxe sinxela e no léxico introduce vulgarismos,
dialectalismos coa intención de recrear un rexistro popular e/ou vulgar, propio da
condición social dos seus personaxes.
TEMA 6. A PROSA ENTRE 1936-1976
9
Os críticos insiren as súas novelas no chamado “realismo social” tanto polo tipo de sociedade
descrita, como pola presenza de denuncia.
A esmorga (Bos Aires, 1959), relato en primeira persoa dun reo nun interrogatorio.
o Narra unha noite de bebedela e transgresión que remata coa morte dos seus dous
compañeiros de esmorga.
o O relato discorre a través do emprego dunha técnica telefónica no que as
intervencións do xuíz veñen marcadas por un guión. Motivos:
o Procura dun lector “activo”.
o Evitar a escritura dunha novela bilingüe.
o Agacha certo simbolismo: a xustiza é xorda e muda e o reo está condenado
de antemán.
Xente ao lonxe (1972), historia dunha saga familiar na que de fondo asistimos ás
tensións ideolóxicas sufridas pola sociedade de Auria de comezos de século.
o Presenza de varios narradores en primeira persoa e dun narrador observador
obriga ao lector a ter que deducir a psicoloxía e as motivacións dos personaxes
polo seu comportamento (behaviorismo).
A mensaxe que transmiten ambas novelas é oposto: En A esmorga, os personaxes
están inmersos nunha espiral de autodestrución; en Xente ao lonxe, encontramos
unha alegación en defensa dos dereitos dos oprimidos.
CONTOS:
Os biosbardos (1962).
o Ambientadas na Auria de comezos de século.
o Son narracións en primeira persoa.
o Os protagonistas son nenos que relatan vivencias propias do tránsito á
adolescencia.
SIGNIFICADO DE BLANCO AMOR NA LITERATURA GALEGA
Nos seus relatos presenta un interesante estudo da condición humana.
Incorpora novas técnicas narrativas o que o converte nun antecedente da Nova
Narrativa Galega.
XOSÉ NEIRA VILAS, a ÉPICA RURAL ou o REALISMO CRÍTICO
Nace en Gres (Vila de Cruces, Pontevedra) en 1928,
Na súa obra narrativa reflicte, basicamente, dúas experiencias autobiográficas: a
infancia e adolescencia nunha aldea atrasada e a emigración á grande cidade.
OBRA NARRATIVA
Podemos dividir os seus relatos en dous grandes grupos:
a) Obras que xiran ao redor da emigración e do mundo urbano.
Afonda nos sentimentos e as dificultades dos galegos que teñen que
marchar.
Ofrece unha visión crítica da vida nas grandes cidades.
b) Obras que xiran ao redor do mundo da aldea. Estas, á súa vez, podemos
subdividilas en:
o Narracións nas que o mundo rural é observado dende a óptica infantil ou
adolescente.
TEMA 6. A PROSA ENTRE 1936-1976
10
Mostra unha sociedade campesiña marcada pola opresión, pobreza e
atraso. A obra máis representativa sería Memorias dun neno labrego
(Bos Aires. 1961),
Relato contado en primeira persoa e protagonizado por un
neno.
Realiza unha crítica implacable da sociedade rural.
Foi o primeiro best-seller da lingua galega e conta con
numerosas traducións a outras linguas.
o Narracións nas que o mundo rural é observado dende a óptica dun adulto.
Retrata unha sociedade marcada pola violencia e os prexuízos.
SIGNIFICADO DE NEIRA VILAS NA LITERATURA GALEGA
Introduce na súa narrativa técnicas innovadoras demostrando que é posible un
tratamento moderno da realidade rural galega.
ACTIVIDADES
1. Na páxina 245 do libro encontramos un texto de Fole. Que características do conto
popular atopas nel?
TEXTO 1:
Eu ía de Savane para Vigo cun camión de madeira. Eran vigues de concheiro e de castiñeiro bravo das devesas de eiquí, do Caurel. Levounos dous días derrubalas e tronzalas, pois o terreo é moi custoso. Inda parece que estou ouvindo as ruxidoiras daquiles ríos de escumas de neve, que se esfragan polas freitas... O camión guiábao David. Xantaramos en San Martín de Queiroga en cas do Vicente da Toca. Todo o viño que beberamos saíanos en grosas pingueiras polo sarnizo
17 abaixo... [...] Ao chegar a unha aldea da
orela do río, unha muller que levaba, para se gorecer do sol, un paraugas aberto, atravesou a estrada. [...] E dixo o David: -Velaí a meiga de Torgán, que tanta sona ten en toda a comarca. Escoita iste conto... En Torgán viviu moitos anos o meu curmán Valerio, inantes de se ir para as Américas. Alí casou con Varisa, unha rapaza moi xeitosiña por certo. Unha vez roubáronlle tres pitas, e foise cabo da meiga, para que lle dixera quen fora o raspiñeiro. A meiga faloulle diste xeito: -Ben o debías saber ti, pois vivides porta con porta. Entón dixo a Varisa: -Así me leve o demo se non foi a Sabela. -A mesma -respondeu a meiga-. Vaite para o sábado á feira de San Clodio, e alí verás as túas pitas. [...] Foise a Varisa á feira e alí viu á Sabela, que tiña as tres pitas roubadas metidas nun queipiño de bravádegos
18. [...]
Fora o que fora, a Varisa prometéralle á meiga un cabuxo que tiña. Mais despois pensouno mellor, e como o cabrito valía máis que as tres pitas, inanque todas tres foran moi poñedoras, tan só lle deu unha ducia de ovos. Pois ben, unha vez que estaba a Varisa cosendo na solaina da súa casa, pasou por alí a meiga e berroulle. -Non me quixeches dar o cabuxiño?... Pois hancho de comer os lobos! E despois papexou unhas falas e fixo us xogos coas maos. A Varisa estaba soa na casa. Seu home e seu fillo, Farruquiño, un rapacete de dez anos, saíran pola mañá cedo co carro a rozar monte. Levaran carabela
19 para todo o día.
Colleu o cabrito e levouno a cas dun veciño que estaba cocendo o pan. Pregoulle que llo matara e que llo deixase asar no forno. Despois de feito isto, levouno para a casa para que non se derramara [...]. Pechou
17
Sarnizo: espiñazo. 18
Queipiño de bravádegos: cesto pequeno e cadrado feito de varas de castiñeiro novo. 19
Carabela: cesto con comida para comer no campo.
TEMA 6. A PROSA ENTRE 1936-1976
11
a casa e foise gadañar o outono. [...] Habería cousa máis graciosa que rirse dunha meiga? Inantes que o paparan os lobos, paparíano iles. [...] Pola tardiña baixa, volveron do monte o Valerio e o seu fillo.[...] Ao pasar ao pé dunha xesteira, o pequeño oíu garniar. Meteuse entre as xestas, e pouco despois saía de alí con dous lobetos pequechiños. Díxolle ao pai que llos deixara levar á casa e crialos. Cousas de nenos... Hei de advertir que o neno fora criado con moito meco, por ser fillo único. O pai, despois de moitas voltas, dixo que si. [...] Chegaron á casa entre lusque e fusque, como se di por eiquí. Namentres o pai desxunguía os bois, o pequerrecho [...] abriu a porta e botoulles leite aos dous lobetos nunha fonte de barro. Non sei se la lapexaron ou non. Despois foi cabo do pai, a axudarlle a descargar o carro. Logo volveu a Varisa do prado.[...] Na mesma soleira da porta da cociña estaban os dous lobetos, loitando a dentadas por quen se levaría o cabrito, xa esganifado, que sacaran da artesa. Á Varisa, case que lle deu un súpeto. Entre prantos e salaios contoulle a seu home todo o que lle pasara coa meiga. [...] E para rematar iste conto: As meigas atinan sempre...
Ánxel Fole: Á lus do candil (adapatación). 2. Contesta as seguintes preguntas referidas ao texto 1:
a) Que información nos aporta o relato da Galicia real e da Galicia máxica? b) Que técnicas emprega baseadas no conto popular?
3. Na páxina 251 do libro encontramos un texto de Os outros feirantes. Contesta as seguintes preguntas: a) Que elementos procedentes do relato oral figuran no fragmento? b) Sinala os elementos realistas e os máxicos da narración? c) Que tipo de final ten o texto? TEXTO 2
Sempre lle ouvín falar a meu señor amo Merlín con moito respecto da antiga cidade de Braga, de onde era nativo, e nela tiña rico aposento nun pazo da rúa dos Confidentes un xentil cabaleiro portugués, de fina nobreza e moitos posibles, don Esmeraldino da Câmara Mello de Lima, visconde de Ribeirinha. Foi iste don Esmeraldino visconde, polo que dil teño escoitado a un seu criado de librea i escopeteiro, o home máis fermoso de Portugal no seu tempo, mui lucido de luares, e cunha mirada tan triste nos grandes mouros ollos, que parecía, dicen, que cando demoradamente vos miraban, que era como si unha brétema de escuros aloumiños saíse, pra envolvervos, por entre a azadeante seda das longas perfebas. Con soio esta mirada espertaba grandes amores, pro aínda lle axudaba o que era pequeno e xeitoso de movimentos, convidador i en galanos de mérito a vontade mui doada. Traguía a Braga as modas de París, tando de vestir e chaleques coma de baile, tanto de peiteados como de xogos, e aínda puña verbas de moda cando de Francia viña, como sentimental, bombón, nenúfar, e “le merde latine” e “le doré aux cochons”, frases istas derradeiras para siñalar, dispensando, aos cregos i ao arcebispo, respeitivamente..."
4. Que características da narrativa de Cunqueiro atopas neste texto? TEXTO 3 — Si señor, si; os mesmos. O Juan Fariña e o Eladio Vilarchao, que están eí nos papeis, son o Bocas e o Milhomes polos alcumes, que é como aquí nos coñecemos todos e que non ofenden a ninguén, porque Xan e Aladio poden ser calisquera , pero o Bocas e o Milhomes só poden se-los que son, do mesmo xeito que eu son Cipriano Canedo e me chama Cibrán ou o Castizo; como vostede guste, pois o meu pai tiña un castizo para servire porcas con licencia.... Anque tamén me chaman o Tiñica e o Puchapodre porque de rapaz tiven a tiña, que me durou astra mozo, e andaba coa gorra moi apegada...... — Non, señor, non; non é que me importe senón pra que me entenda, pois tamén lle tivemos un capataz, que era das partes dos murcios, que aínda falándolle na súa fala non nos entendiamos... Pois indo ó asunto, eran Xanciño o Bocas, ou o Alifante, ou o Peitodemacho, e mais Aladio o Milhomes, ou o Papaganduxos, ou o Setesaias, ou o Maricallas, tamén como a vostede lle pete, que eiquí todos temos
TEMA 6. A PROSA ENTRE 1936-1976
12
onde escoller... Conque arrodeáronme rindo e zapicándome nas costas, i o Milhomes biliscándome na entreperna, como tiña por fodida costume, e queréndo botarme a manta por enriba. Deixáraos na taberna do Narizán, facía dous días, que era sábado, no comenzo dunha daquelas esmorgas que os fixeran tan sonados entre todos os esmorgantes de Auria e os arredores, nas que se metían e non saían até quedar guindados por eí, case decote nun calexón ou nun carreiro das aforas de onde os apañaban os veciños ou municipais para botalos na perrera ata que se lle fose a rolla, ou ata que os irmaos fosen pedir por eles….“
5. Que características da narrativa de Blanco Amor atopas no texto? 6. Como se presentan aos personaxes?
TEXTO 4 — Non, señor, non: Non teño máis nin menos vountade de falar da que tiña onte. O que pasa é que agora cómpreme remoer ben as cousas antes de as dicir. Estiven remoéndoas a noite inteira, que leve o diaño o que durmín, pero as condanadas ensaríllanse todas, en rolda polos miólos i a cabalo unhas das outras, que xa nin sei as que foron antes e as que foron despois, que ata me somella que tantas cousas non puideron ter pasado nunha noite, como cando un soña, que somellan non ter tin e pasan nun instante... Porque eu dígolle que o que pasou nesa noite é coma se pasase nunha chea de noites apegadas unhas ás outras, sin día no medio, ou así, como xa dixen denantes... De tal modo que non sei como escomenzar. — Está ben, si señor... Pois os feitos é que estábamos aparvados de cansado e de bebida e non sabíamos para onde coller, pois as cousas fóranse pondo de mal en peor, e púnanos medo írmonos a meter onde houbese xente coñecida, i a nos coñecíannos en todos os sitios onde quixesemos ir... O tempo cambiara outra vegada para frío. Nos arrabaldos non se vía alma viva...
7. Este fragmento localízase na metade do interrogatorio de Cibrán …. Que cambios percibes na actitude do narrador-protagonista respecto ao anterior?
8. Como asume Cibrán a responsabilidade dos feitos que protagonizara? TEXTO 5 “– –Non señor, non lle foi eisí como está nise papel que leron, que os papeis teñen conta do que lle poñen enriba, anque non foi moito o que entendín. Eiquí, o siñor, bulía moito a ler, e a máis diso non estamos moi afeitos a ouvir ler en castelán, que eiquí non o falamos; e cando un que non sexa señorito se bota a falalo, decímoslle que fala castrapo… Pro, con todo, non foi eisí anque o diga a Guardia Civil, a tía Esquilacha ou o sulsuncordia, con premiso da súa cara. Nin do escomenzo das cousas, nin do que veu dimpois nin do remate, ninguén sabe nada porque ninguén viu nada, ou si o viron non repararon, que unha cousa é vere e outra reparare. – –Eu, como xa dixen, que eí non o apuntaron, ía pra o meu traballo. Ía pra o meu traballo, eisí Deus me dea, que endexamais saíra da miña casa, ou da casa da Raxada, que pra o conto vén sere o mesmo, tan determiñado a ir pró traballo. O sábado fora a Raxada a buscarme ás obras e fixeramos as paces, por mor dela, que a quero ben, pro máis por mor do pequecho que xa vai pra catro anos e como é tan espilido xa vai entendendo das cousas dista vida… Dormín con ela o sábado e mais o domingo, que boa falla me facía, pois mulleres hai moitas, pro como ela, ó menos pra min… Dunha noutra, tanto me palicou que… Como facía tanto frío e dormiamos moi apegados, non tiña máis remedio que escoitala, e a máis diso, tiña razón…(…) Pro, á parte de todo sobráballe razón. O rapaz non tiña culpa de ter nado nin de que a súa nai fose unha churriana i o seu pai un borracho… Borracho, pro non larchán, hai que decire as cousas como son.. aló estaba o probe engruñado ao pé da cama, nun endrollo de farrapos e cobertores vellos. Cando acendía a vela para ir facer as miñas necesidás abría os allos que os ten lerchos e azuis coma a súa avoa, e botábame un sorriso. Dormírase i espertaba cada tanto, rendo nas rosquillas que eu lle levara. E aínda unha vegada tiven que me erguer para encorrentarlle un rato que lle andaba nelas, e deille un grolo
aquel viño con romeu e zucre que tiñamos a quecer no braseiro… Porque o meu Lisardiño…” 9. Sinala no texto … a) Algunhas das expresións con que o narrador se dirixe ao xuíz.
TEMA 6. A PROSA ENTRE 1936-1976
13
b) Algúns elementos que indiquen a tenrura con que o narrador-protagonista se refire á Raxada e ao seu fillo Lisardiño.
c) O narrador-protagonista manifesta a súa dificultade para entender o que lle leron en castelán. Con que palabras expresa a súa dificultade? En que outro aspecto se manifesta a diglosia?
10. Busca por internet cadros de temática realista social; describe os puntos en común que ten a súa visión coa que nos ofrece Blanco Amor nas súas novelas (EXERCICIO ORAL). TEXTO 6
Cando era moi rapaz, oía certas palabras sen as entender e que, non obstante quedábanseme na memoria, como se me quedaban, poño por caso, as verbas da gramática que nin se entendían nin había para qué, porque antes de aprendelas un xa sabía falar; e despois dun tempiño, como non se usaban (pluscuamperfecto, subxuntivo) afundíanse non se sabe ónde e víase ben que eran verbas soamente para dalas nas lección e ir aprobando, e despois acabábanse como se morresen. Mais as que ouvía ditas pola xente, de boca a orella, nas reunións da nosa casa, ditas con intención de foran entendidas (que non sei como dicilo), como se lle fora moito nelas aos que as falaban, alporizándose ou sosegándose ao dicilas, ceibándoas con ledicia ou con mágoa, como se se falase de cousas máis de preto, da familia, dos amigos, dos inimigos, estas outras palabras eran: "solidariedade" (que era a máis difícil), "reivindicacións", "esquirol", "asalariado", "fraternidade"…”
11. Que visión da lingua nos ofrece este texto? Podes poñelo en relación coa mensaxe que transmite a novela?
12. Na páxina 246 do libro de texto encontramos un fragmento de Memorias dun neno
labrego. Contesta as seguintes preguntas:
a) Como se presenta o narrador?
b) Que información nos dá sobre a súa vida?
c) Que sente respecto a outros nenos?
d) En que núcleo temático o encadrarías?
Recommended