View
84
Download
9
Category
Preview:
Citation preview
"Mi amo respondeulle que pensase noutras cousas, que aínda
se ía rir unha hora amosándolla ao señor bispo de Lamego. E
que si tocaban a morrer, mellor que chiscarlle o ollo a un
pernil francés era poñerse a formar as contas da ialma.
Chegou daquela de Meira o sobriño do Liaño coa triaca
prepósita i as píldoras de mel sedativa, e menciñou o señor
Merlín ao suízo, e deixámolo nunha sestiña pra ir xantar. E
cando rematamos, i houbo tanta familia pra ver enxagoar a
boca a meu amo e lavalas mans como pra ver as bólas de
neve, rubimos a carón do suízo, e xa estaba esperto, cos ollos
vivos, peiteando a perilla.
- Paréceme, meu señor mago, que vou curado -díxolle a mi
amo.
- Tamén eu estou niso, e non é miragre, que a triaca prepósita
está en tal virtú, que ou revira a un dunha vez contras as
aparencias diste mundo, ou de contado sa ao doente. E
demos grazas al Señor por ter chegado a tempo.
Todo isto i outras razón en francesa fala púxolle mi amo ao
suízo, i adiantoulle, segundo souben, unha onza pra seguir
camiño, i o mosiú Simplom agasallou ao señor Merlín cunha
bóla de neve, e don meu amo mandoume escoller, i eu puxen
de preferida a do cabaleiro pasando o monte, polo moito que
me gostaba o baionciño i a música de axóuxeres que tiña a
bóla na caixa de pé. E como anoitece doado en outono,
determinou o señor Merlín regresar a Miranda, pasando o
Pontigo de día, que entre San Lucas e Santos xa ouvea o lobo
en aquelas cavadas, e mandoume montar tras il a
mullerengas, e trotamos tan vivo que parecía que se alongaba
a serán."
Merlín e familia, Álvaro Cunqueiro
Recommended