Click here to load reader
Upload
fundacion-carlos-casares
View
221
Download
7
Embed Size (px)
DESCRIPTION
A LEDICIA DE LER é unha sección que Carlos Casares publicou en La Voz de Galicia de 1975 a 1980, onde trataba temas literarios e lingüísticos, ademais de dar conta das novidades editoriais da época. O texto está adaptado á normativa galega actual.
Citation preview
A LEDICIA DE LER é unha sección que Carlos Casares publicou en La Voz de Galicia de 1975 a 1980, onde trataba temas literarios e lingüísticos, ademais de dar conta das novidades editoriais da época. O texto está adaptado á normativa galega actual. Queremos agradecerlle a La Voz de Galicia a cortesía manifestada en todo momento e as facilidades para achegar este material ao público.
A LEDICIA DE LER
“O Estatuto galego”
CARLOS CASARES
La Voz de Galicia. 1 de xuño de 1975
DOCUMENTOS DA FUNDACIÓN CARLOS CASARES
1
A LEDICIA DE LER. “O Estatuto galego”
La Voz de Galicia1 de xuño de 1975
O Estatuto O Estatuto O Estatuto O Estatuto ggggalegoalegoalegoalego CARLOS CASARES – LA VOZ DE GALICIA. 1 DE XUÑO DE 1975
Había xa tempo que, nos medios cultos máis atentos ao quefacer científico e
intelectual de Galicia, se viña falando da tese doutoral que Xosé Vilas Nogueira,
actualmente profesor adxunto da cátedra de Dereito Político da Universidade de
Santiago, defendera en decembro de 1973, e que versaba sobre o proxecto do
Estatuto de Autonomía para Galicia durante a segunda República española. A dita
tese, que fora cualificada de sobresaínte cum laude polo tribunal, aparece agora
publicada baixo o título O estatuto galego, que enceta a aventura editorial de Edicións
do Rueiro1, e que parece vai camiño de se converter no best-seller do ano, cousa nada
sorprendente dada a sensibilidade política que ultimamente se vén producindo
arredor do problema diferencial galego. O tema, pese a ter sido tratado con
anterioridade, permanecía practicamente virxe, o que ha contribuír tamén sen
dúbida á súa maior difusión.
O libro do profesor Vilas Nogueira é unha análise histórica, sociopolítica e
xurídica do proxecto estatutario galego, estruturado en tres partes, que abranguen
respectivamente a situación sistemática do autonomismo galego e as forzas políticas
fronte ao problema, o proceso histórico do proxecto cos seus momentos principais, e
o estudo xurídico do texto aprobado no referendo celebrado o 28 de xuño de 1936.
A primeira parte analiza o autonomismo galego dende unha perspectiva histórica, que
permite contemplar, aínda que sexa sumariamente e só como introdución ao tema
específico do libro, a aparición das primeiras manifestacións autonómicas xurdidas da
1 Xosé Vilas Nogueira: O estatuto galego, Edicións do Rueiro, A Coruña, 1975.
2
A LEDICIA DE LER. “O Estatuto galego”
La Voz de Galicia. 1 de xuño de 1975
reacción provocada pola invasión napoleónica, e o seu seguinte desenvolvemento
(galeguización do pronunciamento de 1846, comezo do movemento intelectual de
exaltación da cultura galega con Murguía e Vicetto, rexurdimento literario,
federalismo, rexionalismo de Brañas) ata chegar ás Irmandades da Fala (1916) que
son o verdadeiro embrión do nacionalismo galego que achará a súa expresión política
máis xenuína no marco histórico da segunda República e no Estatuto de 1936. O
núcleo desta primeira parte xira ao redor das forzas políticas que protagonizaron ben
como protagonistas ou como antagonistas a cuestión autonomista, e que ademais das
citadas Irmandades, son a Organización Republicana Gallega Autónoma (ORGA), a
Federación Republicana Gallega (FRG), o Partido Galeguista (PG), a Dereita
Galeguista (DG), amén dos partidos españois tanto de dereitas como de esquerdas,
que participaron no proceso a través dos seus efectivos en Galicia, como é o caso do
Partido Radical, de Lerroux, o PSOE, Izquierda Republicana ou CEDA, entre os
máis significativos.
Como xa dixemos, a segunda parte constitúe unha análise sociopolítica dos
momentos principais do proceso histórico do proxecto do Estatuto, que se artellan
sucesivamente ao redor da Asemblea da Coruña de xuño de 1931, (na que se
presentaron un anteproxecto de Estatuto, un proxecto de Bases e unha achega ao
estudo do “Estatuto regional”), da de outubro do mesmo ano protagonizada polo
texto aprobado pola comisión de parlamentarios das Cortes Constituíntes, das
celebradas en Santiago en xullo e decembro de 1932 (de onde ía saír o proxecto
definitivo), das eleccións a Cortes de 1933 e 1936, do triúnfo da Fronte Popular, que
no penúltimo parágrafo do manifesto constitutivo afirmaba: “Los partidos coligados
repondrán en su vigor la legislación autonómica votada por las Cortes Constituyentes
y desarrollarán los principios autonómicos consignados en la Constitución”, e a
3
A LEDICIA DE LER. “O Estatuto galego”
La Voz de Galicia1 de xuño de 1975
conseguinte celebración do referendo no que se aprobou o Estatuto por 993.351
votos afirmativos contra 6.161 negativos e 1.451 en branco.
Na terceira parte, o profesor Vilas Nogueira fai unha análise xurídica do texto
estatutario, comezando pola dos conceptos de Estado e Rexión Autónoma na
Constitución da segunda República, (que é tamén comparativa, ao referirse aos
proxectos anteriores) dos puntos esenciais contidos nos corenta artigos, agrupados en
seis títulos, que forman o texto referendado. Os ditos puntos son: a determinación
territorial da Rexión autónoma, a condición de rexional, os dereitos individuais, o
idioma oficial, a organización do Poder rexional, as atribucións da Rexión, os
conflitos de competencia e de xurisdicción entre órganos rexionais e estatais e a
regulación do procedemento de reforma do Estatuto.
Como se pode apreciar na lectura do esquema exposto, o traballo do autor é
exhaustivo, por moito que prescindira, como el mesmo sinala no prólogo, da análise
económica no seu estudo, e por moito que o seu obxectivo fora, sobre todo, o
establecemento dun material previo que algún día poida servir como base a estudos
históricos. Neste aspecto serán os especialistas na materia os encargados de emitir un
xuízo crítico deste libro que a min, como lector ordinario, conseguiu
entusiasmarme. Non obstante, e de cara a sucesivas edicións, permitiríame facerlle
unha serie de recomendacións lingüísticas ao autor: revisar o uso sintáctico dos
pronomes, especialmente do se, sempre ou case sempre incorrectamente usado
(fenómeno este de influencia castelá que está facendo verdadeiros estragos
ultimamente no idioma), revisar igualmente o uso da partícula do comparativo de
diferenciación, suprimir algunhas solucións ortográficas demasiado persoais e corrixir
igualmente outras migalliñas que afean un pouco a prosa deste libro por tantas razóns
espléndido.
* * *