24
INDICE Presentación ................................................................................... 3 Menos mal que nos queda Europa! ............................................. 4 Bágoas de mel e limón .................................................................. 5 Lembranza 1 ................................................................................... 5 Chámame tola................................................................................. 6 Canción dos profesores adicada ós alumnos .............................. 7 Viaxe a Londres 2009 .................................................................... 8 Mais ................................................................................................. 9 Lembranza 2 ................................................................................... 9 Pesadelo .......................................................................................... 10 Lembranza 3 ................................................................................... 10

camiño do corgo 08-09

Embed Size (px)

DESCRIPTION

revista-escolar

Citation preview

Page 1: camiño do corgo 08-09

INDICE

• Presentación ................................................................................... 3 • Menos mal que nos queda Europa! ............................................. 4 • Bágoas de mel e limón .................................................................. 5 • Lembranza 1................................................................................... 5 • Chámame tola................................................................................. 6 • Canción dos profesores adicada ós alumnos.............................. 7 • Viaxe a Londres 2009.................................................................... 8 • Mais ................................................................................................. 9 • Lembranza 2................................................................................... 9 • Pesadelo .......................................................................................... 10 • Lembranza 3................................................................................... 10

Page 2: camiño do corgo 08-09

• Lembranza 4................................................................................... 10 • Alimentos transxénicos ................................................................. 11 • Pesadelo antes do Nadal ............................................................... 12 • Lembranza 5................................................................................... 12 • Saudade da miña amiga ................................................................. 13-14 • O tempo dos paxaros .................................................................... 14 • Lembranza 6................................................................................... 15 • Lembranza 7................................................................................... 15 • Terror .............................................................................................. 16-17 • Lembranza 8................................................................................... 17 • Muiñeira para piano....................................................................... 18-19-20 • Lembranza 9................................................................................... 20 • Ríome das miñas desgrazas........................................................... 21 • Aqueles tempos.............................................................................. 22 • Lembranza 10................................................................................. 22 • Lembranza 11................................................................................. 23 • Lembranza 12................................................................................. 23

Page 3: camiño do corgo 08-09

PRESENTACIÓN Ola de novo! Aquí nos tedes un ano máis, e xa son once. (Quen me diga, de 1º de ESO, cal é o ordinal de once, bocata de tortilla!) Un bo grupo de xente que vos ofrece un magnífico número, con contidos como: unha experiencia horrible que semellaba un soño pero era real. (2º de ESO:se sabedes cal colaboración é, bocata!) Dous textos de prosa poética cheos de soños ou alucinacións que agochan o real, porque poñen de manifesto sentimentos profundos, gardados no máis fondo do ser.(Bocata para quen, de 3º de ESO, nos diga os títulos) Un cuarto que te esmaga .Un pobre can namorado. O Nadal é ás veces, unha festa de falsa alegría e consumismo esaxerado. (Saiunos unha rima) Os amores dunha nena, os amores dunha tola, o pranto polo amor.(4º de ESO:Títulos/Bocata) Os recordos do pasado (premio para 1º de Bach) O tempo que todo o desfai, mesmo as lembrranzas.(Premio para 2º) Unha viaxe a Londres de 1º de Bacharelato E MOITO MÁIS Dámos as grazas a toda a xente que colaborou neste número: aos escritores, dos que xa tedes o nome ao pé da súa creación, a Verónica Pampín Villaverde polos seus fermosos debuxos , a Cristina Beceiro Durán, que nos cede o seu traballo de coloreado, do cal por desgraza non podemos gozar ao ser as fotocopias en branco e negro, e especialmente a Ana Castiñeira, colaboradora de fóra do Centro que nos achega información sobre os alimentos transxénicos e grazas á cal, a través das súas “Lembranzas”, dámos unha volta polo barrio de Monelos-Castrillón nos anos oitenta, cando aínda lle quedaba un arrecendo a aldea, baixo a visión encantadora dunha, daquela nena. Fermosas palabras de recordos de infancia. A Ana agradécemoslle ademais a súa participación na maquetación. Queremos felicitar tamén o alumnado que participou nas festas do Nadal e do Antroido: cantantes, e músicos no Nadal, foi un pracer gozar das fermosas voces e das perfectas execucións de pezas de piano, frauta, violín, guitarra… Unha extraordinaria calidade nos disfraces do Antroido. A deste ano foi unha das convocatorias de máis participación. Todas as comparsas merecían premio. Parabéns. E, con mágoa, porque sodes un encanto, temos que despedir o alumnado de 2º de Bacharelato, que nos deixan e dános pena que se vaian. Que teñades moito éxito e, sobre todo, moita felicidade. Pasade por aquí de vez en cando a vernos! Desexamos de corazón que vos guste o Camiño do Corgo 2009. Se queredes participar nel ou mandarnos suxestións, hai un buzón en Conserxería, ou buscade, tamén para dar os premios, a María Xosé.

GNDL

Page 4: camiño do corgo 08-09

MENOS MAL QUE NOS QUEDA EUROPA! Traducimos do xornal La Voz de Galicia do venres 12- XII- 2008:

"O Consello de Europa reclamou onte ás autoridades españolas que garantan que os procedementos xudiciais civís, penais e administrativos que se leven a cabo en Galicia se desenvolvan integramente en galego se así o solicita unha das partes en litixio. Asemade pide que se adopten as medidas necesarias para que o persoal xudicial, especialmente xuíces e fiscais, dispoñan das competencias lingüísticas suficientes para empregar o galego como ferramenta de traballo nos xuízos e na redacción das sentenzas, autos e outros documentos xurídicos. O Consello de Europa, do que fan parte 47 países e que tutela o Tribunal de Dereitos Humanos de Estrasburgo, non ten nada que ver coa Unión Europea, pero del fan parte todos os países da UE xa que unha das

condicións para pertencer ao clube comunitario é estar previamente asociado a el. O Consello, que realizou informes moi críticos sobre materias como os voos secretos da CIA, elaborou un informe sobre o grao de cumprimento de cada Estado membro dos compromisos recollidos na Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias, que reflicte a situación deses idiomas, e da discriminación que padecen os que os teñen como lingua materna no ámbito educativo e na Administración pública. No caso do galego, os expertos do Consello advirten de que os xuíces que desenvolven o seu labor nesta comunidade teñen "unha actitude negativa" cara á posibilidade de que os cidadáns empregen o galego nos xuízos. Asemade, o seu informe sostén que só dez xuíces e dez fiscais, dun total de 234, son capaces de empregalo como ferranenta de traballo. Segundo o Consello, ademais, os xulgados que redactan as súas sentenzas e autos en galego "son casos illados". "A solución, na práctica, é recorrer a tradutores é intérpretes, pero nunca a que o xuíz empregue ese idioma", sostén o Consello, que advirte nesa circunstancia unha evidente discriminación: os procedementos nos que un cidadán reclama ser atendido en galego son moito más longos e adoitan retrasarse máis . "Esa é unha das razóns pola que moitos avogados recomendan aos seus clientes que empreguen o castelán”. No ámbito educativo, o informe do Consello dá un sólido empurrón á rede de Galescolas posta en marcha pola Xunta, que non dubida en louvar. Tamén apoia a estratexia do Goberno autónomo de poñer en marcha un sistema para que os alumnos estuden en galego polo menos o 50% das materias lectivas, co obxectivo de converter o galego " no primeiro idioma do sistema educativo de Galicia".

MX

Page 5: camiño do corgo 08-09

BÁGOAS DE MEL E LIMÓN

Non chores, nena, que afogo nos teus laios queixumeiros. Coas túas bágoas salgadas enchíche-lo mar enteiro.

Cada onda que te molla

é una pena que te morde; Cada remuíño de auga,

unha dor que se remove.

¡Mira, nena, o que fixeches! ¡Molláchesme todo, todo! E aínda che sobran bágoas para limpar os teus ollos.

Non teñas medo por min,

o sol secarame a roupa, pero o sol non cura, nena,

os amores dunha tola.

Elba Rodríguez

LEMBRANZA 1 Era unha casa pequena, pero chea de xente…Chama o avó por nós para ir coller auga para a comida. Botamos todas a correr pola botella de cristal para enchela na fonte, pois leva-la auga é todo un honor… Baixamos polos carreiros, a avoa baixa con nós. Polo camiño facemos frautas coas herbas, cantamos e recollemos rosas silvestres para poñer na mesa. Ó chegar á fonte atopamos só a un paisano collendo na auga…o avó sempre di que se vas xusto antes de comer hai menos xente esperando.

Chegando á casa escóitanse voces coñecidas, xa chegaron pra comer. Coloco as flores nun xarrón de cristal e póñoo no centro da mesa, Raquel serve a auga, Silvia chama a comer…Pecho os ollos e lembro o aroma das rosas silvestres.

Ana Castiñeira

Page 6: camiño do corgo 08-09

CHÁMAME TOLA Chámame tola se me atopas pola rúa berrando. Ningún xesto da túa cara poderá expresalo, non atoparás ningunha canción para representalo. Só me tes a min aquí. E xa sei que é tarde, e que queres durmir. Pero entende que eu non durmirei sen contarcho primeiro. Pensei, nunha noite de profundas pesquisas nas miñas entrañas, en escribir nun papel todo o que nelas fun quen de descifrar. Nun inocente e simple cachiño de papel, no que reflectiría o necesario que é para o meu ser COMPRENDER. E iso lembroume algo moi semellante dos meus soños anteriores, cando o corazón e a razón se envolveron nunha longa batalla na que a terra xemeu, as catro estación fundíronse nunha, os ríos desbordaron... e de todo aquilo saiu unha pequena criatura que devora a miña vida pouco a pouco, e a incerteza volve a afogarme unha vez máis. Meditei en silencio chegando á conclusión de que talvez ese anaquiño de papel non fora ben recibido, que quizais fose mellor ignorar o que dicía para non complicar máis unha vida chea xa de raíces encadeadas. Pois tarde ou cedo a claridade penetraría de novo facendo rexurdir a espléndida vitalidade e, se revelase o que o escrito contiña, ao mellor iso xamais ocorrería. Ignorar o que nel se conta? Ignorarédelo vós? A ignorancia dará a felicidade? Ignorádeo. Facede como se nada ocorrese. Tapade os oídos e pechade os corazóns diante de min para que nada que de min saia vos afecte. Tan só lembrade: nalgún soño profundo dalgunha noite abafante na que as sabas vos afoguen e vos enreden nas súas afiadas poutas... nese murmurio distante e apagado que escoitaredes, lembrade que a min non se me concede a opción de ignoralo, que teño que resistir a asfixia a pleno pulmón, tirada no chan e sen abrir os ollos, a tres pasos da civilización inmortal que non deixa de tentarme cos seus escuros consellos. Se vos decatades, eu estarei agardando que estendades un brazo para axudarme a erguerme. E que sexa o que sexa o que teña que dicirme, abondará para devolverme a esa vida que me quere ser arrebatada. Intento botar terra enriba, pero o burato da alma cada vez faise máis grande e as areas movedizas atrápanme con facilidade... E tanto o que che pido? Nada. Pedir nada paréceche demasiado? Pedir nada paréceche demasiado. KARLA F. CREO

Page 7: camiño do corgo 08-09

Famosa canción que os profesores dedicaron ao alumnado, con moito cariño, na festa da fin do primeiro trimestre.

Os alumnos de Monelos son moi malos de aguantare, cando saen ao recreo, cando saen ao recreo nunca paran de berrare. Pirimpimpin pin pin pin pin hai que mandalos calar para poder resistir. Pirimpimpin pin pin pin pin hai que mandalos calar para poder resistir. Os alumnos de Monelos, sempre chegan tarde á clase, e queren que os profes digan, e queren que os profes digan “deixa, pobriño, que pase”. Pirimpimpin pin pin pin pin ai Ramón mira pr’acá, Irene mira pr’aquí. Pirimpimpin pin pin pin pin ai Sancho mira pr’acá, Lucía mira pr’aquí. Se unha alumna de Monelos, fai unha falcatruada, sempre quere que pareza, sempre quere que pareza que ela nunca fixo nada. Pirimpimpin pin pin pin pin ai Sancho mira pr’acá Lucía mira pr’aquí. Pirimpimpin pin pin pin pin ai Ramón mira pr’acá Irene mira pr’aquí.

Page 8: camiño do corgo 08-09

VIAXE A LONDRES 2009 Compartindo as nosas experiencias con alumnos de Fernando Wirtz, alumnos de Monelos, de primeiro de Bacharelato, puxémonos en camiño o día 22 de Febreiro ao lugar onde pasariamos os nosos seguintes días: Londres. O primeiro día foi como unha predición do que viría despois: tras a agotadora viaxe en avión de aeroporto en aeroporto, un bus levounos ata o noso hostal, percorrendo gran parte da cidade, mentres observabamos polos cristais todos aqueles caracteristicos detalles: xente diferente por todas partes, tendas de moda iluminadas, e un Starbucks en cada rúa. Chegados ó hostal vimos a outra cara da nosa viaxe: as nosas minúsculas habitacións de hotel! Aforro explicar como eran aquelas mañás, cando soaban miles de espertadores ó tempo e varias pernas tentaban moverse entre as moreas de roupa e maletas ciscadas polo chan, buscando algún peite perdido. Deixadas as maletas nas nosas habitacións, tocaba saír e cear fóra, e Covent Garden foi o noso destino. O noso primeiro metro para chegar ata alí, a nosa primeira comida fóra, o noso primeiro contacto con aquela lingua, e sobre todo, as primeiras impresións sobre aquelas rúas que tanto cansarían os noso pés nos días seguintes! E así transcorreron os días: entre carreiras polo metro adiante, tódolos días tiñamos a nosa sesión de "footing" subterráneo seguindo á nosa profesora Raquel polos corredores e escaleiras de tan novo medio de transporte; percorrendo museos, deses dos que oes falar na televisión, co tempo contado, aínda que o aproveitamos ben, e parando cada cinco minutos nun Starbucks para repoñernos cun bo café, ou polo menos, cada vez que atopabamos un (aínda que case se podería dicir que é o mesmo).Tivemos o pracer, tamén, de asistir ao musical Billy Elliot (de volta por Covent Garden), musical que por certo, persoalmente, recomendo moitísimo xa que está moi ben interpretado e é realmente interesante e emotivo) E a nosa última noite, despois dunha intensa semana, vestímonos todos coas nosas mellores galas, e con tacóns e medias tivemos a sorte asistir ao ballet O Lago dos Cisnes, na Royal Opera House. Coa axuda previa do profesor Santi, quen tamén estivo con nós nesta viaxe, gozamos dos diferentes actos, coa marabillosa música de Tchaikovsky e os expresivos bailaríns. Pero non todo foron museos e monumentos na nosa viaxe! Dedicamos horas e horas a.. comprar! e a pasearnos por esas rúas cheas de comercios, de tendas que non pensas atopar pola Coruña nin en soños: Portobello, Camden Town, Oxford street, Picadilly Circus, o Soho e Harrods. De novo, para tódolos gustos: tendas de antigüidades ou souvenirs pola rúa de Portobello; tendas "alternativas" cheas de accesorios rockeiros e góticos, obxectos para o cabelo, e un longo etcétera, en Camden Town, milleiros de tendas polas rúas de Oxford Street, os arredores de Picadilly e, por suposto, o famoso Harrods, grandísimo establecemente para carteiras con bastantes cartos, pero cunha gran variedade de produtos (tanto gastronómicos como de moda, un verdadeiro centro comercia!) Ah! Xa mentei os museos! Visitamos a Tate Modern, o British, a National Gallery, o Victoria and Albert,.. para tódolos gustos! Arte contemporánea no primeiro. Se prefires as grandes pezas de arte non pictóricas, ou obxectos de grande valor (por exemplo, unha interesante coleccion de momias), entón, o British Museum é o indicado, e, non obstante, se prefires a pintura, pero non tan "moderna" e "rara", o ideal é perderse no labirinto de salas da National Gallery (como fixemos nós! cómpre ubicarse no mapa de cando en vez, por experiencia) Pero Londres non está feita só de museos, entre as nosas visitas cóntase o famoso London Eye, unha inmensa noria, ideal para o primeiro día e observar a cidade en conxunto e as súas vistas; o Shakespeare Globe, que é un teatro cunha historia interesantísima acerca desta arte na antigüidade londinense; Oxford, onde tivemos o pracer de coñecer algunhas das instalacións cunha interesante charla sobre a historia e as curiosidades desta universidade (por certo, todo en inglés!) ou a Abadía de Westminster, de belísima arquitectura e xacemento de importantísimas figuras artísticas, sociais, políticas e científicas do mundo (só con camiñar uns pasos podes pasar de estar diante de Shakespeare ou Newton a pasarlle por enriba a Händel ou Darwin). Supoño que deixo moitas cousas sen escribir, pero, aínda así, non son menos importantes, o fundamental da viaxe: descubrir unha nova e interesantísima cidade cun grupo de xente insuperable! Que máis se podería pedir dunha excursión de instituto? Rebeca Pérez Torres

Page 9: camiño do corgo 08-09

MAIS Xa é Nadal, rúas brancas. Xa é Nadal, os nenos xogan. Mais cando decembro morra, morrerán os soños dos homes; voltarán os nenos á escola. Terán pavo en Noiteboa os infelices sen teito. Mais cando xa teñan feito o que tiñan que facer, terán uns cartóns por leito. Reencontraranse as familias. Bicaranse os namorados. Mais ó remata-lo pavo, voltarán ás súas casas cada un polo seu lado. Nacerán os bos desexos. Faránse boas promesas. Mais ó recolle-la mesa, esqueceránse os propósitos e rematará a festa.

Elba Rodríguez

LEMBRANZA 2

Xogabamos ás carreiras de caracois na porta da casa da Señora Lola que era veciña nosa… ela case nunca saía da casa, pero ese día…

Abriuse a porta e alí estaba,… era una señora moi moi grande, vestía con cores moi chamativas, levaba moitas xoias e un turbante na cabeza. A súa cara era redonda e colorada, e a súa voz retumbaba coma unha bucina vella. A pesar do aspecto era unha muller amable e cariñosa. Aínda así, reñeunos por deixarlle a porta chea de babas.

Ana Castiñeira

Page 10: camiño do corgo 08-09

PESADELO

Era unha habitación pintada de branco. Sempre se dixo que as cores claras dan sensación de amplitude… De súpeto, o teito comezou a achegarse ó chan. “Impresión túa” pensei, ata que o tiven a una cuarta da testa. Intentei parar aquilo coas mans e entón souben como se sentía Atlas soportando eternamente o peso da bóveda celeste. Creboume os ósos e caín ó chan. Teimaba desesperada en erguer os brazos que xa non dominaba: dous longos apéndices mortos que penduraban do meu corpo. O terror, a anguria que sentía ó ver que o teito me ía esmagar, fíxome perde-lo coñecemento. Ou quizais foi a enorme dor que xa non sentía, pois aqueles meus brazos xa non eran meus. Debeu ser pouco despois cando morrín, porque é o último que lembro antes de espertar nesta chaira fumegante, deserta. Debe de se-lo ceo; eu xa estiven no inferno e non hai comparanza.

Elba Rodríguez

LEMBRANZA 3

A casa era branca e na parte de diante tiña dúas grandes fiestras azuis. Debaixo dunha delas había un banco pintado do mesmo azul e a cada lado do banco dúas xardineiras onde sempre florecían xeranios. Debaixo da outra fiestra había grandes e preciosas hortensias... A casiña estaba pegada a outras dúas...e todas formaban un impresionante balcón dende o que se podía ver toda a Coruña... toda sen exaxerar... Nós víamos A Coruña enmarcada con dúas fermosas figueiras, que daban os figos máis ricos que probei na miña vida. Alí nese balcón pasabamos moito tempo xogando. LEMBRANZA 4

O avó era un milmañas. Arranxaba todo o que caía na súa man… con unha peculiaridade: que sempre lle sobraban pezas.

Lembro un día na sala, el estaba a amañar un paraugas, eu estaba practicando coa letra a…(hai moito tempo, claro…) o problema era que eu quería face-lo a como a profesora, e por máis que practicaba a min saíame unha pataca pegada a un pau. O avó marchou á cociña e á volta traía un prato con cinza. Colleume a man, manchoume o dedo de negro e dirixida por el pintei no papel un a perfecto, redondiño, como eu o quería. Fixémolo así varias veces, despois collín o lapis e cos ollos pechados, como el dixo, repetín o movemento sen apretar o lapis. O a resultante non era perfecto pero deixou de ser unha pataca.

Ana Castiñeira

Page 11: camiño do corgo 08-09

ALIMENTOS TRANSXÉNICOS Oíra falar deles en poucas ocasións, como algo afastado, irreal ou de ciencia ficción, pero os OXM (Organismos Xenéticamente Modíficados) alias “Transxénicos” xa están aquí…

Un OXM é un organismo vivo que se creou artificialmente manipulando os seus xenes con técnicas de enxeñaría xenética. Estas técnicas sobre os organismos son imprecisas e os seus efectos son imprevisibles no laboratorio, para canto máis se os introducimos no medio ambiente e na cadea alimenticia.

No mundo cultívanse para a venda principalmente soia, maínzo, algodón, colza e arroz transxénicos. Pero nos laboratorios experiméntanse entre outros con xenes de bacteria no maínzo, vaca na soia, couza na mazá, rata na leituga, araña en tomate e pataca, polo en mazá,…etc

Non podemos diferencialos a simple vista, nin pola color, nin olor, nin sabor. Supoño que a maioría da xente, se lle ofrecen un alimento transxénico para comer, rexeitaríao, porén están ocultos en moitos alimentos. O maínzo e a soia están presentes en máis do 60% dos alimentos procesados, e aínda que a lei obriga a etiquetar os alimentos que conteñan máis do 0,9% de OXM ou derivados, en España non existe un sistema que garanta un correcto etiquetado. Ademais, coa maioría dos OXM prodúcense pensos compostos para alimentar a vacas, galiñas, porcos, peixes,…etc, e a lei non obriga a etiquetar os seus derivados (carne, ovos, leite...). E se lle sumamos que as extensas plantacións dos alimentos transxénicos están contaminando colleitas veciñas non dedicadas a este tipo de cultivo, chegamos á conclusión de que os consumidores estamos a comer produtos que non desexamos e sen ser informados.

Os principais riscos coñecidos dos OXM para a nosa saúde son danos no fígado e nos riles, novas alerxias debido ás proteínas introducidas nos alimentos, resistencia ós antibióticos por bacterias prexudiciais, afeccións do sistema inmunolóxico,…etc

Existen moitos países que cultivan alimentos transxénicos, os maiores produtores son Estados Unidos e Arxentina, pero sorprendentemente en Europa é España o país con máis superficie de maínzo transxénico cultivado. Os donos do negocio dos alimentos transxénicos son empresas transnacionais que monopolizan a produción da semente, pesticidas e enxeñaría xenética. A transnacional Monsanto (empresa que hai trinta anos produciu o “Axente Laranxa” que utilizou EEUU na guerra de Vietnam) controla o 91% da semente transxénica e presiona os gobernos para controlar a produción de alimentos. Este control da agricultura e produción de alimentos fai que a riqueza se concentre en mans duns poucos, provocando o incremento da pobreza.

Polo tanto os OXM afectan a nosa saúde, danan o medio ambiente, destrúen ecosistemas, e nin tan sequera disminúen a fame e a pobreza no mundo se non que fan que aumenten. E ante este panorama, que podemos facer nós?

Non dubides en mercar produtos ecolóxicos, xa que non teñen permitido o uso de transxénicos nin derivados. Ademais de tendas e feiras ecolóxicas, onde podes atopar estes produtos, actualmente existen cooperativas de consumo responsable, que entre outras cousas abastecen os seus socios de todo tipo de produtos ecolóxicos a un precio xusto. En Internet podes atopar numerosas cooperativas, e na Coruña estase a constituír a Cooperativa Zocamiñoca.

Cando vaias comprar fíxate na etiqueta, pero se dubidas, existen unhas listas publicadas por Greenpeace (“Lista Verde” e “Lista Roja”) onde relacionan produtos libres de OXM e produtos que conteñen estes compostos. Tamén podes ser espía para Greenpeace dos produtos que vexas que conteñan OXM. Ademais, grazas a Greenpeace, podes solicitar ó teu Concello que se declare Zona Libre de Transxénicos. De todo isto pódeste informar na páxina www.greenpeace.es.

Se non queres consumir alimentos transxénicos, non o fagas. Ti tes a liberdade para elixir o que compras e comes.

Ana Castiñeira

Page 12: camiño do corgo 08-09

Aquí tedes a versión ao galego da primeira das cancións da película de Tim Burton “Pesadelo antes do Nadal” e que será interpretada por un coro de alumnos na festa de fin de curso.

Nenos, nenas e os demais, se vides vouvos ensinar, algo estraño que hai aquí, a cidade de Halloween. Isto é Halloween isto é Halloween, moi quedos na escuridá, isto é Halloween, a función vai comezar, somos travesos e a todos imos asustar. Miña cidade!, imos berrar, na cidade de Halloween. Eu son o monstro que se agocha en todas partes, dentes afiados, ollos moi brillantes. Eu sempre me agocho detrás da escaleira, sempre teño arañas na miña caveira. Isto é Halloween, isto é Halloween, Halloween, Halloween, Halloween, Halloween. Na cidade, que é o meu fogar, o día de defuntos eu vou celebrar. A miña cidade, vaivos encantar, todo o mundo sabe que algo vai pasar. Mira onde vas, moi ben agochado hai algo que te asusta e te fará berrar. Berrar, isto é Halloween, mírao que noxo dá, asusteite, pois hai que ben. Se queredes apostar, tira o dado e a xogar, Brilla a lúa na escuridá.

Si imos berrar, si imos berrar, na cidade de Halloween. Eu son o pallaso que te fai chorar, de súpeto aparece e desaparecerá. Eu son aquela que nunca vedes, eu son o vento aterrecedor, sombra inimiga do astro rei, xeo os teus soños de terror. Isto é Halloween, isto é Halloween, Halloween, Halloween, Halloween, Halloween. Escoitade con atención, sen temor non hai emoción, onda ti eu son feliz, traballando en Halloween. A miña cidade, vaivos encantar, todo o mundo sabe que algo vai pasar. Se Jack Skeleton te atrapa, un susto de morte darache e verás. Isto é Halloween, todos a berrar, imos atrapar a un tipo especial, O noso Jack, qué rei da escuridá, todos aplauden ao rei do mal Isto é Halloween, isto é Halloween, Halloween, Halloween, Halloween, Halloween. Na cidade, que é o meu fogar, o día de defuntos eu vou celebrar.

LEMBRANZA 5

Naquela casa gustaba moito xogar ás cartas, xuntábanse catro ou os que fosen e veña a xogar á brisca… bufaban uns cos outros e as risas oíanse de lonxe. Cada un tiña a súa frase comodín…”estás posto polo autamento”…”vai mamar conexos”…”mexa por riba delas”…a min dábame a risa… Por riba, cando a partida estaba ben disputada, sacábase a botella de anís e aquilo xa non tiña fin…

Ana Castiñeira

Page 13: camiño do corgo 08-09

SAUDADE DA MIÑA AMIGA Aquela tarde confirmei a miña sospeita, vino cos meus propios ollos. Por alí, agochado baixo os vellos castiñeiros do couto, non facía eu outra cousa que o de sempre, andar pensando nela, na miña nena galega, no meu anxo, no meu amor, a miña respiración que certo día deixoume sen alento, transformándome nun triste can fedorento que xa non

poderá volver a uliscar na súa vida o aroma enfeitizado do amor. Eu non son nada, ela é a verdadeira protagonista da miña vida. Pode que ela aínda que fose nun segundo, sentise o mesmiño ca min, ou pode que non, sendo todo unha noxenta mentira onde eu quedei coma un parvo, sen nada, xa que ela logrou matar ata o último recuncho da miña autoestima. Pasaran xa uns cinco meses do derradeiro bico e a miña enfermiza obsesión por ela ía en aumento.

Cando cortámo-la nosa indefinida relación a ela levoulle esquecerse de min o que se tarda en pronunciar un: “síntoo”. A partir de aí pensei que o daría superado, que nesta terra rapazas hainas a moreas e co paso do tempo xa atoparía a outra capaz de devolverme á vida. Pero non é certo. Aínda

Page 14: camiño do corgo 08-09

que me deixasen escoller entre tódalas mulleres do mundo, por diante sempre estaría ela, que me deu o maior dos sentires, a máis grande das felicidades, que rematou por engaiolarse na miña mente en forma de permanente e indestrutible recordo. Agora só podía ollar de vez en cando para ela, intentar convencerme de que existe esperanza para esquecela. Pero nos meus adentros tiña ben asentado que en ningures atoparía a alguén a quen quixese con tanta paixón. Pensaredes vós, meus apreciados lectores, que estes sentimentos son unha esaxeración, mais eu dígovos que non atopo palabras no noso léxico para describir tal profundo sentir. Amores sempre os houbo pero cada un deles ten as súas propias vivencias e experiencias. Para que vos fagades unha idea, ela é especial, diferente, única entre as demais, de espírito humilde, agarimoso, que se reforza coa súa lenta e pausada voz, os seus movementos preguizosos como se flotase no ceo, moi discreta, tanto que pasaba desapercibida para todos os rapaces, agás para min. Moi intelixente, con grandes virtudes para a arte. De pel branca coma a neve e de estatura pequena, de tal xeito que nas súas apertas a súa cabeza quedaba sobre o meu peito, onde ela medía o meu amor ó compás dos latexos do meu corazón. O mellor eran os seus labios, os seus ollos profundos dunha cor inexistente, como un azul oscuro rodeado dun intenso amarelo. Moitas veces tiven medo de perdela crendo que eu non era merecedor de estar xunto a tan brillante ser. Por suposto que o que empeza acaba. Pasaron as horas nas que eu, apampado baixo o meu castiñeiro, observaba como val abaixo ela marchaba co seu novo mozo. Posiblemente non teño pintas de vello can fedorento pero é que este pobre animal aquí presente non ten outra cousa que facer mais que recordar o que lle deu sentido á súa vida. Cando estiveron a punto de perderse de vista ela mirou atrás sen saber que alí deixaba sen dúbida o “meleiro” que máis a ía querer en todo o mundo.

Xavier Melero

O TEMPO DOS PAXAROS

Pasou o verán e non tivo novas súas. Pasou o outono e mailo inverno, e volveu chegar a primavera. O tempo dos paxaros. E, sen avisar, volveron quedar espidas as árbores, sen poder ocultar as súas vergoñas, sostendo nos seus esqueletos os niños baleiros. E pouco a pouco foise baleirando o seu corazón. Tamén as súas lembranzas… Pasaron os anos. As novas chegáronlle no xornal, na sección de defuncións. O caso é que lle soaba aquel nome. Soáballe, pero non se lembraba de que. Dobrou o xornal e púxose a prepara-lo xantar, amolada por non lembrar a cara daquel home. Na fiestra da cociña, rechouchiaba un paporoibo novo. Elba Rodríguez

Page 15: camiño do corgo 08-09

LEMBRANZA 6 Ó lado da casiña había un gran campo separado por un carreiro tan pequeno que se deixabas medrar un pouco as herbas das beiras desaparecía. O carreiro acababa nunha costa de terra e pedras, que naquela época semellaba tan perigosa que só a baixaba correndo miña irmá maior, Silvia. Agora, cando paso por alí e lembro o empinada que parecía naquel tempo…dáme a risa… O caso é que miña irmá Raquel. que tiña máis perigo que a propia costa, intentou baixala correndo…e digo intentou porque a pobre esbarou e caeu de cabeza dando un par de voltas…Pobre!!. Pensando…, esta é a miña primeira lembranza do perigosa que era miña irmá Raquel.

Ana Castiñeira

LEMBRANZA 7

Os días pasaban ledos cando a casa estaba chea… Nas festas a calor tinguía as nosas meixelas de colorado e rebulía alegría nos nosos ollos.

En San Xoán, as ricas sardiñas e as patacas enteiras, con pela e todo, asábanse fóra ó morrer o día. A avoa, mamá e mais nós iamos coller as herbas de San Xoán para poñelas na auga.

Papá comeza a cantar coa súa graza particular e pouco a pouco vanse sumando uns poucos. Papá non deixa que o lume da fogueira morra, ten que aguantar para saltala á medianoite.

A medida que a comida e o viño se esgotan, a festa medra, e alí xa cantan e bailan todos, incluídas nós.

Ó día seguinte a fresca e olorosa auga de San Xoán axúdanos a espertar da festa.

Ana Castiñeira

Page 16: camiño do corgo 08-09

TERROR A noite caía coma un manto oscuro e denso. Unhas pintas de luz salpicaban aquel maxestoso manto. Dúas pequenas figuras asomaban no horizonte. Nese intre no que as vin, saín correndo ó seu encontro. As dúas figuras deixaron de camiñar ó instante e quedaron como paralizadas. As súas ínfimas caras divisadas ó lonxe tiñan un estraño e desagradable aceno. Canto máis me aproximaba, máis claro o vía... que lles sucedera? Non me querían ver?

Cando parei en seco xa era tarde e dérame conta do acontecido. Un líquido cálido e vermello escoaba por todo o meu lombo, e máis pola barriga. O último que vin foi aquel afiado coitelo nos meus costados e saíndo polo ventre. ...Un berro...e os meus ollos abríronse... estaba suando e non tiña ninguna mancha de sangue. Aquela poza que tiña por mantas non servían máis que para conxelarme. Quitei dun tirón as mantas e erguinme, non eran máis das cinco da mañá e xa case non tiña sono. Aquel pesadelo non facía máis que vir á miña memoria... Cada imaxe que viña daquel soño á miña memoria facíame estremecer de medo. Só o latexar do meu corazón me fíxo calmar.

Mércores 29- Setembro-1999

Fun ó lavabo, sequei a suor e metinme na ducha. Intentaba facer que fose un día coma outro calquera, pero non podía evitar estremecerme unha e outra vez... a calquera hora ou nun lugar calquera. Xa chegou a noite, e con ela o descanso do pesadelo. Mércores 6- Outubro-1999 Como é posible? Por que? Que é?... Xa levo unha semana, día tras días tendo ese... soño?... Acaso... perségueme? Que significa? Non o comprendo... Cada día volve comigo, e cada día que pasa teño máis medo... Atopo detalles que antes non vía ou cambia o lugar no que paran... Pero segue sendo o mesmo! Tódalas noites aparezo morta! Por que eu? Non... o comprendo... Creo que o de ver sempre o soño, vaia por onde vaia, sexa a hora que sexa, nun lugar calquera, estame a volver tola. Espero que isto remate pronto... se non... non sei que vai pasar... Mércores 13- Outubro-1999 Outra semana... isto non remata... Incluso fun a un médico e dixéronme que non era nada grave... Que a todos lles pasa algunha vez... que pronto deixará de vir, pero que sobre todo... non me preocupe... Pero como non preocuparse?! Se xa son dúas semanas con el...Xa non coñezo o que é una vida tranquila... xa non...

Page 17: camiño do corgo 08-09

Mércores 20- Outubro- 1999 Pasan os días, cada vez máis lentos... cada vez máis... Comezo a pensar que estou volvéndome tola... cada día máis... En todos os momentos penso naquel pesadelo, que xa se converteu na miña vida... Xa non son dona dos meus pensamentos... xa non.... ese soño domíname...

Mércores 27- Outubro- 1999

Volvín a ve-lo médico.... segue sen dicirme nada... segue crendo que non é nada.... e eu sigo perdendo o control da miña vida... cada día escápame un pouco máis a miña cordura... pero ás noites atorméntame, levo xa unhas semanas sen durmir, xa non sei canto...

Venres 29- Outubro- 1999

“CAMIÑO DO CORGO” “Áchase unha muller morta no seu piso e nunhas estrañas condicións. Un coitelo atravesáballe os costados e saíalle polo estómago. Cando irrompeu a policía no apartamento xa se atopaba morta na cociña. Os informes médicos declaran que a vítima puido ser asasinada, pero que o máis probable é un suicido xa que sufría de insomnio.”

Paula Pérez Torres

LEMBRANZA 8

Lembro o tempo que pasabamos na cociña axudando á avoa. Faciamos fritos, flores, torradas, rosquillas…a min gustábame facer as flores e nas rosquillas competiamos a ver quen as facía máis bonitas…a avoa todo canto sabía ensinábanolo… Non había día que non nos sorprendese con algunha anécdota, conto ou xogo… Ás veces, de tanto rir…choraba…, era moi divertido pasar as horas con ela.

Ana Castiñeira

Page 18: camiño do corgo 08-09

(Composta para piano por Diego Mata Pose)

Page 19: camiño do corgo 08-09
Page 20: camiño do corgo 08-09

LEMBRANZA 9 Todas fomos á mesma gardería: “La Laguna”. Eu pasei alí dous anos antes de comezar o colexio. Moitos momentos acoden á miña cabeza... pero sobre todo lembro que cada día ía buscarlle á tenda do lado o donuts á profesora. Recordo o momento no que a profesora me daba os cartos, lembro perfectamente saír da escola, o camiño que percorría, o cheirume da tenda, a cara de José (o dono da tenda), o seu sorriso estraño e a inesquecible textura do papel co que o envolvía. Como se fose hoxe...

Ana Castiñeira

Page 21: camiño do corgo 08-09

RÍOME DAS MIÑAS DESGRAZAS Rireime das miñas desgrazas... por non chorar. Bosquexarei un sorriso forzado fronte a unha realidade contra a que tratrei de loitar con uñas e dentes, sen ser abondo. A miña cara palideceu e xeóuseme o sangue ao escoitalo. Tiña medo de que os meus temores se cumprisen. E foi o que ocorreu. De novo ese soño. Ha ha ha ha! Resóame xa esa estridente gargallada na cabeza. E ríome mentres un calafrío me percorre o corpo, lendo verbas que eu mesma escribín e que aínda trato de asimilar. Maldita sexa. Entregueiche as armas máis afiadas sen pensar que algún día chegarías a cravalas na miña propia carne. A choiva cae xa sobre os meus ombros, e non dou saído da néboa. Non podo saír da néboa que entorpece os meus sentidos. A vida escórreme entre os dedos como a area na praia, hoxe tan distante. ¿Como sairei de aquí, Dark? Nada deu resultado xamais ¿ Por que vai ser diferente agora? Xerras xeadas de verdades percorren a miña mente e escorpións de consellos crávanseme nas extremidades: Porén, non son as feridas que sangran as que máis me preocupan neste momento. O meu rostro debe semellar unha divertida parodia da que todo o mundo se ri. “Ri comigo, non de min”, pronunciaron os meus beizos. E as palabras arrastráronse até chegar a oídos tapados pola frialdade. Mais débeme pesar a min. Como peixe enganchado nun anzol puntiagudo do que non paran de tirar e tirar, facendo que o sangue abrolle sen descanso e esvare polas escamas. ¡¡¡CÉIBAO, CÉIBAO!!! Debería berrar a túa alma nobre. Aínda que tal vez só sexa un rechamante disfrace que conseguiu enganarme, Pois as túas mans xamais fixeron ningún aceno de obedecer esa orde. Lamentabelmente, a min si que me pesan. Demais. Afúndenme nun bravo mar sen posibilidade aparente de rescate. E o ar acábase e o osíxeno esgótase. Deixei xa de respirar?? Ás veces esperto levemente do meu hipnotismo e pregúntome por que me encerro nesta prisión da que eu mesma trago a única chave que me podería salvar.

Karla F. Creo

Page 22: camiño do corgo 08-09

AQUELES TEMPOS

As pálpebras cegadoras de meniñas sempre ó asexo de lembranzas palpuxantes. Vagalumes de luces escintilantes que alumean remexendo a branca cinza. Seica disque un papaventos de muxicas baila cos doces e santos chuchameles, os parrulos debuxan os seus ronseles cubre o cadro una cortina de chuvisca. Espreitando, enguedellado polas silvas, un ollar de saudade e de raiolas, reivindica un paspallás una gaiola, entolece a rancorosa avelaíña. Nun recuncho de axóuxere esfiañado chora un fraco coitado can de palleiro pola morte dun rapaz e dun salgueiro, polo esquezo dun candil xa requeimado. E nos cumes dos outeiros mais gastados zoa o vento, morre o gando. Elba Rodríguez

LEMBRANZA 10 Cada día, polas mañás, á hora de erguerse para ir ó colexio, repetíase un ritual de despertares... Meu pai espertaba a Silvia (a máis vella), Silvia espertaba a Raquel (a do medio) e Raquel intentábao comigo, pero como non había maneira, tiña que levarme ata a cociña no cabaliño. Ben sabe Deus que as tres somos irmás, pero nos humores...cada unha tira para casa distinta. Teño que recoñecer que o meu despertar é máis lento dende que recordo, pero as risadas delas facíanme escarallar da risa e estar de mellor humor. Porque o humor non faltaba na nosa casa...

Ana Castiñeira

Page 23: camiño do corgo 08-09

LEMBRANZA 11 Pensando na escola “La Laguna”: Acordo os recreos nun pequeno patio traseiro, acordo as clases de ximnasia nas que sempre remataba con exercicios ioguicos relaxantes. Acordo tamén facer inifinitos debuxos que meu tío Xavier colgaba na súa habitación (era o meu maior fan). Acordo en nadal cantar panxoliñas e gravalas nun magnetofón. Acordo no antroido participar no concurso de disfraces vestida de princesa e pirata. Acordo facer moitas figuras de plastilina, afección que compartía co meu avó. Acórdome de Rocío, unha rapaza graciosa, moi pequena non só de idade, senón tamén de estatura. Eu axudáballe a poñer e quitar o mandilón, a ir ó baño, e coidaba dela no recreo. Acórdome tamén de Bruno, compañeiro de mesa e de risas. Hai que ver o moito que se lembra da nenez... en poucos aniños os recordos son infinitos...

Ana Castiñeira

LEMBRANZA 12 Os almorzos cos avós son inesquecibles... Co pan que traían de Lugo, que non se poñía reseso nunca, meu avó facía unhas sopas de categoría. A súa maña cortando o pan tiña sona en toda a familia. Mira que parece sinxelo facer unhas sopas...pero non sei se polo cariño co que as facía ou por maña, as súas sopas eran únicas e insuperables, tanto na presentación como en sabor. Os días comezaban ledos pra todos comendo unha saborosa cunca de sopas do avó.

Ana Castiñeira

Page 24: camiño do corgo 08-09

EDICIÓN E MAQUETACIÓN:Ana Castiñeira COORDINACIÓN: Maria Xosé Sánchez