Upload
carmen-gomez
View
240
Download
1
Embed Size (px)
DESCRIPTION
LENDAS D'A LIMIA 2011 NO IES LAGOA DE ANTELA
Citation preview
LENDAS D’A LIMIA
EDLG IES LAGOA DE ANTELA
A FONTE DA FAME
A aldea de Montecelo está situada nun outeiro e ao redor hai montes. Non
está nin a 1/2 quilómetro d'A Boullosa e é unha aldea pequeniña que terá uns
dez ou quince veciños vivindo alí. Alí na aldea, xa algo no monte, hai unha fonte;
de feito por esa zona hai moitas e todas de augas moi frías. Esta fonte chámase A
Fonte da Fame e din que ao beber nela che entra unha fame moi grande. Encima
da fonte hai unha pedra da que se di que está baleira por dentro e que por unha
parte contén ouro e pola outra veleno. De momento ninguén se atreveu a picar a
pedra porque, segundo a lenda, se picas no veleno morrerá todo o mundo e se
picas no ouro serás o máis rico do mundo.
Quen sabe onde estará o veleno ou o tesouro...?
Eu só sei que a fonte é boa e ten a auga moi fría. Moitas veces bebín dela e
no verán imos alí refrescarnos pero tan fría é a auga que se metes a cabeza de-
baixo sentes frío en pleno verán.
Juan Carlos Álvarez Pérez
Historia e Lenda da Raíña Loba de Covas
Esta lenda non está recollida en ningún libro nin en escritos, desta historia hai
moitos séculos e chegou ata hoxe pola boca das xentes.
Hoxe en día ,existen uns penedos que levan ese nome, penedos da Raíña Loba, na
aldea de Covas. Nestes penedos hai formas en pedra que representan o sitio onde a
Raíña Loba sacrificaba as vacas e as ovellas, o lugar onde se peiteaba, apareceron
tamén en pedra o cepillo e o espello e algo parecido a un tocador cunha cadeira.
A Raíña Loba era una especie moi rara, xa que da cintura para arriba era unha
muller normal, pero tiña o corpo de loba.
De noite durmía nun penedo moi alto e de día baixaba a outro de menor altura,
onde se peiteaba e lavaba. Cada semana comía unha vaca que lle levaba a xente das
aldeas do arredor, polo medo que lle tiñan, posto que se unha semana se esquecían
de levarlle a súa presa a Loba baixaba ás aldeas e arrasaba todo o que se lle puña
por diante, devorando a xente e os animais .
Conta a xente que tiña o pelo moi longo, ata tal punto que para podelo peitear tí-
ñao que botar de diante dos ollos. Pero un día un home das devanditas aldeas foi á
procura dela para matala, e cando se estaba peiteando tiroulle una bolsa de formi-
gas ao pelo, así, mentres a Loba se sacudía, cortoulle a cabeza cunha fouciña.
A raíz de toda esta historia sacáronse uns ditos :
Matastes a Raíña Loba
Cuquexos e Pixeiros
Matastes a Raíña Loba
Fidalgos quedastes vós
lba Augusto Mandianes
LENDA DA RAÍÑA LOBA
Hai moito tempo, nuns penedos de Covas, aldea que está a dous ou tres
quilómetros d'A Boullosa, vivía unha muller moi mala que mandaba naquela
zona.
Tiña ameazada toda a poboación dos arredores, pois esixía que, cada certo
tempo, unha ou máis persoas de cada aldea lle tiñan que traer un becerro ou
outro animal de gando para que ela o sacrificase e o comese. Se non cumprían
coa súa obriga, mataría toda a poboación. A xente estaba aterrada.
Co paso do tempo, a xente das aldeas íase quedando sen gando e sen comi-
da, así que un grupo de homes, seica eran de Pixeirós, decidiron matar a mu-
ller, á que chamaban a Raíña Loba.
Ao día seguinte, ese grupo de homes fóronlle levar á Raíña, ao alto dos pe-
nedos, o último becerro que lles quedaba. A muller comezou a comelo satisfeita
e os homes aproveitaron que estaba "ocupada" e tirárona penedo abaixo provo-
cándolle a morte. Por iso, aqueles penedos quedaron co nome dos Penedos da
Raíña Loba, que permanecen aínda alí situados e onde se pode ver o asento de
pedra onde sentaba, e o lugar onde se peiteaba.
Juan Carlos Álvarez
A RAÍÑA MOURA
Contan os vellos que no lugar de Laioso, do concello de Vilar de Santos, viviu hai
moitos anos unha nena coa súa avoa. A nena levaba tódalas tardes o seu rabaño de ove-
llas a pacer polo outeiro. Un día atopouse cunha vella, sentada nun penedo, que se esta-
ba peiteando e preguntoulle á nena:
Rapaciña, non che importaría quitarme os piollos?
A nena, aceptou de bo grado e dende entón tódalas tardes, mentres as ovellas pasta-
ban, quitáballe os piollos á vella. E a vella a cambio entregáballe un agasallo, que consistía
nun pano cunha sorpresa no seu interior. E díxolle que sempre que lle quitara os piollos
daríalle o mesmo agasallo, pero coa condición de que non o abrira, baixo ningún concep-
to, ata que ela llo dixera e que non lle contara a ninguén o que ocorría no outeiro.
A nena así o fixo, pero a nai descubriu os panos e preguntoulle que contiñan. Nun
principio a nena resistiuse a contarlle a verdade, pero a nai insistiu tanto que llo tivo que
dicir. Entón a nai, chea de curiosidade, abriu os panos e atopou un verdadeiro tesouro: en
cada un deles había moitas moedas de ouro.
Cando o día seguinte a nena foi ao lugar onde se atopaba a vella, que en realidade era
una raíña moura, contoulle o que lle acontecera coa súa nai. A raíña enfureceu tanto que
pechou a nena nunha cova que alí había.
Ledicia Prieto
O PENEDO DA MOURA
Entre o monte de Camariñas e o Ruxidoiro hai un penedo con estrañas for-
mas redondeadas e ovaladas, semella que alí viviu alguén. Este penedo recibe o
nome de Peiteador da Raíña Moura. Dise que alí desapareceu misteriosamente
unha rapaza chamada Mariquiña que vivía en Saa e que ía todos os días coas va-
cas e as ovellas para o monte das Cantariñas?
Un bo día, a rapaza viu sentada no penedo unha velliña que a chamaba po-
lo seu nome. Ao achegarse, a anciá pídelle que lle peitee os cabelos cun peite
dourado. Despois de peiteala ben peiteada, a vella vólvelle pedir outro favor:
que lle dea un pouco de leite pois está famenta. Ao rematar esta tarefa, a señora
pídelle que lle preste o seu pano, marchando para dentro dunha das cantarolas
do penedo e regresando con algo envolto que lle entrega á nena dicindo:
"Toma, e non o abras ata chegar á túa casa. Prégoche un favor: non lle digas a
ninguén que estiveches falando comigo". A rapaza xura que ninguén o ha de sa-
ber e promete volver ao día seguinte.
Cara á noite, cando chega á casa e abre o pano, encóntrase cun montón de
moedas de ouro. Feliz e sorprendida, móstrallas a súa nai pero non di onde as
atopou. Fiel á súa promesa, a rapaza volve ao día seguinte co gando ao mesmo
lugar, xuntándose de novo coa vella. Como a velliña volveu pedirlle que a pei-
teara, ela cumpre coa súa tarefa pero á nena dálle un ataque de tose e a anciá
berra: "Tuse para outro lado que se me cospes na cabeza vólvome cristiá". Nese
momento, a pequena decátase de que nese monte vive unha moura que tiña
medo a ser bautizada polo cuspe dun cristián e comézalle a entrar medo. A pe-
sar disto, ela fai todo o que lle encomenda a señora e volve conseguir o pano
cargado de ouro. Desta vez, a súa nai non pode aguantar tanto misterio e conse-
gue, despois dunha boa rifa, que lle conte a verdade.
Ao día seguinte, a rapaza volveu de novo co gando e, ao anoitecer, viñeron
para a casa as vacas e as ovellas pero a nena non apareceu. A nai buscouna po-
lo monte xunto cos veciños da aldea, berrando o seu nome. Entón, de entre os
penedos, saíu unha voz que lles contestou:
"A Mariquiña, por lengoreteira, está na miña barriga, fritida
con allo e manteiga".
Alba Domínguez
NA ALDEA DE ROUSÍA
Antigamente había unha aldea que se chamaba Rousía na serra
do Larouco. Nel vivían dúas velliñas que mantiñan longas conversas
dando paseos polos arredores. Un día deses...
- Entón, que tal, Teresa?
- Ai, pois agora ándoche moi mal de saúde e por iso te chamei, o
médico díxome que tiña que pasear moito. E ti que?
- Pois eu ando ben e como andar non fai mal pois veña, que te
acompaño.
- Imos aló.
As dúas mulleres puxéronse a andar e cando se deron conta per-
déranse. Xa era de noite cando atoparon o camiño de volta e cando
dexergaron a aldea viron que estaba ardendo.
Dise que cada unha das velliñas foi para un sitio diferente, de
tal maneira que unha fixo a aldea d'A Boullosa e a outra o de Monte-
celo.
As vellas contáronlles aos seus novos veciños que foran os portu-
gueses os que lle prenderan lume á aldea de Rousía, por mor das
disputas das propiedades porque esta aldea estaba xusto na frontei-
ra entre Galicia e Portugal.
Agora arranxaron un camiño para ir ata alí e hai pías conde co-
mían vacas.
O meu avó dixo tamén que, cando el era pequeno, aínda había
trigo mal sementado que non ardera.
Juan Carlos Álvarez
As pías das mouras
Segundo a lenda, as mouras que vivían en Faramontaos ían en busca
de minerais aos montes e ían lavalos ao río nunhas pías de pedra. Estas
mulleres eran moi fortes e levaban as grandes pías de pedra na cabeza.
Cando se remataron os minerais nos montes, deixaron as pías abandona-
das na beira do río.
(Esta lenda ou conto popular, intenta explicar as formas resultantes dun
proceso erosivo producido polo río).
Lenda da fada
Érase unha vez, unha madriña que tiña envexa do fermosa que
era a súa afillada e decidiu transformala nunha fada, unha especie
de monstro con aspecto de lobo. Polo día, esta fada escondíase nunha
cova natural que había no medio do monte, pola zona de Entre Ríos,
e polo día baixaba aos muíños a roubar fariña. Cando un muiñeiro se
decatou de que era ese ser o que lle estaba roubando a fariña, deci-
diu esperalo unha noite agochado tras uns carballos armado cunha
fouce. Coma case todas as noites a fada achegouse ata aquel muíño
pero xusto na entrada, o muiñeiro atacouna coa fouce feríndoa gra-
vemente e comezou a sangrar abundantemente. Cando a ferida ce-
sou de sangrar, ese ser ó que todos chamaban monstro comezou a
transformarse na fermosa rapaza que fora antes da maldición. O
muiñeiro quedou enfeitizado pola súa beleza e decidiu casar coa
moza. A lenda di que o feitizo do que se zafou a moza segue vagando
polos montes en busca do corpo doutra rapaza.
O busto de pedra
Unha moza atopábase coidando das súas ovellas no monte como
de costume, cando de súpeto comezou a chover, a rapaza non se alar-
mou porque ó fin e ao cabo…só era auga, nada malo lle podía aconte-
cer, polo que seguiu vixiando os animais sen reparar en que o regato
que pasaba á súa beira comezaba a encherse a gran velocidade. A
choiva fíxose cada vez máis intensa ata dar lugar a unha gran tor-
menta que fixo que o regato se desbordara provocando a morte da
rapaza. A morte desta nena fora moi tráxica para unha aldea tan
unida, vírase arrastrada pola corrente e perdera a cabeza, posible-
mente pola colisión cunha rocha, pero ninguén a atopou nunca. Po-
rén, no seu lugar apareceu unha pedra, coma unha especie de busto
que simulaba a fazula doce da moza. Moitos pensan que era a cabeza
da rapaza e que por iso a de verdade nunca aparecera; outros din que
é cousa do diaño; ningunha teoría puido ser tomada como válida, ca-
da un limitouse a crer o que consideraba verdade..
Tania Morán, Iria Barroso e Raquel Seoane
COUTO MIXTO:
Segundo unha lenda contada polos anciáns hai moitos anos, una princesa
desterrada por causa de amores, viuse atuada na neve, na serra de Pena, ao
mesmo tempo que sentía as dores de parto. Sabedores desta circunstancia, os
veciños das poboacións de Meaus, Santiago e Rubiás, buliron ofrecerlle axuda,
conseguindo baixar a dona e mailos acompañantes ata as aldeas do Couto, on-
de foi atendida coa sabenza e os mecos das vellas parteiras do val do Salas.
Agradecida polos coidados, cando tempo despois foi coroada como raíña, agasa-
llou aos veciños do Couto cuns privilexios, entre os que foi dos máis sobrancei-
ros non ter que dar homes a guerra a España ou a Portugal.
David López
O PENEDO GRANDE DE FONTE DE MOUROS
En Nocelo da Pena hai un penedo chamado o
Penedo Grande de Fonte de Mouros. Conta a lenda
que estivo habitado por mouros.
Un home perdeu a súa vaca e andaba por esa
zona a buscala, por enriba do penedo estaban as
mouras, que lle dixeron: ‘Tío homiño, a súa vaca
rustrida en aceite sabía coma leite, e tíñalle ao pé
do penedo un pano con ouro para que cobrase a súa vaca. Tamén din que no in-
terior do penedo os mouros deixaron unha cabra de ouro e ouro ao seu redor. O
penedo ten unha fenda na parte superior que fai que semelle unha tapa.
Din que xa foron moitos canteiros tentar abrila, pero que non o consegui-
ron. Pode ser aberta, as doce da noite cunha oración, que ninguén sabe ata o
de agora , pero non debe haber presenza de medo no corpo de quen o intente.
Noelia Fernández, Laura Fernández e Silvia Pazos