7

Click here to load reader

Podcasting: unha axuda pedagóxica no EEES

Embed Size (px)

DESCRIPTION

O podcasting é un fenómeno que nace da Web 2.0 consistente na creación e distribución de arquivos de son e vídeo a través de internet. Podemos beneficiarnos desta ferramenta a nivel educativo, e máis en concreto no actual marco do EEES, no que a autonomía do alumnado xoga un papel protagonista. Podemos aproveitar estas aplicacións da tecnoloxía para mellorar as experiencias de ensino-aprendizaxe, tanto do alumnado como do profesorado. Con esta comunicación pretendo ofrecer varias vías de unión entre as posibilidades tecnolóxicas que nos ofrece a Web 2.0 a través do podcasting e a súa utilización educativa nun marco concreto como é o EEES.

Citation preview

Page 1: Podcasting: unha axuda pedagóxica no EEES

PODCASTING: UNHA AXUDA PEDAGÓGICA NO EEES

Carlos Riádigos Mosquera

Universidade de A Coruña – Galiza - España

[email protected]

Resumo:

O podcasting é un fenómeno que nace da Web 2.0 consistente na creación e distribución de arquivos de son e

vídeo a través de internet. Podemos beneficiarnos desta ferramenta a nivel educativo, e máis en concreto no

actual marco do EEES, no que a autonomía do alumnado xoga un papel protagonista. Podemos aproveitar

estas aplicacións da tecnoloxía para mellorar as experiencias de ensino-aprendizaxe, tanto do alumnado

como do profesorado. Con esta comunicación pretendo ofrecer varias vías de unión entre as posibilidades

tecnolóxicas que nos ofrece a Web 2.0 a través do podcasting e a súa utilización educativa nun marco

concreto como é o EEES.

O podcasting como produto da Web 2.0

O proceso de transformación sufrido por internet a comezos do século XXI está a ser explotado en

progresión exponencial ano a ano. Preto de entrar nunha nova era (a da Web 3.0 ou “semántica”) que será

unha nova forma de entender internet, as comunicacións e a información, o momento que vive a nosa actual

Web 2.0 é o dun despregamento importante das súas potencialidades. Neste contexto, podemos sinalar

algunhas delas con respecto á súa predecesora, a Web 1.0:

• A navegación realízase agora en páxinas de formato heteroxéneo, dinámico e de contidos abertos,

fronte á navegación homoxénea, pechada e estática da 1.0.

• A publicación de contidos, e en especial de son, vídeo e fotografía é agora interactiva e baseada

fundamentalmente nas achegas das persoas usuarias, e non dependen, como o facía antes, da

publicación por parte de administradoras/es da páxina.

• Igualmente, as descargas de contidos están baseadas na colaboración entre pares, de “igual a igual”

ou “peer to peer” (P2P), e non depende só de servidores que as proporcionen.

• A organización das páxinas está baseada agora na “etiquetaxe” ou gustos das persoas usuarias,

mentres que na Web 1.0 dependía dos directorios creados pola persoa administradora.

Page 2: Podcasting: unha axuda pedagóxica no EEES

• A importancia das redes sociais na nosa actual Web é definitiva e está a cambiar o noso concepto do

que é unha rede social. Esta relevancia era antes limitada.

Neste contexto, os podcasts forman parte dunha serie de elementos idiosincrásicos da Web 2.0. Son,

esencialmente, arquivos de son e/ou vídeo que teñen un protocolo de distribución (RSS). Outros exemplos

derivados da nova forma de entender a Web son as redes sociais tales como foros de discusión, Facebook,

Twitter... ou as páxinas de formato aberto e flexible como wikis e blogs. Tal e como se sinalou xa, a RSS e a

etiquetaxe son outras dúas das implantacións importantes.

Contidos e temas no universo podcast

As temáticas que poden estar contidas nun podcast son tan amplas e diversas como o é a propia

actividade humana. Hoxe en día, en 2011, son poucos os campos de coñecemento que escapan á posibilidade

de “envasado” a través do podcasting. Tan só a falta, aínda, de camiño por percorrer en canto a motivación

por innovar e empregar ferramentas novas, e aquel coñecemento que pola súa natureza sexa difícil de

recoller en son e/ou vídeo, son obstáculos para a utilización habitual dos podcasts. Respecto diso, é frecuente

atopar nos directorios de podcasts categorías como: actualidade e sociedade, historia e crenzas, empresa,

tecnoloxía, ciencia, cultura, deporte, benestar e familia, lecer, música... dentro dos cales se pode atopar toda

unha variedade máis específica deles tales como medicina, mecánica, videoxogos, humor, cociña, etc.

Ademais do potencial educativo que albergan de seu os podcasts de diferentes ámbitos do coñecemento, a

maiores, hainos dedicados en exclusiva á educación, dos cales teñen especial relevancia e presencia os

relacionados coa aprendizaxe de idiomas.

Ademais do devandito, é importante sinalar que os podcasts convertéronse nunha ferramenta perfecta

para a supervivencia da radio tradicional. Moitos dos podcasts existentes son elaborados polas propias cadeas

de radio as cales empaquetan os seus programas neste formato. Cada día aumenta máis o número de persoas

que escoita a radio en diferido a través deste soporte.

A ferramenta que propiciou o coñecemento dos podcasts a nivel mundial foi iTunes, que en xuño de

2005 agregou por primeira vez soporte para facer podcasting. Itunes permite ás persoas subscribirse a

podcasts de modo que unha vez subscritas terán a posibilidade de escoitalos ou de descargalos, tanto

inmediatamente como coa frecuencia que desexen. Pódese elixir podcasts para escoitar desde o directorio, e

calquera persoa que o desexe pode contribuír subindo os seus. Cabe sinalar tamén que pouco despois da

aparición do podcast de son, e grazas aos avances tecnolóxicos e de velocidade na rede, os podcasts de vídeo

atoparon tamén o seu espazo, e hoxe en día son numerosos as publicacións xa en vídeo.

Itunes seguiu evolucionando co paso dos anos, e á marxe del, foron aparecendo outras ferramentas,

moitas delas non relacionadas con empresas e que son propias das achegas de comunidades virtuais. Este é o

caso por exemplo de ivoox, un “audiokiosko” que pon a disposición de quen navega unha extensa variedade

Page 3: Podcasting: unha axuda pedagóxica no EEES

de podcasts, radios, audiolibros... tanto para escoitar en liña como para a súa descarga e distribución

mediante RSS. Tamén de relevancia é a páxina podcastellano no contexto estatal e podgalego para o

contexto galego.

Posibilidades sociais e educativas dos podcasts

O soporte no que descansan os podcasts, o informático, ten moitas posibilidades á hora de ser

utilizados como ferramentas para exportar a creación e o coñecemento que un centro educativo (a través do

seu alumnado, profesorado, etc.) pode compartir e achegar a outros. O podcasting forma parte dos proxectos

como formas de distribución dos programas realizados nos centros, pero ao mesmo tempo como unha vía de

interacción entre o alumnado das diferentes escolas e institutos, compartindo experiencias, investigacións,

proxectos e todo aquilo que sexa digno de ser recollido mediante son e vídeo e ser distribuído.

Fai xa máis de 5 anos, en 2005, cando este fenómeno comezaba a coller forza, a Universidade de

Duke acolleu a primeira gran conferencia universitaria para falar sobre podcasting. Peter Meng (2005), da

Universidade de Missouri, apuntou varias achegas coas que o podcasting podería dar a educación, e máis en

concreto á docencia e a aprendizaxe:

• Posibilidade de gravar as clases e tomar notas por parte do alumnado e profesorado

• Creación de audiolibros para estudantado oínte ou para “ler” escoitando

• Proxectos e traballos do estudantado. Facilidade de corrección e entrega para o profesorado

• Leccións prácticas de idiomas

• Etc

Así mesmo, Lucic e Pogue (2006), nun relatorio presentado na III Podcast Academy, celebrada na

Universidade de Boston, destacaron, ademais das posibilidades mencionadas por Meng, os seguintes valores

educativos do podcasting:

• Axuda coas limitacións espaciais e temporais dos actores educativos. Especialmente significativo é o

seu uso na educación a distancia contribuíndo na aprendizaxe autónoma, á hora de preparar exames,

completar formación, etc. Así mesmo poden servir para establecer unha relación fluída co

profesorado e como apoio ás clases presenciais, permitindo afianzar e profundar os contidos

presentados presencialmente.

• Solución ante dificultades de acudir á aula (mobilidade, distancia...)

• Facilita a aprendizaxe autodidacta

Dentro das numerosas aplicacións que se lles pode dar aos podcasts a nivel educativo, o ensino de

idiomas está a cobrar un papel moi importante. Un simple repaso aos directorios máis famosos onde se

Page 4: Podcasting: unha axuda pedagóxica no EEES

aloxan os podcasts permítenos coñecer infinidade de podcasts para aprender todo tipo de idiomas (inglés,

francés, castelán, alemán, xaponés, italiano...).

A creación de audiolibros é outra das aplicacións estrela desta ferramenta. A lectura transfórmase en

escoita, o cal fai que poidan ser “lidos” os libros sen a necesidade de utilizar a visión. Isto ten moitas

aplicacións, como poden ser a axuda a persoas con deficiencia visual, a posibilidade de escoitar un libro

mentres se fai outra actividade que require de atención visual, ou mesmo a súa utilización mentres se

descansa ou se conduce.

Son útiles ademais para a gravación e difusión de entrevistas e de relatorios, tanto polo valor da

recollida de datos como para a súa posterior difusión e goce en diferido.

Antes de comezar coas aplicacións educativas dos podcasts relacionadas coa educación universitaria

e máis en concreto co EEES, é importante destacar varios aspectos relevantes que abordan estas ferramentas

a nivel social. Hoxe máis que nunca, a información é de vital importancia, de maneira que a posesión desta

converteuse nun indicador de “riqueza” social. Na chamada “era da información” (Castells, 2001), o

aprender e coñecer forma parte do día a día de cada vez máis millóns de seres humanos, nunha mestura de

requisitos laborais, persoais, e de goce polo coñecemento. É obvio por tanto que a información se converte

nun valor en si mesma, e é a posesión desta a que pode marcar diferenzas sociais. Do mesmo xeito que

sucede co diñeiro, é a posesión de máis ou menos cantidade de información a que contribúe a determinar de

que maneira diferentes colectivos e seres humanos están “conectados” ao mundo ou “fóra” del.

Unha consecuencia que ten a utilización dos podcasts é a súa contribución á democratización do

coñecemento. Algúns campos de saber que até agora eran dificilmente accesibles para moitas persoas que

non se dedicaban a eles a nivel profesional ou académico, como poden ser a física, a química ou a medicina

por ex., son agora compartidos por persoas expertas neles e que queren difundir ese coñecemento. Sectores

moi amplos da poboación están a ter acceso a este de forma libre e gratuíta, o cal se converte nunha forma de

democratizar o saber.

Ademais do sinalado, e dado o alto grao de especialización do coñecemento que ten a nosa sociedade

actual, o poder nutrirse de diferentes coñecementos outorga ferramentas para poder comprender o mundo

dunha forma máis global e heteroxénea, e non velo unicamente desde a perspectiva do noso traballo ou

actividade académica especializada e particularista. Ser aprendiz e coñecedor/a de moitas materias

convértese así nunha inestimable ferramenta hoxe en día, e axúdanos a navegar polas especializacións tan

grandes que temos por ex. na universidade, dando ese sentido de globalidade e entendemento do ser humano

e do mundo que habita, calidade en perigo de extinción.

Aplicacións na Universidade: EEES

Segundo o sociólogo Manuel Castells (2001) vivimos xa desde fai un par de décadas na que

Page 5: Podcasting: unha axuda pedagóxica no EEES

denominou “era da información”, e máis que nunca neste momento na “sociedade rede”. Nun contexto no cal

a información ten valor como elemento constitutivo de poder e na que a súa difusión crece de maneira

exponencial, o seu aproveitamento para fins educativos xa non é unha alternativa, é case unha obriga.

As novas tecnoloxías son, ademais de formas para manexar e entender mellor o mundo,

posibilidades para empregar e desenvolver novas linguaxes. Son ferramentas coas cales as xeracións máis

novas manéxanse de forma máis habitual (son “nativas/os dixitais”), polo que resultan de especial atractivo

para elas/es. Isto pode ser extrapolable para o estudantado universitario. Así, é moi importante reformular a

forma de transmitir o coñecemento e como se relaciona o alumnado e profesorado co mesmo. Iso podería ter

ademais como consecuencias un cambio de estratexia nas políticas educativas e no deseño das infraestruturas

docentes.

Un exemplo moi gráfico sobre estas novas situacións vémolo no xornalismo. As novas tecnoloxías,

coa súa inmediatez, a súa personalización e a súa accesibilidade, fan posible a transformación da práctica

xornalística, de forma que poida mesmo cambiar a propia realidade que narra. Unha mostra disto podémola

ver nas revoltas no mundo árabe a principios do 2011, nas cales a capacidade de decenas de persoas de

gravar e subir inmediatamente a internet o que alí sucedía modificaba en parte o que pasaba no momento ou

no futuro. Son cousas que están a mudar a concepción do chamado, no eido xornalístico, “xornalismo do s.

XXI”, onde todas as persoas seremos emisoras e receptoras de información, ao máis puro estilo Web 2.0.

Cada vez hai máis universidades que apostan parte dos seus recursos educativos ao redor de internet,

e o podcasting é unha das vías utilizadas para isto. Respecto diso, Apple creou iTunes U, un servizo

específico de podcasting para escolas e universidades co ánimo de difundir clases, conferencias,

investigacións e material académico a través da súa tenda online iTunes Store, de xeito gratuíto e mediante o

seu programa iTunes. Este foi un paso pioneiro para que cada vez sexan máis as universidades que se unen

ao movemento de difundir o seu coñecemento de esta forma, xa sexa a través da plataforma de Apple ou

doutras de carácter máis público e libre, a través de podcast ou videopodcast. Xa son moitas as universidades

integradas neste movemento, incluídas as máis importantes do mundo, aínda que é certo que a contribución

das universidades estadounidenses é maior que a das europeas e doutros continentes.

Un beneficio moi importante na universidade á hora de introducir o podcasting é a motivación do

estudantado. Cada vez máis, e sobre todo no marco EEES, a educación universitaria ten que virar cara

prácticas educativas nas cales este colectivo sexa o centro, e non a periferia da educación. A motivación do

estudantado aumenta cando poden ser partícipes da creación de podcasts, e non só receptoras/es pasivas/os

dos mesmos. Así, a posibilidade que ofrece este medio de crear, intercambiar, avaliar, etc. de forma

autónoma, outórgalle unha relevancia única. Ademais disto, a comodidade que ofrece o medio, sempre

dispoñible en internet, a través do computador persoal ou os aparellos de reprodución portátil convérteno nun

poderoso aliado no ensino-aprendizaxe universitario.

O EEES, polo menos nas súas intencións escritas, expón unha serie de medidas para flexibilizar

Page 6: Podcasting: unha axuda pedagóxica no EEES

como se xestionan os ensinos universitarios, promovendo a diversidade no referente ao currículo

universitario, así como a capacidade de innovación, as fortalezas e as oportunidades das diferentes

institucións universitarias. Por tanto, pode ser unha boa oportunidade para expor novas propostas

pedagóxicas que inclúan o uso de tecnoloxías como o podcasting.

Como é sabido, os novos créditos ECTS, dividen a carga total de traballo da materia en traballo

individual, grupal titorizado e as horas de clase. É por isto que as TIC, e máis en concreto o podcasting

poden ser recursos moi útiles tanto para a docencia como para o estudo autónomo ou colaborativo por parte

do alumnado. Así, é importante impulsar un cambio nas metodoloxías docentes para centrar o enfoque nos

procesos de aprendizaxe do estudantado. Por ex. o profesorado pode colgar podcasts con diferentes materiais

relacionados coas súas materias para que posteriormente o alumnado se subscriba por rss. Así mesmo, estes

últimos poden colaborar con achegas ou subir e compartir da mesma forma os seus traballos.

Neste marco dos ECTS, a potenciación do traballo autónomo, a autoaprendizaxe e o traballo en

equipo do alumnado convértense en cuestións importantes ás que pode dar boa solución este tipo de TIC. O

traballo en equipo cobra así mesmo unha nova dimensión, tanto por parte do profesorado como do alumnado,

e suporá sen dúbida unha necesaria innovación e actualización tanto das metodoloxías de ensino-aprendizaxe

como de metodoloxías de avaliación de coñecementos e competencias.

Estas tecnoloxías achegan as vantaxes do seu fácil manexo, o económicas que son e a súa capacidade

de comunicación en diferido. Hoxe en día a inmensa maioría do estudantado universitario sabe manexar un

computador con acceso a internet e un teléfono móbil ou mp4. Con estas ferramentas, e unhas nocións

sinxelas sobre rss e directorios de podcasts, pódese establecer esta ferramenta para o seu uso pedagóxico,

non fan falta nocións avanzadas sobre edición ou un traballo prolongado ou intenso sobre iso. Unha

obxección podería ser o alto custo dos aparellos electrónicos necesarios para todo este proceso. Aínda que é

unha crítica máis que pertinente, porque non todo conxunto de estudantes dispón de recursos económicos

para isto, tamén o é que hoxe en día é difícil imaxinar a educación universitaria sen estas ferramentas, xa que

o seu uso está moi estendido. Por último, as posibilidades que ofrecen os directorios podcast á hora de actuar

como “almacéns” de información de todo tipo, e en concreto educativa e das diferentes ramas que compoñen

as materias onde se implementen, convértena nunha ferramenta dunha practicidade e accesibilidade moi

altas.

Diferentes estudos (Ramos e Caurcel, 2011) mostran resultados moi positivos e alentadores sobre a

satisfacción da comunidade educativa sobre os podcasts. O alumnado, ao interactuar cun medio que lle é

familiar e que está relacionado con moitas das súas actividades de lecer móstrase máis accesible desde un

primeiro momento. Aínda que é certo que o formato non fai que a ferramenta vaia a ter éxito se está carente

de contido de calidade, tamén o é que é un bo comezo para a aceptación. A dispoñibilidade do material en

calquera momento e lugar son tamén bazas que xogan a favor deste tipo de materiais. Así mesmo, a

posibilidade de subscribirse e recibir no correo electrónico tanto as notificacións de material novo como este

Page 7: Podcasting: unha axuda pedagóxica no EEES

mesmo, ofrecen comodidade e por tanto apuntan aínda máis ao seu posible éxito.

Outra posibilidade máis que interesante é poder contar a través dos podcasts coas clases teóricas

expositivas do profesorado. Isto ofrece innumerables vantaxes, por ex.: a posibilidade de escoitar varias

veces unha explicación para a súa mellor comprensión, comprobar o exposto en clase para establecer

criterios de avaliación máis obxectivos, poder ausentarse a clase sen perder o que nela se deu, etc. Todas

estas vantaxes están en sintonía co EEES.

Ademais de todas as vantaxes puramente pedagóxicas que foron expostas, hai outra serie de

competencias que se adquiren ad hoc co uso deste TIC. O uso e aproveitamento do podcasting xera

coñecementos e destrezas sobre material informático e sobre as redes sociais. Na sociedade do XXI, ambas

as cuestións son e serán dunha importancia capital. É completamente necesario que os novos contidos e

destrezas sexan abordados tamén a través de novas vías e camiños. Non parece coherente facelo doutra

maneira.

BIBLIOGRAFÍA

CASTELLS, M. (2002). La era de la información. Vol I: La sociedad red. Madrid: Alianza editorial

MENG, P. (2005). Podcasting & vodcasting: A white paper: Definitions, discussions & implications. Columbia: University of Missouri, IAT Services.

O'REILLY, T. (2005). What Is Web 2.0. Design Patterns and Business Models for the Next Generation of Software. <http://www.oreillynet.com/pub/a/oreilly/tim/news/2005/09/30/what-is-web-20.html> [Consulta: outubro de 2009].

POGUE, Z. e LUCIC, R. (2006). Academic podcasting. Ponencia na III Podcast Academy. University of Boston

RAMOS, A. M. e CAURCEL, M. J. (2011). Los podcast como herramienta de enseñanza-aprendizaje en la universidad. Revista Profesorado, vol. 15, n. 1. Universidad de Granada

SELLAS, T. (2008). La voz de la Web 2.0. Análisis del contexto, retos y oportunidades del podcasting en el marco de la comunicación sonora. Palafrugell: Universidad Internacional de Catalunya