AS FESTAS DO ANO
O Outono
Margarida Edicións 2009
DL: Reb.012-09
ISBN: 85-012-09“As festas do ano: O outono”
Texto e Ilustracións : Alumnado,familias e profesorado do Ceip Santo Paio de Abaixo
Curso 2008/2009
Contos cantos refráns
adiviñas…
------------------------------
Recollidos polos nosos alumnos e alumnas
CURSO 2008-09
ADIVIÑAS
No alto se cría,
no alto se ten,
bota unha risada
e perde o que ten.
Alto me vexo
no meu caporexo,
ladrón vexo vir
e non podo fuxir.
Alto me vin,
baixo me vexo,
e aló enriba
quedoume o pelexo.
Críase no aire
e no aire se mantén,
pero cando se ri
queda sen o que ten.
Estou alto,
o corpo de ouro teño,
e cunha risada
perdo todo o que teño.
Unha cousa
que vive na devesa
e vaille picar
o cu a artesa.
Que cousa cousiña é
que pica moito por fóra
e por dentro sabe ben?
No souto vivo,
mírame a xente
e cando me río
quedo sen dente .
Alto de pé
E redondo de bólo
e no medio ten
unha chirimbola,
cunha risada que deu
perdeu o que Dios lle deu.
Son verde
e non son limón,
son moura
e non son carbón,
son vermella
e non son sangue,
son branca
e non son papel.
Que cousa cousiña son?
Verde na árbore,
madura pica
e se a comes asada
está moi rica. Que é?
É unha festa
que non é en xuño
tampouco en agosto,
é en outono
cando enfría o rostro.
Cal é a cousa,
cal é ela,
ten tres capas de inver-
no:
a primeira mete medo,
a segunda é lustrosa,
a terceira é amargosa?
Ten pelexo como a xente
e é moi boa para comer,
chega polo mes de santos
e todo o ano a tes.
Alto me vexo
no meu capalexo
e por unha risada
quedei sen nada.
Un señor barbudo
poleirado no seu castiñeiro,
que cando ri solta o diñeiro
Ten barbas e home non é,
ten dentes e non pode comer.
Outono saboroso
de noces pechadas,
de millo torrado
e castañas asadas.
Outono na escola,
amigos e amigas,
magostos felices,
traballo e cantigas.
De alá da banda do río
ten meu pai un castiñeiro
que dá castañas en agosto
e uvas brancas en xaneiro.
POESÍAS
REFRÁNS Lóstrego por San Xoán, as castañas o pagarán.
Castañas, noces e viño, fan a ledicia do San Marti-ño.
Por San Martiño faise o magosto con castañas e vi-ño.
Castañas no nadal cómense ben e pártense mal.
Por San Martiño o que non mata o porquiño non ten lacón nin touciño.
San Martiño vai ao magosto e mata o porquiño.
Con castañas asadas e viño novo xa non morre o po-bo.
Sempre ao porco máis ruín halle tocar unha boa castaña.
A castaña no agosto quere arder e no setembro beber.
Castañas que estades no castiñeiro, ao chegar o San Martiño ides ao braseiro.
As castañas por San Martiño, asadas ou cocidas e unha taza de viño.
Por San Martiño non se collen fabas nin millo.
Setembro e outubro o magosto ha de vir, casta-
ñas e viño hai que pedir.
Antes de San Martiño pan e viño; despois de San
Martiño fame e frío.
Outono quente trae o demo no ventre.
Polo San Andrés o viño novo vello é.
Outono chuvioso, ano copioso.
Polo San Miguel sabe o touciño a mel.
Castaña, a primeira, e noz, a postreira.
As castañas queren en agosto arder e en setem-
bro beber.
Setembro ou leva as pontes ou seca as fontes.
Por San Martiño zapa o viño e sementa o teu alli-
ño.
San Román atestado, San Martiño probado.
A castaña que está no camino é do veciño.
Auga de agosto nin bo viño nin bo magosto.
A castaña do magosto é un manxar delicioso.
A castaña ten unha maña: que se vai con quen a
apaña.
A todo porco lle chega o San Martiño.
Polo San Martiño trompos ao camiño.
Por San Miguel castañas asadas e viño tamén.
Polo San Ciprián castañas maduras na man.
Polo San Martiño magosto e viño.
Que os figos de outono os coma o seu dono.
Por San Martiño atesta o viño.
Por San Martiño mata o porco e abilla o viño.
Por San Martiño sementa o teu alliño.
As castañas no San Martiño e un bo xerriño de
viño
fan o vello mociño.
Castañiñas a roer, piolliños a nacer.
Por San Martiño faise o magosto con castañas
asadas e viño ou mosto.
Castañas que despois de San Martiño quedaron no
souto, son do moucho.
Se xantas castañas, de visita non vaias.
DITOS
Castañiña castañeira, gústame o teu cheiro na la-
reira.
A castaña cortada e asada, que rica está ao pa-
pala!
Xa sopra o vento, chegou o momento, cun amplo
sorriso, regañou o ourizo.
Para quitar o frío e fartarte ben, podes comer
castañas e viño morno con mel.
Para un bo magosto ter, en agosto ha de arder e
en setembro beber.
As castañas saben ben pero pártense mal.
Antes son os meus dentes que os meus parentes.
No tempo do magosto cómense as castañas, zám-
pase o viño e mátase o porquiño.
Con castañas asadas e sardiñas salgadas, non hai
viño ruín.
Polo San Martiño como un cucuruchiño ben quenti-
ño dos froitos dun ouriciño.
Nun curruncho todas marróns, moi quentiñas as
poñen, os rapaces pélanas e así as comen.
Se queres asar unhas boas castañas, haste dar
unha boa maña.
Despois dos magostiños faremos as matanzas e
todos xuntiños encheremos as panzas.
En outubro castañas a mogollón, pero non chas
quero, non e non.
Ao magosto fun e castañas comín, limpo fun e ne-
gro volvín.
Castiñeiro do meu eido, dáme o froito máis tem-
praneiro.
FRASES FEITAS
Sacar as castañas do lume.
Facer un bo magosto.
Auga de ferver castañas .
Toma castaña!
Dar unha castaña.
Quedar en auga de castañas.
CANTIGAS
O magosto …
para agosto …
Que movida!
( Antón Reixa. Os Resentidos).
A castaña no ourizo
quixo rir e resbalou,
caiu do castaño abaixo,
olla que pago levou.
Indo polo souto abaixo
escorrín nun ouriciño.
Ai! Que tres castañas
levo do souto do meu veciño!
As castañas ben se comen,
o viño vaise bebendo,
o cariño vai entrando,
a honra vaise perdendo.
A castaña no ourizo
eu ben sei o que fai,
se é que está verde, madura,
e se está madura, cae.
A castaña no ourizo
quixo rir e rebentou
caendo castiro abaixo.
Mira que golpe levou!
Señora María,
señor Manuel,
castañas asadas
e viño con mel.
Señora María,
señor Manuel.
- Miña nai, dóeme a barriga.
-Miña filla, confesión;
as castañas que comiches,
de que castiñeiro son?
Santo que estás no camiño
bota as castañas abaixo,
que anque non teña mandil
apáñochas no refaixo.
Castañas asadas
e viño con mel
e a miña señora
detrás do tonel.
Esta noite fun ao muíño
cun fato de nenas novas,
elas todas en camisa
i eu no medio en cirolas.
Indo polo souto abaixo
atopei un ouriciño,
tres castañiñas me deu
para ti, meu queridiño.
Acabáronse as vendimas
e veñen as esfolladas
para comer coas mozas
castañas asadas.
Señora María,
señor Manuel,
Castañas asadas
e viño con mel,
E viño con mel,
e viño con mel,
Señora María,
señor Manuel.
Agora que vén o tempo
de facer as esfolladas
comeremos coas nenas
catro castañas asadas.
Come moitas,
come moitas
as castañas do magosto,
come moitas,
come moitas,
viño novo non é vello.
Miña virxe da Lanzada
bota castañas abaixo,
anque non teño mantelo
collereinas no refaixo.
Non chas quero, non,
castañas do teu magosto,
non chas quero, non,
que me cheiran a chamosco.
Non chas quero,
non chas quero,
castañas do teu castañal,
Non chas quero,
non chas quero,
que me poden facer mal.
Non chas quero,
non chas quero,
castañas do teu magosto,
non chas quero,
non chas quero
que me cheira ao chamosco.
Castañiñas, castañiñas
mira que estades boíñas,
unhas veces asadiñas
e outras cocidiñas.
Xa chegou o San Martiño,
comeremos as castañas,
beberemos moito viño
para non perder as mañas.
As castañas son castañas,
os ourizos son ourizos,
os ollos da túa cara
para min son dous feitizos
Xa sopra o vento
chegou o momento,
cun amplo sorriso
regañar o ourizo.
Gústanme as castañas,
gústame o magosto,
pero gustaríame máis
que fora en agosto.
O San Martiño de Lérez
bota as castañas para abaixo,
as grandes bota no cesto
e as pequeñas van para o refaixo
A min gústanme as castañas,
non o podo negar,
e no día do magosto
Podo delas disfrutar.
CONTOS
O CONTO DA CASTAÑA PILONGA
Érase unha vez unha castaña pilonga que vivía no
froiteiro dunha cociña pequerrecha, pequerrecha.
A cociña pequerrecha era dunha vella moi velliña
que tiña unha casa estreita, estreitiña, no medio dun
monte chusquiño, chusquiño.
No monte chusquiño vivían: silveiras, carballos,
toxeiras e un castiñeiro frondoso, frondoso, que tiña
un ourizo picañento, picañento.
Pero … o ourizo picañento estaba moi triste, tris-
teiro, porque a súa castaña marchara coa vella, velliña,
a vivir no froiteiro da súa cociña.
LENDAS
As castañas son consideradas como froitos fune-
rarios; cómense a véspera do día dos difuntos ou
déixanse para que os mortos as coman durante a
noite.
Tamén é coñecido o feito de
que pisar unha castaña ao ires
polo monte, fai que a persoa
non teña nunca amores. É posi-
ble que iso sexa pola súa forma
de corazón.
Soñar con castañas crúas é aviso de ter que facer
algo urxente. Se son cocidas é que a persoa é moi
débil de carácter. Se son asadas é un aviso de pre-
caución.
FÁBULA
Este era un vento ventoso rápido como un oso,
cría que era o mellor e equivocábase, si señor.
Para lograr facer unha fazaña retou unha castaña
a unha grande carreira partindo do río, na beira.
Comezou a maratón e o vento correu un montón:
Vou botar unha sesta, a castaña á meta non chega!
As horas que pasaron foron doce e o vento seguía
sen dar golpe. A castaña, aínda que regordecha, es-
forzouse e chegou á meta.
-Tíñao merecido- dixo o vento. Se un se esfor-
za, que máis dá ser lento? Recibín o meu escar-
mento!
BURLA
- Como te chamas?
- Comecastañas.
- Eu as como e ti as apañas!
UN POUCO DE
HISTORIA En Galiza, ata que non chegou a pataca de América, era
a maior fonte de hidratos de carbono. Aínda se toman
con leite, no caldo, con chourizo, con ovos. As que non se
consumen frescas lévanse ao canizo para secar e tomalas
todo o ano.
A ORIXE DO TERMO
Hai varias teorías sobre a orixe do nome “magosto”.
Mentres uns coidan que vén do latín “ magnus ustus”, algo
así como “gran fogueira”, outros pensan que deriva de
“magno”, que equivale a grande, con algo de “magus”:
máxico e feiticeiro …
Fin
Dende o equipo de Normalización Lingüística que-
remos agradecer ás familias a súa colaboración na
elaboración deste cuaderniño aportando as adiviñas,
poesías, refráns, cantigas, ditos,… que se atopan aquí
recollidos.
EQUIPO DE NORMALIZACIÓN E
DINAMIZACIÓN LINGÚÍSTICA
CEIP SANTO PAIO DE
ABAIXO Reboreda Redondela
Recommended