Upload
filmotecaforum
View
157
Download
0
Embed Size (px)
Citation preview
Como se fai unha película
O guión
ETIMOLOXÍA: guiar.
O guión cinematográfico non é un produto final, senón unha ferramenta de traballo para facer un filme. Por iso, adoptan un formato estándar que os fai moi doados de interpretar por calquera que os lea. O guión debe ser funcional, non é unha lectura “para entreterse”.
O guión cinematográfico é unha obra escrita que serve de base á creación dunha película. O guión (screenplay en inglés) pode ser unha obra completamente nova (guión orixinal) ou unha adaptación dunha obra preexistente (guión adaptado). Neste último caso, as fontes que inspiran o guión poden ser moi diversas:
Novelas (Gone with the wind, guión de Sidney Howard sobre unha novela de Margaret Mitchell).
Obras de teatro (Casablanca, guión de Julius J. Epstein, Philip G. Epstein e Howard Koch a partir dunha peza teatral non representada, Everybody comes to Rick's, de Murray Burnett e Joan Allison).
Banda deseñada (La Vie d'Adèle – Chapitres 1 & 2, guión de Abdellatif Kechiche e Ghalia Lacroix sobre o libro Le bleu est une couleur chaude de Julie Maroh).
Artigos de prensa (Saturday Night Fever, guión de Norman Wexler a partir do artigo Tribal Rites of the New Saturday Night de Nick Cohn na revista New York)
Poemas (The Raven, guión de Richard Matheson baseado en referencias do poema homónimo de Edgar Allan Poe).
Ópera, teatro musical (West Side Story, guión de Ernest Lehman sobre o musical de Leonard Bernstein, música; Arthur Laurents, libreto; e Stephen Sondheim, letras das cancións).
...
O “guión literario” é obra do guionista e contén a acción completa estruturada en escenas. Nel aparecen xa os diálogos dos personaxes, fanse indicacións sobre os escenarios e o tempo da acción, engádense matices para a interpretación dos actores...
Ao ler o guión literario un debe facerse a idea “do que pasa” na película, mais non de “como é” visualmente: non se especifican tipos de planos, movementos da cámara, etc. Iso faise no chamado “guión técnico” (shooting script), que é a tradución en imaxes cinematográficas do que di o guión literario. A guía que permite planificar en detalle a rodaxe, saber que planos hai que facer, cal será a posición da cámara, como se moverá, onde hai que poñer as luces, onde estarán os micrófonos, etc.
No guión literario a acción está organizada en escenas diferentes co seguinte formato:
1. Primeiro se indica, como encabezado, onde e cando transcorre a acción. Indícase INT ou EXT en función de se a escena sucede en espazos pechados (interiores) ou abertos (exteriores). Logo se detalla onde sucede a acción (Café Bar de Rick) e o momento (Día, Noite, etc).
2. En segundo lugar, se explica a acción que se produce nesa escena (facer non pensar). Os personaxes descríbense a primeira vez que aparecen, indicando entre paréntese a idade aproximada e algúns detalles esenciais.
3. En terceiro lugar, entrecruzado co desenvolvemento da acción, aparecen os diálogos pertinentes, coas indicacións precisas para os actores (“volvéndose para mirala”, “entre risas”, etc).
Tradicionalmente, o guión preséntase sempre co mesmo formato, bastante ben definido, herdado da época na que se escribían a máquina, no que atinxe ás marxes e á tipografía (Courier 12 puntos). As páxinas van numeradas e os textos alíñanse á esquerda.
Páxina de guión de All About Eve (Joseph Leo Mankiewicz, 1950).
Páxina do guión técnico (shooting script) de
Casablanca (Michael Curtiz, 1950).