View
6
Download
0
Category
Preview:
Citation preview
DE MUSA OU MODELO A CREADORA
LUGAR: SEXTO EDIFICIO DO MUSEO DE PONTEVEDRA
AUTORAS DA PROPOSTA:
María Tobío Emilia Barreiro
Esta actividade tivo lugar a mañá do 8 marzo de 2015 no Sexto Edificio do Museo de
Pontevedra. Tratouse dunha actividade para conmemorar o Día da Muller e nela, ademais
dos asistentes participaron María Tobío, traballadora do Museo, e a artista Emilia Barreiro
(EBA).
Esta proposta estruturouse da seguinte maneira:
1/ Percorrido pola obra de diferentes mulleres artistas que forma parte da colección do
Museo tendo como guía a María Tobío.
2/ O papel das mulleres co tempo dentro do mundo da arte. Exposición dos traballos: EBA
(Mª Emilia Barreiro Augusto) e happening 1.
3/ Actividade cos asistentes: imaxe en movemento ou performance e imaxe fixa ou body art
e happening 2 (titulado Manifiesto artístico).
1/ PERCORRIDO POLA OBRA DE DIFERENTES MULLERES ARTISTAS QUE FORMA
PARTE DA COLECCIÓN DO MUSEO TENDO COMO GUÍA A MARÍA TOBÍO.
María Tobío, antes de comezar o percorrido pola obra das diferentes mulleres artistas
representadas na colección do Museo de Pontevedra, deu datos da pouca participación de
mulleres na actividade artística a pesar de que a maioría do alumnado das Facultades de
Belas Artes son mulleres (por exemplo, na promoción da artista Emilia Barreiro, un 80% eran
alumnas).
Tras esa primeira análise sobre a participación da muller no mundo da arte, María
mostrounos a obra de mulleres que alí se expón, unha porcentaxe moi baixa en comparación
con todo o que se amosa no Museo. Entre as artistas que mencionou ó longo do percorrido,
hai diferentes perfiles de mulleres: as que pintan como unha forma de diversión, unha muller
que traballou nun ámbito artístico máis asociado cos homes (a escultora Elena Colmeiro),
unha que acadou recoñecemento similar a outros artistas masculinos (Maruja Mallo) ata as
que son licenciadas en Belas Artes (xa non é un entretemento, é un compromiso, un traballo
ou unha forma de vida). As artistas que se mencionaron son: Maruja Mallo, Julia Minguillón,
María Antonia Dans, María Victoria de la Fuente, Tatiana Medal, Almudena Fernández Fariña,
Berta Caccamo, María Carmen Corredoira, Elena Colmeiro, Carmen B. Méndez Núñez, Elvira
Santiso e María Rosset Mosquera.
Fotos durante o percorrido pola obra de mulleres artistas no Museo con María Tobío
María Tobío falando da obra de mulleres artistas que aínda seguen en activo.
2/ O PAPEL DAS MULLERES CO TEMPO. EXPOSICIÓN DOS MEUS TRABALLOS: EBA
(Mª EMILIA BARREIRO AUGUSTO)
Despois do breve pero intenso percorrido pola produción feminina e na sala onde
están as licenciadas en Belas Artes, a artista Mª Emilia Barreiro Augusto (outra licenciada en
Belas Artes) pasou a desenvolver a súa proposta.
Comezou expoñendo que no ámbito artístico as mulleres ó igual que outros artistas
exploran variedade de materiais e técnicas para crear. Sinalou concretamente que aínda que
alí só se puido ver unha gran produción pictórica e algunha peza escultórica da mesma
autora (Colmeiro), a produción feminina vai máis alá deses ámbitos tradicionais artísticos
(debuxo, pintura e escultura).
As particulares necesidades de expresión das mulleres conducíronas a buscar novas
formas de creación que aínda hoxe son descoñecidas para moitas persoas que non participan
directamente no mundo da arte e mesmo para algunhas delas tamén. É por esta razón que
EBA explicou brevemente ós asistentes conceptos como Fluxus, Instalación, Videocreación,
Body Art, Happening e Performance, onde a participación de mulleres é superior ca dos
homes aínda que non única. Ademais mencionou a artistas como as Guerrilla Girls, Marina
Abramovic, Louise Bourgeois, Jenny Holzer, Ana Mendieta… E para ilustrar ó público e
achegarlles dalgunha forma máis directa á obra destas mulleres, levou o único libro que ten
atopado no que se faga algunha referencia á produción de artistas femininas: MUJERES
ARTISTAS. Ademais resaltou que parece incrible que aínda hoxe para ver a obra de mulleres
haxa que crear un libro exclusivamente de mulleres, porque non exista un libro de historia da
arte que mencione a algunha artista muller, quizás algún poida mencionar a Frida Khalo,
pero a cantas mulleres artistas descoñecemos por non dispor de información sobre elas? Se
vamos nun camiño cara a igualdade, por que non podemos ter dereito a ver nun libro de
historia na escola, instituto ou onde sexa referencias a mulleres que teñan feito producións
artísticas como si vemos de escritoras ou músicas?
Emilia Barreiro amosando ós asistentes o libro de MUJERES ARTISTAS
EBA falalndo de SOPHIE CALLE Público observando cartel das GUERRILLAS GIRLS
A continuación, a artista pasou a mostrar as súas propias producións incluídas dentro
destes xéneros artísticos e directamente relacionadas co papel da muller na arte e na
sociedade. Pero a exposición das súas obras non foi unha simple proxección ou explicación,
senon que fixo partícipes ós asistentes. Isto débese a que para ela o punto de vista do
espectador é relevante, máis importante se cabe que o dela mesma; xa que son estes os que
finalmente valoran a súa obra e lle aportan outras perspectivas que quizás ela ignoraba,
convertendo a súa obra en algo enriquecedor e dinámico que evoluciona aínda despois de
terminada. E é neste punto onde se pode percibir que esta autora ademais de ser artista é
docente e considera que a aprendizaxe é algo que dura toda a vida.
Pero, cómo os fixo partícipes? Pois elaborando un happening tomando as súas obras
como punto de referencia. Primeiramente, púñalles o seu vídeo ou imaxe para que despois o
público opinara sobre o que vía.
Seguidamente, a autora expuña de forma breve o camiño que a levara a esa peza e, ó final,
sacaba unhas conclusións xunto coas persoas que asistiron ó evento.
Emilia Barreiro, María Tobío e os asistentes durante a proxección de vídeos
EBA durante a proxección do vídeo Trazos
O primeiro vídeo proxectado foi o titulado 2en1. Unha vez que rematou, a artista
pediu ós asistentes a súa opinión e, aínda que a resposta tardou en sair, a conclusión á que
chegaron foi que reflicte o papel da muller na historia da arte, do paso de musa ou modelo a
artista. No vídeo, ademais de ver á autora nesas dúas facetas de muller modelo ou muller
artista, podíase ver a referencia a eses papeis en diferentes momentos da historia da arte
como as modelos de Yves Klein ou unha actuación de Marina Abramovic. Porque a idea da
artista gardaba relación co comentado polo público, pretendía mostrar o enfrontamento
entre a modelo e a artista no interior dunha muller que traballa no ámbito artístico.
Finalmente, ese enfrontamiento resólvese coa artista coma triunfadora, porque na imaxe
final a muller artista posa coma se fose a Gioconda, pero dirixindo a postura ó sentido
contrario coa obra de Leonardo Da Vinci e como tomou esa decisión non é unha simple
modelo. Deste detalle non se tiña decatado a audiencia e a artista explicoullo.
Enfrontamento da muller artista e a modelo no vídeo 2en1
O seguinte vídeo a diferenza de 2en1 está feito a cor e caracterízase pola falta de
título.
A artista ó igual que co vídeo anterior, pediulle á xente que comentara as súas
impresións. A primeira idea que propuxeron foi a de que que é unha muller que non quere
estar atada ós labores sempre asociadas ás mulleres e que quer dedicarse a outra cousa,
que quere ser artista. Esta idea está relacionada con esas actividades á que a muller se ten
asociado sempre: labores domésticas, o mundo da costura… e o que pretende é dar valor ó
traballo que sempre fixeron as mulleres, por que a arte non pode ser calquera mostra de
creatividade?
Fragmento vídeo S/T
O terceiro vídeo proxectado títulase Vestigios, é a cor coma o anterior e nel
emprégase unha barra de labios, un elemento moi ligado á muller. Segundo o público fai
fincapé nesa muller modelo, na beleza feminina. Pero en realidade o que revela é algo que
va máis alá de empregar unha maquillaxe para verse fermosa. É como dixo un neno que veu
á mostra: é unha muller que pinta sobre o seu corpo. Con iso desvela a capacidade de
calquera muller para poder decidir como actuar dunha forma ou doutra, porque non pinta os
beizos senon que reproduce unha especie de casa no seu ventre. A idea que pretende a
autora reflexar é o concepto dun primeiro fogar: cando lle propós a alguén que fale do seu
primeiro fogar pensa na casa que viviu na súa nenez, pero nesta ocasión eu amoso ó
espectador unha casa que todos temos previamente, o ventre da nosa nai.
Fragmento vídeo Vestigios
O último vídeo que EBA mostrou foi o que ten por título Trazos, non é propiamente
unha videocreación coma o resto, xa que naceu dunha idea para unha performance, que
formou parte da Marcha Mundial das Mulleres de 2004, cuxo tema principal era A VIOLENCIA
DE XÉNERO. Cando o público viu esta acción repetida unha e outra vez causoulle sensación
de agobio e dixeron cousas coma: “faise moi longo” ou “mostra a esclavitude dunha muller
maquillándose cada mañá para verse ben”.
Pero cando se lles comentou o contexto no que a performance foi creada, chegaron ó tema
tan candente hoxe en día a agresividade que invade varios fogares. E en realidade o que a
autora pretendía con esta peza era mostrar: como unha muller maltratada oculta a súa
situación grazas á maquillaxe que se pon, pero eu coa miña acción intento mostrar o
contrario a crudeza desa situación servíndome dese mesmo material.
Fragmento vídeo Trazos
Antes de comezar coa actividade na que os artistas participarían máis directamente, a
autora EBA pasou a mostrarlle unha serie de imaxes fixas (fotografías), tamén produción
propia que gardan relación con estes temas e comentáronas, do mismo xeito que cos vídeos.
A primeira delas foi un fotograma do vídeo Trazos, a partir do que a artista creou
varias imaxes como, por exemplo, un gravado. A imaxe é un ollo que ten moi próxima a
punta dun lapis de ollos. A conclusión que se extraeu desta imaxe foi que era algo moi
agresivo que podía resumir a angustia reflectida do vídeo, ó que a artista engadiu: é coma se
ese lapis se tratara dun puñal, un reflexo evidente da VIOLENCIA DE XÉNERO.
Ollo de TRAZOS
A segunda fotografía lembra ó vídeo Vestigios. É unha fotografía titulada TOPOS.
Emilia explicou que topos significa lugar e así o seu público percatouse de que esta imaxe
revela ese primeiro lugar onde comezamos a vivir: o ventre da nosa nai.
Topos
Breve explicación da obra en mans dunha das persoas que viñeron
á proposta ese día.
A seguinte imaxe é a única das mostradas que é en branco e negro e se titula
OBJETO DE DESEO. A xente comentaba que era a busca da beleza ideal que todos
facemos nalgún momento, ó que a artista engadiu: é coma unha prenda de vestir
inalcanzable, coma se o seu valor fora algo excesivamente caro, algo só para uns poucos;
por iso, ese obxecto de desexo.
Obxecto de desexo
Breve explicación da obra en mans dunha das persoas que viñeron á proposta ese día.
A cuarta imaxe mostra un particular retrato da artista que se converteu nun obxecto
cotián.
É unha fotografía tamaño carné que leva por título AUTORRETRATO e é a artista de costas
á cámara e o correspondente DNI con esa imaxe. A xente sorprendeuse ante aquilo e a
artista simplemente lles dixo: unha mostra máis da súa propia identidade, da súa capacidade
de decidir como actuar.
Fotos Autorretrato
DNI con nueva foto
Parte do grupo asistente contemplando e opinando acerca das imaxes de body art da artista EBA.
A última imaxe, titulada EROS, provocou incerteza e desconcerto por non saber que
parte do corpo saía alí reflectida. Uns opinaban que unha boca, outros que algunha postura
singular das mans e outros puideron deixar voar o seu maxín pensando en Erotismo; pero en
realidade é unha fotografía dos pés da artista. Ela sinalou que o equívoco, a provocación é
algo que utilizan algúns artistas para captar a atención do seu público e que ela nesta
ocasión pretendía dicir que: non é ouro todo o que reloce, que o punto de vista de quen ve a
imaxe a modifica.
Eros
3/ ACTIVIDADE COS ASISTENTES
Os asistentes pouco antes de empezar a realizar as súas creacións.
Este ano o tema do Día Internacional da Muller é o firme chamado da Campaña Beijing+20
de ONU Mulleres: “Empoderando ás Mulleres, Empoderando á Humanidade:
Imaxínao!” E é por isto que queremos facelos partícipes desta proposta como unha forma
máis de defender as conquistas das persoas, recoñecer desafíos e dirixir maior atención ós
dereitos de todos e a igualdade de xénero para motivar a todas as persoas.
Emilia Barreiro explicou que a palabra empoderamento vén do inglés empowerment e
significa facultarse, habilitarse, autorizarse. Consiste na transformación pola que unha persoa
pasa a ser un ser individual, independente e coa capacidade de decidir de que maneira
actuar. E é por iso que as persoas que alí se encontraban guiadas por esta artista acabarán
actuando e xenerando as súas propias creacións.
Para iso propúxolles que, de forma individual ou en pequenos grupos, realizaran a súa
propia performance utilizando como materiais o seu propio corpo, maquillaxe (pintalabios,
lapis de ollos…), unha cámara fotográfica ou o seu propio móbil e unha serie de tarxetas con
antónimos. Estes binomios de palabras antónimas gardan relación coas obras das mulleres
artistas mencionadas, ademáis do papel da muller en diferentes ámbitos ou simplemente
conceptos relacionados coa “actuación” de calquera persoa (por exemplo, a loita das persoas
discapacitadas por integrarse nun mundo de supostos capacitados). Os antónimos que se lles
proporcionaron foron os seguintes: modelo/creadora, artesá/artista, beleza/fealdade,
habitual/excepcional, sumisión/liberdade, confianza/inseguridade, soidade/compañía,
silencio/palabra, diversión/compromiso, retroceso/avance, capacidade/discapacidade e
agresividade/tranquilidade. Todos os binomios non foron utilizados polos asistentes, pero os
empregados pódense ver a continuación:
Modelo – Creadora
Artesá – Artista
Sumisión – Liberdade
Confianza – Inseguridade
Silencio – Palabra
Diversión – Compromiso
Capacidade – Discapacidade
Agresividade - Tranquilidade
Proceso de selección ó chou das tarxetas cos binomios antónimos
Finalmente, puxéronse mans á obra e cando cada parella do grupo tivo o seu
correspondente binomio comezaron a “actuar”. Algúns necesitaron algunha axuda máis de
EBA, pero outros tíñano claro practicamente desde o primeiro momento. EBA procedeu a
gravalos coa súa cámara, excepto as propostas do grupo de tres persoas que levaron a súa
propia cámara fotográfica e realizaron as súas propias fotos.
Os resultados foron impecables e sorprendentes e, entre eles, había catro
vídeo-performances e catro imaxes fixas enmarcadas no chamado Body Art.
VÍDEOS:
MODELO – CREADORA. Nesta escena podes contemplar un pequeno desfile no que participa unha modelo nova e un home que lle tira fotos, nunha improvisada pasarela no interior dun museo.
CONFIANZA – INSEGURIDADE Esta acción inclúe dous momentos: un onde o neno confía na súa nai para que o recolla cando el cae lentamente cara atrás e, outro, no que a nai na mesma situación non confía en que o seu fillo a sosteña.
SILENCIO – PALABRA. Neste vídeo unha muller realiza uns debuxos cun lapis de ollos na súa boca, mentres é sorprendida por un mozo que non para de falar. Cando este marcha, a moza limpa os símbolos sobre a súa boca e remata a acción dicindo unha única palabra: “palabra”.
CAPACIDADE – DISCAPACIDADE. Unha moza representa a unha discapacitada física que non ten unha perna e a outra é unha persoa sen ningún problema físico e ambas comezan a saltar e amosan como a ambas as dúas lles resulta cansado realizar ese movemento a medida que pasa o tempo.
FOTOGRAFÍAS:
SUMISIÓN – LIBERDADE. Unha moza nova e unha muller maior representan sobre os seus pulsos dous grillóns debuxados cun lapis de ollos negro. O da rapaza solto e o da outra muller, pechado.
ARTESÁ – ARTISTA. A muller artista de pé ordena á muller artesá situada de xeonllos fronte a ela que o moldee a súa propia perna.
DIVERSIÓN – COMPROMISO. Unha muller ten unha pose de bailarina de ballet, pero esa profesión ademais de divertida implica un compromiso reflectido noutra muller axeonllada como pedíndolle matrimonio.
AGRESIVIDADE –TRANQUILIDADE. Unha rapaza mira indiferente para outro lado, mentres parece que vai recibir unha piña doutra persoa.
Tralas particulares “actuacións” de cada grupo, analizouse e intercambiáronse
opinións da complexidade para pensar que facer, os resultados obtidos, etc. Algunhas das
ideas que se puideron extraer desta fase da proposta foron:
MODELO – CREADORA. A moza realiza o papel de modelo, pero ela ideou a proposta.
Por iso, dunha forma sinxela, se reflicte a capacidade de actuar das mulleres, pero tamén
o mozo realizando o seu papel de fotógrafo reivindica que, no camiño cara á igualdade,
un paso pode ser a colaboración.
CONFIANZA – INSEGURIDADE. Aínda que pareza sorprendente foi o neno o que
propuxo isto. Algunhas performances teñen un compoñente de improvisación e ós adultos
por varias razóns cústanos deixarnos levar por ela. Igual que nos pode custar confiar
nalguén para que nos recolla como mostra esta acción.
SILENCIO – PALABRA. Aparentemente a muller da imaxe parece un suxeito pasivo
que non ten que dicir, pero a súa postura corporal e os seus movementos e a única
palabra que di ó final da acción convértena nese suxeito activo.
CAPACIDADE – DISCAPACIDADE. Cunha sinxela demostración dunha das
habilidades motrices básicas, o salto, reivindícase que calquera pode facer o que se
propoña, que nada ten que ver coa túa capacidade físico-mental. Os límites só nolos
poñemos nós.
SUMISIÓN – LIBERDADE. Os grillóns simbolizan unha prisión, unha falta de
liberdade. Con este particular xesto representan a anterior opresión e sumisión das
mulleres sobre a pel da muller máis vella e a liberación chega con eses grilletes soltos
sobre a muller nova.
ARTESÁ – ARTISTA. Moita xente, mesmo os asistentes que alí estaban, crían que
estes conceptos significaban o mesmo, pero non é así. EBA explicoulles que un artesán é
unha persona que domina unha técnica e cuxa finalidade é a funcionalidade (o ebanista
crea unha cadeira para sentarse), pero o artista é alguén que ten unha idea e intenta
reproducila sexa con axuda dun artesán ou por el mesmo; a súa finalidade vai más alá da
mera funcionalidade (no caso da cadeira o artista pensaría nun corpo).
DIVERSIÓN – COMPROMISO. Un artista pode crear para divertirse, pero tamén
supón un compromiso consigo mesmo. Porque intenta expresarse con aquilo que fai e co
seu público. Porque unha obra de arte é tamén un acto comunicativo e os espectadores
reciben unha mensaxe.
AGRESIVIDADE – TRANQUILIDADE. Nos poucos meses que levamos de 2015 xa ten
habido varias mulleres mortas a man da súa parella, pero a violencia de xénero non é a
única mostra de agresividade. En ocasións, parece que miramos para outro lado coma se
non ocurrira nada en lugar de intentar cambiar esta situación.
Unha vez finalizado isto, só quedaba unha última colaboración en equipo, a realización
dun segundo happening que levou por título MANIFESTO ARTÍSTICO. O happening tamén
é unha construción artística onde a espontaneidade toma forma e significado estético.
O público, desde unha certa madurez social e pública, quere e necesita expresar a súa
opinión e entrar, á súa vez, no sistema de proposicións culturais onde a emisión ten aínda a
condición protagonista. E, tendo en conta isto, a artista Emilia realiza as seguintes cuestións
ó seu público:
- Que é a arte?
- Cales son as características do bo artista?
- Cal é o papel da muller no mundo da arte?
Nesta última fase da actividade, ademáis de responder ás preguntas elaboradas por
Emilia, comentáronse diferentes aspectos relacionados con toda a actividade. Un resumo
diso sería:
A arte é sentimento, comunicación, é unha necesidade, é o día a día. A arte tamén é
algo que nos pode axudar a comprender a vida, porque é parte esencial dela mesma. E
intentando definir que é xurdiu outro importantísimo interrogante, a quen vai dirixido? A
arte actual está como orientada a uns poucos provocando a incomprensión e
rexeitamente da maior parte do público, pero isto non debe ser así. A arte é algo que ten
que ver co público que o observa, aínda que un artista pode crear só como unha forma
de expresarse pero ten que ser consciente que ese produto final o verán outros e
poderán opinar sobre iso.
O neno que asistiu ó evento dixo que un bo artista é aquel que mira á natureza, ó que
Emilia Barreiro engadiu que debe ser sensible ó que o rodea e observar ese mundo con
maior detención que outras persoas. Debería ser alguén capaz de expresarse, pero tamén
de comunicarse cos demais a través daquilo que crea.
En relación ó binomio arte-muller, o que se falou a nivel xeral é o descoñecemento
da obra de mulleres artistas, aínda que nese día descubriron que había varias grazas ás
referencias que deron María Tobío e Emilia Barreiro. Pero algunha persoa tamén
comentou que non lles parecía ben que houbera un libro exclusivamente coa obra de
mulleres. Finalmente, reivindicouse o dereito para descubrir a obra de mulleres artistas
en calquera libro de historia ou historia da arte e que desde pequenos poidamos coñecer
obra de mulleres e homes en igualdade de condicións.
Tamén se comentou que non debía haber un DÍA DA MULLER TRABALLADORA,
porque ningunha muller necesita que lle lembren que é traballadora. Pero se non existira
este día, máis ben o que este día significa, poderiamos gozar de traballar en cousas que
non sexan só as domésticas ou similares?
Algunha das asistentes comentaron que a pesares de dedicarse a profesións máis
relacionadas cos homes nunca sufriron discriminación pola súa condición de muller,
pero a artista Emilia e outras espectadoras aínda hoxe en día teñen sufrido coñéceno a
alguén achegado que ten pasado por algunha situación desagradable como, por exemplo,
que non as contraten por risco de quedaren embarazadas.
Conciliación familiar. Sería interesante que igual que noutros países, en España
puidéramos compaxinar as nosas profesións coa vida en familia, independentemente de
sermos mulleres ou homes.
DE MUSA OU MODELO A CREADORA
Artigo – reportaxe. Autora: Mª Emilia Barreiro. Año 2015
Recommended