Lingua galega oral, escrita e estándar
Ana Isabel Boullón Agrelo
GUÍA DOCENTE E MATERIAL DIDÁCTICO
2018/2019
FACULTADE DE FILOLOXÍA
DEPARTAMENTO DE FILOLOXÍA GALEGA
2
FACULTADE DE FILOLOXÍA. DEPARTAMENTO DE FILOLOXÍA GALEGA
AUTORA: ANA ISABEL BOULLÓN AGRELO
Edición electrónica. 2018
ADVERTENCIA LEGAL: Reservados todos os dereitos. Queda prohibida a duplicación total ou parcial desta obra, en calquera forma ou por calquera medio (electrónico, mecánico, gravación, fotocopia ou outros) sen consentimento expreso por escrito dos autores.
3
1. Descrición da materia
Nome Lingua galega oral, escrita e estándar
Código G5051323
Tipo: Obrigatoria
Titulación: Grao en Lingua e Literatura Galegas
Curso: 3º
Centro: Facultade de Filoloxía
Créditos: 6 ECTS
Semestre: 1º
Lingua nas aulas: Galego
Formación previa: Dominio instrumental avanzado da lingua galega. Coñecemento das ferramentas básicas de análise lingüística
Profesora: Ana Isabel Boullón Agrelo ([email protected]) (despacho 220).
Titorías: Luns 9-12, Mércores: 11-13, xoves, 10-11 (primeiro cuadrimestre).
2. Sentido da materia no perfil da titulación
Esta materia está incluída no módulo Variación, cambio lingüístico e metodoloxía,
pertencente ó Maior en Lingua e literatura galegas. Dispénsase no terceiro curso,
despois de os alumnos cursaren materias preparatorias como Lingua galega I e Lingua
galega II (no primeiro curso), onde adquiriron os coñecementos esenciais sobre
variación lingüística, e mais varias materias de gramática, dialectoloxía, e fonética e
fonoloxía (no segundo curso), pragmática, análise do discurso e sociolingüística (no
terceiro) que terán ocasión agora de exercitar mediante esta materia, que se centrará na
análise de textos, tanto escritos coma orais, do galego moderno. Ademais, o manexo de
córpora e ferramentas informáticas dedicadas á lingua que manexarán veranse
ampliadas na materia de cuarto curso, pertencente a este mesmo módulo, de Tecnoloxías
aplicadas ao estudo da lingua galega. Por último, terán ocasión de profundar en
contidos que xurdirán da análise dos textos nas materias de Sintaxe do galego.
Ademais, ó analiza-lo proceso de estandarización terán ocasión de entrar en contacto
con estadios anteriores da lingua, isto é, coa época medieval, da que xa tiveron unha
introdución na materia de Historia da lingua galega (segundo curso), e que desen-
volverán con maior profundidade nas materias correspondentes á fonética, fonoloxía e
morfosintaxe histórica da lingua, que se cursan en terceiro e cuarto curso; e na materia
Léxico e terminoloxía do galego, de cuarto curso, verán máis por extenso as cuestións
relativas á estandarización e planificación do léxico e á lexicografía. Aquelas persoas
que o desexen, poderán escoller materias relacionadas con aspectos aquí esbozados nas
materias do Maior plus, especialmente en Planificación e normalización lingüística do
galego e Lexicografía e terminografía galega.
4
Este sistema de relacións, característico dunha materia de tipo transversal, plásmase
graficamente nos diagramas que se presentan a seguir1.
1 O sentido das frechas indica se a materia xa se cursou (←), se se ofrece no mesmo ano ( ── ) ou se se
cursará no ano seguinte (→)
Bloque 1
Lingua galega I Lingua galega II
Gramática textual do galego
Fonética e fonoloxía do galego
Introdución á gramática galega
Dialectoloxía galega
Sintaxe do galego
Morfosintaxe histórica da lingua galega
Bloque 2
Historia da lingua galega
Planificación e normalización lingüística
Fonética e fonoloxía históricas do galego
(Maior plus)
Tecnoloxías aplicadas ao estudo da lingua galega
Sociolingüística galega
Lexicografía e terminografía
Onomástica galega
Léxico e terminoloxía
5
3. Obxectivos e competencias
O obxectivo desta materia persegue, por unha banda, que a partir de textos diversos, os
alumnos recoñezan as características que distinguen os dous planos da variación
diamésica (oral e escrita) e analiza-los seus trazos desde o punto de vista fonético,
morfosintáctico e léxico. Por outra banda, coñecerán o proceso de estandarización da
lingua xunto cos criterios que o guiaron a partir de exemplos concretos.
Para isto terán que manexar o material bibliográfico recomendado, fundamentalmente
os presentados no soporte tradicional de libro, tales como os manuais gramaticais, o
Atlas lingüístico ou os repertorios lexicográficos de referencia. Pero, ademais, as
actividades prácticas que se desenvolverán ó longo do curso favorecen a adquisición das
competencias relativas á utilización das novas ferramentas informáticas, tanto os novos
repertorios dispoñibles en CD-ROM coma os corpora da lingua galega dispoñibles en
internet.
Como competencias xerais podemos indicar algunhas de tipo instrumental (pois terán
que utilizar ordenadores e bases de datos, exercitar a súa comunicación verbal e a
escrita na redacción e exposición dos seus exercicios, o manexo de idiomas estranxeiros
nas lecturas recomendadas), sistémicas (pois demostrarán a súa creatividade e os seus
estándares de calidade na realización dos seus traballos individuais) e interpersoais (pois
ó coñeceren outras situacións lingüísticas poderán ter perspectiva distinta da súa propia,
e tamén terán que actuar cos seus compañeiros na exposición pública dos traballos).
4. Contidos
Características da lingua oral e da lingua escrita. Relación entre elas
Lingua estándar. O proceso de estandarización: aspectos sociopolíticos e aspectos
lingüísticos
Estes contidos principais, que se desenvolven a seguir en dous bloques temáticos, serán
analizados a partir de cuestións prácticas de fonética, fonoloxía, morfosintaxe e léxico.
6
Bloque 1. Oralidade e escritura
1. A civilização deu uma importância extraordinária à escrita e, muitas vezes, quando nos referimos à linguagem, só pensamos nesse seu aspecto. É preciso não perder de vista, porém, que lhe há ao lado, mais antiga, mais básica, uma expressão oral. [...] A rigor, a linguagem escrita não passa de um sucedâneo, de um ersatz da fala. Esta é que abrange a comunicação lingüística em sua totalidade, pressupondo, além da significação dos vocábulos e das frases, o timbre de voz, a entoação, os elementos subsidiários da mímica, incluindo-se aí o jogo fisionômico. Por isso, para bem se compreender a natureza e o funcionamento da linguagem humana, é preciso partir da apreciação da linguagem oral e examinar em seguida a escrita como uma espécie de linguagem mutilada, cuja eficiência depende da maneira por que conseguimos obviar à falta inevitável de determinados elementos expressivos.
Mattoso Cámara Jr. (1978): Manual de expressão oral e escrita. Petrópolis: Editora
Vozes, p. 16.
Ao achegármonos ao estudo da oralidade, ou se se quere da expresión oral, damos con dous paradoxos. O primeiro é que, fundamentalmente desde a aparición do estruturalismo, as gramáticas adoitan manifestar que o seu obxecto de estudo é a lingua oral, que a súa pretensión é describir como se fala ou como se xeran as mensaxes orais, mais na realidade case sempre se describe a lingua escrita ou, no mellor dos casos, producións orais posibles, pero non necesariamente reais. A consecuencia é que se describen aspectos que non adoitan estar presentes na oralidade e que hai moitos aspectos frecuentísimos nas producións orais que non se describen nin explican nas gramáticas. O segundo paradoxo é que os traballos en que se intenta definir ou precisar o concepto de oralidade parecen esixir sempre a contraposición de elementos que caracterizan esta fronte á escrita (Abascal 2004), cando en realidade é a oralidade o nivel necesariamente presente en todas as linguas e, por tanto, neste sentido é o nivel primario. (…) Como consecuencia do primeiro paradoxo, descoñecemos bastante da gramática da lingua oral. E como consecuencia do segundo paradoxo, descoñecemos como sería a visión da oralidade sen o filtro da escritura. Tanto un coma outro paradoxo prodúcense porque existe a escrita e porque a invención e desenvolvemento da escrita cambiou para sempre a natureza e a concepción que temos da oralidade e da propia lingua.
Fernández Rei, Elisa (2008): “A expresión oral (e escrita). Nos lindeiros entre o oral e o
escrito”, en Elisa Fernández Rei / Xosé Luís Regueira Fernández (eds.):
Perspectivas sobre a oralidade. Santiago de Compostela: Consello da Cultura
Galega: Instituto da Lingua Galega, 187.
http://consellodacultura.gal/mediateca/extras/simposio_oralidade.pdf
7
1. Caracterización da oralidade fronte a escritura por niveis de análise lingüística
(fonético, morfosintáctico, léxico-semántico)
Variación diamésica, segundo a canle de comunicación ou o modo do rexistro
Influencia mutua
2. A adecuación
emisor → mensaxe → receptor
↑
contexto
3. Aspectos da variación en textos orais e escritos
Exercicios
Comentario de tres textos (etnotexto, texto literario, discurso): análise das características
reveladoras da variación diamésica.
Lecturas de profundización
Calsamiglia, Helena / Amparo Tusón (1999): Las cosas del decir. Manual de análisis
del discurso. Barcelona: Ariel.
Castellà Lidon, Josep M. (2004): Oralitat i escriptura: dues cares de la complexitat en
el llenguatje. Barcelona: Publicacions de l'Abadia de Montserrat.
Fernández Rei, Elisa (2008): “A expresión oral (e escrita). Nos lindeiros entre o oral e o
escrito”, en: Elisa Fernández Rei / Xosé Luís Regueira Fernández (eds.):
Perspectivas sobre a oralidade. Santiago de Compostela: Consello da Cultura
Galega: Instituto da Lingua Galega, 187-199.
http://consellodacultura.gal/mediateca/extras/CCG_2008_Perspectivas-sobre-a-
oralidade.pdf
Halliday, M.A.K. (19892): Spoken and written language. Oxford: University.
8
Bloque 2. A lingua estándar
1. Concepto de lingua estándar
2. Os precedentes da estandarización e a conformación da lingua literaria
3. Historia recente da estandarización: a elaboración das normas de 1982. Conflitos de
normas. O purismo
4. Os criterios para a regularización ortográfica e morfolóxica actuais
5. A actuación da prescrición no léxico, na fonética e na sintaxe
Textos. 1: A lingua estándar
“A lingua estándar serve como un marco de referencia para o uso falado en xeral subministrando unha norma codificada que constitúe un criterio de corrección. Os falantes individuais e os grupos de falantes son daquela xulgados polos seus compañeiros en relación á súa observancia dese criterio”.
(Garvin e Mathiot 1968: 370, en Readings in the Sociology of Language ed. por J. Jishman, 1968, apud Alonso Pintos 2006: 78).
“A creación e cultivo dunha lingua estándar (…) tamén contribúe á liberdade, ao aliviar a carga para toda a vida en que se pode converter a identificación cun grupo social: se unha persoa, cada vez que abre a boca para falar, calquera que for o lugar e o momento, ten que amosar a etiqueta distintiva que o asocia a determinada rexión ou grupo social, será identificada, queira ou non, como membro do grupo, esperarase dela que actúe como membro dese grupo, e será tratado en consecuencia. (…) Mesmo no caso de que o sotaque delate a súa procedencia, se a súa lingua se pode identificar minimamente co estándar, van ser tratados polo que son e polo que queren ser nesa situación. A razón disto é que o estándar recibe a consideración de lingua neutra, e o seu emprego indica certo distanciamento da comunidade de orixe. (…) esta liberdade con respecto das marcas inevitables e evidentes supón un triunfo da normalización” (Bartsch 2003: 40)
“A função básica de uma variedade padrão é estimular, pelo menos na escrita, uma relativa coesão num espaço sociocultural amplo e diversificado e garantir uma base de comunicação entre as diferentes variedades (históricas, geográficas, sociais e funcionais). O emprego desse padrão surge de um equilíbrio dinâmico consentido entre a liberdade/criatividade de cada falante e a necessidade de se comunicar e se integrar socialmente. A vigência do padrão impõe certa estabilização da língua, visando controlar os efeitos virtualmente desintegradores da variação e desacelerar ou amortecer o impacto potencialmente desestabilizador das mudanças” (Monteagudo 2011: 45)
9
Textos. 2: O conflito normativo
… Destarte, conforme pasaba o tempo, sucedíanse as propostas normativas (especialmente ortográficas e morfolóxicas) alternativas ao modelo oficial, unhas produto de individuos máis ou menos competentes pero sempre laboriosos (Montero Santalla 1979), outras de agrupacións político culturais (Asociación Socio-Pedagóxica Galega 1980), outras, en fin, de colectivos organizados expresamente na defensa do dito obxectivo (Associaçom Galega da Língua 1983). Canto o modelo oficial, tomou forma definitiva, na liña das Bases prá unificación antes amentadas, nunhas Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego (1982) elaboradas conxuntamente pola Real Academia Galega e o Instituto da Lingua Galega, e aprobadas oficialmente polo goberno galego. Debuxábanse así dúas correntes enfrontadas: o rexeneracionismo (denominación que se veu aplicando aos defensores dun modelo autonómico para o galego culto) e o reintegracionismo. Estas correntes plasmáronse nunha pluralidade de opcións, especialmente no campo reintegracionista, onde se consolidou o que podemos denominar ‘terceira vía’ (normas da A.S.P.G.), unha versión moderada e gradualista do reintegracionismo, que propugna unhas opcións ortográficas e morfolóxicas máis próximas ao galego ‘oficial’, aínda que se sitúa máis próxima ao reintegracionismo no plano teórico e nos debates sociais.” (Monteagudo 2004: 84).
Textos. 3: Os principios das Normas de 1982
A elaboración das presentes Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma
galego fíxose atendendo aos seguintes principios:
1. A lingua normativa ten que estar ao servizo da cultura dun pobo real e concreto, e
por tanto ha de ser necesariamente continuadora da lingua falada pola comunidade e
ha de achegarse canto sexa posible a ela, a fin de enraizar sobre bases seguras e
vivas. Agora ben, para que estas bases sexan efectivamente sólidas, a norma debe
acoller un galego fiel a si mesmo e limpo de canto de alleo e innecesario hai
incrustado na fala viva pola presión do castelán. É dicir, a lingua común debe ser o
máis galega posible, establecida sen sometementos nin dependencias, con atención
escrupulosa á estrutura e características lingüísticas do galego.
2. O galego normativo ten que ser o vehículo expresivo común e válido para todo o
pobo galego, voz apta e dispoñible para as súas manifestacións tanto escritas coma
orais, tanto artísticas coma utilitarias. Consecuentemente, o galego común non pode
basearse nun único dialecto, senón que debe prestar atención preferentemente á
extensión xeográfica e demográfica das formas para seleccionar as normativas. Ha
de ser, pois, supradialectal e lograr que o maior número posible de falantes galegos
se identifiquen coas solucións acordadas.
10
3. O galego común debe seguir as boas tradicións da antiga lingua galega que sexan
compatibles coa maneira de ser moderna da lingua, de xeito que as formas
tradicionais sexan preferidas ás máis innovadoras e evolucionadas. Debe recoñecer
tamén a súa propia literatura e cultura máis recentes, emparentando así con todos os
escritores anteriores e aceptando solucións xa consagradas polo uso.
4. As escollas normativas deben ser harmónicas coas das outras linguas,
especialmente coas romances en xeral e coa portuguesa en particular, evitando que o
galego adopte solucións insolidarias e unilaterais naqueles aspectos comúns a todas
elas. Para o arrequecemento do léxico culto, nomeadamente no referido aos ámbitos
científico e técnico, o portugués será considerado recurso fundamental, sempre que
esta adopción non for contraria ás características estruturais do galego. As escollas
deben decidirse de acordo cun criterio de coherencia interna, a fin de que o galego
común non resulte arbitrario e incongruente.
Unha lingua común asentada na fala, mais depurada de castelanismos, supradialectal,
enraizada na tradición, coherente e harmónica coas demais linguas de cultura, esixe:
1. Excluír o diferencialismo radical porque, aínda querendo ser unha postura de
defensa fronte ao castelán, manifesta de feito unha posición dependente e dominada
con respecto a esta lingua. Han de excluírse, con maior razón, solucións
diferencialistas que só sexan falsas analoxías e vulgarismos.
2. Excluír tamén a evasión cara á lingua medieval: formas definitivamente mortas e
arcaicas non deben suplantar outras vivas e galegas.
3. Valorar a contribución do portugués peninsular e brasileiro, mais excluír
solucións que, aínda sendo apropiadas para esa lingua, sexan contrarias á estrutura
lingüística do galego. O punto de partida e de chegada en calquera escolla normativa
ha de ser sempre o galego.
“Introdución”,
Normas ortográficas e morfolóxicas da lingua galega. [Vigo]: Instituto da Lingua Galega / Real Academia Galega, 2003, 18ª edición, pp. 11-12.
Lecturas de profundización
Alonso Pintos, Serafín (2006): O proceso de codificación do galego moderno (1950-
1980). Fundación Pedro Barrié de La Maza.
Álvarez de la Granja, María / Ernesto Xosé González Seoane (2003): “Limiar”, en M.
Álvarez de la Granja / E. X. González Seoane (eds.): A estandarización do léxico,
Santiago de Compostela, Consello da Cultura Galega / Instituto da Lingua Galega.
Álvarez R. / F. Cidrás / E. González Seoane / X.L. Regueira / X. Xove (2005): “Entre o
uso e a norma. O proxecto da Gramática da Real Academia Galega”, en R.
Álvarez / H. Monteagudo (eds.): Norma lingüística e variación. Santiago de
Compostela: Consello da Cultura Galega / Instituto da Lingua Galega, 61-68.
11
Bartsch, Renate (2003): “Estandarización e cultivo das linguas. Posibilidades, límites e
xustificación”, Grial 160, 30-42.
Boullón Agrelo, Ana Isabel (2009): “Sobre a estandarización da antroponimia: proposta
para os apelidos”, Boletín da Real Academia Galega 370, 117-152.
Cidrás Escáneo, Francisco (2005): “A sintaxe na gramática: problemas de descrición e
problemas de prescrición”, en R. Álvarez / H. Monteagudo (eds.): Norma
lingüística e variación. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega /
Instituto da Lingua Galega, 335-357.
http://www.consellodacultura.org/mediateca/extras/norma_lingua.pdf
Fernández Rei, Elisa (2005): “O estándar prosódico”, en R. Álvarez / H. Monteagudo
(eds.): Norma lingüística e variación: unha perspectiva desde o idioma galego.
Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega, 69-96.
http://www.consellodacultura.org/mediateca/pubs.pdf/norma_lingua.pdf
González Seoane, Ernesto (2002): “Léxico dialectal e estándar literario”, en R. Álvarez,
F. Dubert / X. Sousa (eds.): Dialectoloxía e léxico. Santiago de Compostela:
Consello da Cultura Galega / Instituto da Lingua Galega, 95-113.
http://consellodacultura.org/mediateca/pubs.pdf/dialectoloxia.pdf/
Monteagudo, X. Henrique (2002): “A demanda da norma, avances, problemas e
perspectivas no proceso de estandarización do idioma galego”, en Henrique
Monteagudo / Xan M. Bouzada Fernández (coord.): O proceso de normalización
do idioma galego (1980-2000). Santiago de Compostela: Consello da Cultura
Galega, 3, 37-129.
Monteagudo, X. Henrique (2004): “Outra volta na procura da recendente pantera? O
Acordo Normativo de 2003. Antecedentes e perspectivas”, Anuário Internacional
de Comunicação Lusófona, 79-93.
Monteagudo, Henrique (2011): “Variação e norma linguística”, en Xoán Carlos Lagares
/ Marcos Bagno (orgs.): Políticas da norma e conflitos linguísticos. São Paulo:
Parábola, 15-48.
Regueira Fernández, Xosé L. (2010): Dicionario de pronuncia da lingua galega.
Instituto da Lingua Galega / Real Academia Galega. http://ilg.usc.es/pronuncia
Regueira Fernández, Xosé L. (2005): “O estándar oral”, en R. Álvarez / H. Monteagudo
(eds.): Norma lingüística e variación: unha perspectiva desde o idioma galego.
Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega, 69-96.
http://www.consellodacultura.org/mediateca/pubs.pdf/norma_lingua.pdf
Santamarina, Antón (1994): “Norma e estándar”, en Holtus / M. Metzeltin / C. Schmitt
(eds.): Lexikon der Romanistischen Linguistik, Tübingen: Max Niemeyer, vol. 6,
2, 66-79. Reed. en H. Monteagudo (ed.) (1995): Estudios de sociolingüística
galega. Sobre a norma do galego culto. Vigo: Galaxia, 53-98.
Exercicios
1. A partir dun fragmento (15 liñas) do texto prenormativo que se propón, analiza
como se cumpriron os criterios das Normas nas formas que difiran (exclusión de
castelanismos, interdialectalismo, formas tradicionais, harmonía coas outras linguas
románicas).
2. Examina os criterios que levaron á escolla das formas que se propoñen.
Grafía: o grafema <x>
Fonética: vocalismo de nós, sogro, pega, ola, potente
Fonética: vocalismo de ponte, novo, ollo, perfecto, hora
12
Ditongo -oi- (noite/nuite – moito/muito – coiro/couro)
Plural de polisílabos rematados en –l
Plural de nomes rematados en –n
Terminacións: masc. –án / fem. -á (irmán/irmá)
-aría/-ería
-cio, -cia / -zo, za
-bel/-ble
Pron. persoal tu/ti
Os demostrativos, il/el
Verbo: desinencia de número/persoa do P2 (amaches) e P5 (amastes) do IPerf
Verbo: vogal temática da P3 do IPerf da CII e da CIII (colleu/colliu,
pariu/pareu)
Verbo: vogal temática/persoa do P2 do IPerf da CII (comiches/comeches).
Verbo: vogal temática e SNP da P1 do IPerf da CI (cantei / cantín / cantén /
cantein)
Verbo: Acentuación das P4 e P5 do ICopr, IAntepr., Pospret., SPret.
(andabamos / andabades, andaramos / andarades, andariamos / andariades,
andásemos / andásedes)
Verbo: Alternancia sirvo - serves, durmo - dormes
Verbos irregulares: estea / esteña (estía, esté), sexa / seña / sea
Verbos irregulares: dei / din
Verbos irregulares: deu / dou
Verbos irregulares: dea / día / dé
Verbos irregulares: haxa / haba
Verbos irregulares: ía / iba / iña
Verbos irregulares: tiven / tuven / touven / toven / teven
Verbos irregulares: puidera / pudera
Verbos irregulares: vallo / valo / valio / valgo
Adv. mentres / mentras
Adv. quizais / quizá / quizabes / cecais / cicais
Adv. despois / dispois / dempois / despous / dispous
Adv. aínda / inda / eínda
Conx. pero / pro / mais
Prep.: ata / até
Prep.: desde / dende / des
Locucións preposicionais a pesar de / a pesares de, a partir de / a partires de
3. A estandarización na onomástica
3.1. Estuda un topónimo que presentase formas diversas antes da súa
estandarización no Nomenclátor de Galicia (NG, 2003), e explica os criterios
aplicados no seu caso.
3.2. Estuda o teu nome persoal
Ferro Ruibal, Xesús (dir.) (1990): Diccionario dos nomes galegos. Vigo: Ir
Indo.
Distribución municipal dos nomes por concellos no Instituto Galego de
Estatística:
http://www.ige.eu/igebdt/esq.jsp?idioma=gl&ruta=onomast/nomes.jsp
13
3.3. Os teus apelidos. Trátase de identificar a forma léxica que hai nos apelidos (se
é que non veñen dun nome persoal) e indagar sobre a motivación (toponímica
ou lexical).
Machado, José Pedro (1984): Dicionário Onomástico Etimológico da Língua
Portuguesa. Lisboa: Confluéncia, 3 vols. (= DOELP)
Cartografía dos apelidos galegos, a partir da cal se deberá imprimir e
comentar o mapa correspondente (= CAG)
Nomenclátor de Galicia (Xunta de Galicia, 2003), cando se trate de apelidos
detoponímicos; neste caso, débese relacionar o topónimo coa área de
expansión do apelido. (= NG). Se é un topónimo que aparece máis
dunha vez no territorio, pódese ver a súa localización espacial na
ferramenta do Proxecto Toponimia de Galicia (PTG).
De orixe fitotoponímica: Navaza, Gonzalo (2006): Fitotoponimia galega. A
Coruña: Fundación Barrié. Biblioteca Filolóxica Galega do Instituto da
Lingua Galega. <http://ilg.usc.es/agon/wp-
content/uploads/2010/09/Fitotoponimia_galega.pdf>
Formas estándares dos apelidos máis frecuentes: Boullón 2009.
Méndez Ferrín, Xosé Luís (2007): Consultorio dos nomes e dos apelidos
galegos. Vigo: Xerais.
Fontes para o estudo da onomástica histórica
Coleccións de documentos medievais da área que se estea a estudar.
Séc. XVIII: Catastro de Ensenada (1751-3): http://pares.mcu.es/Catastro/
Séc. XIX: o Diccionario de Madoz correspondente ás provincias galegas
Madoz, Pascual (1845): Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y
sus posesiones de Ultramar: Galicia. Madrid. 6 vols. [Ed. facsímile: Santiago de
Compostela: Libros Galicia, 1986]
Séc. XX, a Geografía General del Reino de Galicia, elaborada por E. Carré Aldao (A
Coruña, vol. V, V, VI, VII), Manuel Amor Meilán (Lugo, vol. VIII, IX), Vicente
Risco (Ourense, vol. X, XI) e Gerardo Alvarez Limeses (Pontevedra, vol. XII e
XIII).
Carreras Candi F. (dir.) (1936): Geografía general del Reino de Galicia. Barcelona.
[Ed. facsímile: A Coruña : Ediciones Gallegas, 1980]
Propostas para o traballo de curso
Para o traballo de curso, deberá demostrarse o coñecemento da bibliografía básica da
materia. Haberá dúas posibilidades.
1. Sobre o bloque 1
Tratarase de facer unha gravación de lingua oral, que estea moi caracterizada
diamesicamente. Para isto pódese escoller unha conversa coloquial (non importa de que
idade sexa a persoa) ou ben dun discurso doutro rexistro que teña como obxectivo
apelar ó interlocutor (unha arenga política ou semellante). Constará das seguintes partes:
14
1. Gravación (arredor de dous minutos). No texto escrito incluiranse os datos da persoa
gravada (nome, idade, lugar da gravación) e a localización. Igualmente se se trata
dun texto extraído de internet.
2. Transcrición semifonolóxica, con marcación das peculiaridades que se afastan da
lingua estándar, tanto no que se refire ó sistema vocálico coma ó consonántico.
3. Versión estandarizada, con xustificación dos cambios realizados á versión oral.
4. Análise de tódalas características en canto á variación diamésica.
5. Valoración final no que se expliquen as diferenzas máis relevantes con respecto á
lingua escrita e, se é o caso, as estratexias seguidas para apelar á audiencia.
2. Sobre o bloque 2
Demostración do manexo das obras lexicográficas que permiten coñecer a historia
dunha voz e xustificación das razóns para incorporala ou non á lingua estándar.
Para facer isto será conveniente seguir unhas determinadas pautas:
1. Reproduci-lo mapa do Atlas lingüístico galego correspondente a un ítem semántico
e maila lenda correspondente (é conveniente incluír mapa e lenda na mesma
páxina). Nela indicaranse as voces que se van estudar, e subliñaranse as estándares.
De maneira complementaria, pódese consultar o Tesouro do léxico patrimonial
galego e portugués. http://ilg.usc.es/Tesouro/, que inclúe traballos lexicográficos de
léxico dialectal inéditos ou de difícil acceso.
2. Comprobar as formas do estándar no VOLGa ou, no seu defecto, o seu uso nos
dicionarios actuais. Haberá que ter en conta o Dicionario de pronuncia de Regueira
se hai dúbidas en canto á súa pronuncia estándar.
3. A estruturación do traballo farase segundo as familias léxicas. En cada unha delas
estudaranse os aspectos que seguen nos puntos 4, 5 e 6.
4. Orixe etimolóxica, para o que se poderán consultar os dicionarios etimolóxicos que
se indican a seguir, co fin para comprobar se se adecúan ou non ás normas
ortográficas e morfolóxicas do estándar.
Geraldo da Cunha, A. (1989): Dicionário etimológico Nova Fronteira, Rio de
Janeiro.
Machado, J. P. (19895): Dicionário Etimológico da Língua Portuguesa, Lisboa:
Libros Horizonte. [Citado: DELP, s.v.]
Corominas, J. / J. A. Pascual (1980-1991): Diccionario Crítico Etimológico
Castellano e Hispánico. 6 vols. Madrid: Gredos. [Citado: DCECH, s.v.
Cómpre buscar nos índices do vol. VI].
García de Diego, V. (19852): Diccionario etimológico español e hispánico.
Madrid: Espasa-Calpe. [Citado: DEEH, s.v.]
BILEGA (Bibliografía Informatizada da Lingua Galega). Aquí poden atoparse
estudos específicos de cada voz.
5. Historia de cada palabra, para o que, en ocasións, deberá comprobar se se
documenta desde a Idade Media, mediante a consulta das seguintes fontes:
a. DDGM: Dicionario de dicionarios do galego medieval, aplicación que permite
consulta-los principais glosarios, vocabularios e dicionarios da lingua
medieval galega. O máis importante é o Glosario de La traducción gallega de
15
la Crónica General y de la Crónica de Castilla (s. XIV), de Ramón Lorenzo
(Ourense: Instituto de Estudios Orensanos Padre Feijoo, vol. 2, 1977).
b. Se non hai información nesta fonte, pódese consulta-lo TMILGa, o Tesouro
Medieval Informatizado da Lingua Galega, onde non se pode buscar por
lemas, senón por formas. Por tanto, téñase en conta que os sons representados
polos actuais grafemas <b>, <v> podían figurar con <b>, <v> ou <u>; e <i>,
<x>, con <i>, <j>, <y> ou <x>. Tamén cumprirá ter en conta a variación de
xénero e de número.
c. DdD: Dicionario de Dicionarios, aplicación que permite consulta-los
dicionarios máis recentes, desde Sarmiento ata o de Eladio Rodríguez (1958-
1962) e o de Constantino García (1982). Este último proporciona información
dialectal, que en ocasións pode axudar a completa-los datos do ALGa, o
mesmo ca Aníbal Otero (que ademais ofrece hipóteses etimolóxicas) e Elixio
Rivas (Frampas)..
d. TILGa: Tesouro Informatizado da Lingua Galega, que inclúe textos literarios
modernos de tódolos xéneros e rexistros, desde o Soneto de Pedro Bázquez de
Neyra, de 1612, ata a actualidade. Cumprirá aquí ter en conta o lapso
cronolóxico (anos da primeira ocorrencia e da última), e o número aproximado
de veces que se documenta. Pódese pór algún exemplo, sobre todo se aclara ou
se se considera pertinente por algunha razón. Adoita ser interesante comparar
entre o período previo e o posterior a 1982, data da norma, e ver os gráficos
coa distribución temporal (absoluta ou ponderada).
e. En ocasións tamén pode ser útil comprobar a súa existencia en portugués (para
o que se recomenda o Dicionário Houaiss ou o dicionario Priberam, en liña
(DPLP).
6. Distinguir acepcións, se cómpre, pois pode haber especializacións semánticas. Para
as definicións partirase do dicionario da RAG, xa que é esta institución quen ten a
potestade normativa. Subsidiariamente empregaranse os outros dicionarios.
7. Os efectos da estandarización no léxico: o léxico dispoñible. Aquí trátase de
comprobar o alcance real que tivo a estandarización: ¿ata que punto están
dispoñibles as formas estandarizadas?
http://gramatica.usc.es/dispogal/ [Usuario e contrasinal: USC. Proxectos:
seleccionar léxico dispoñible do galego. Centro de interese: seleccionar área
temática desexada].
López Meirama, Belén / María Alvarez de la Granja (2014): Léxico dispoñible
do galego. Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de
Compostela.
8. Finalmente, cumprirá facer unha valoración crítica sobre as escollas do estándar:
¿estades de acordo?, ¿falta ou sobra algunha forma?
Pautas comúns para calquera traballo
1. É fundamental a corrección lingüística: non poderá ser avaliado un traballo que
estea inzado de erros. Para comprobala é útil a aplicación do corrector ortográfico.
2. É importante estruturar ben o traballo: debe haber unha introdución metodolóxica,
(onde se indiquen as voces que se van tratar, o nº do mapa do ALG, etc.), e despois
16
os capítulos organizados (segundo os ítems ou familias léxicas que se tratan no caso
do traballo 2). Ó final, un capítulo dedicado ás conclusións, en que se resumirán
brevemente os resultados da investigación realizada. E por último, a bibliografía
utilizada citada segundo as convencións usuais.
3. Cómpre prestar atención ós aspectos relativos á ortografía técnica (estrutura do
traballo, presentación dos contidos, citacións bibliográficas). O traballo debe
presentarse en letra Times New Roman, corpo 12, cunha entreliña de 1.5 espazos.
Os parágrafos deben estar xustificados. Hai instrucións completas nas “Normas para
a presentación dos traballos académicos” no campus virtual. Aquí van unhas
indicacións de cuestións básicas:
Na portada do traballo debe constar: a) a palabra que se estuda (normalmente
corresponderá co nome do mapa do ALGa); b) o nome completo do alumno; c) o
nome da materia; d) o curso académico.
Os títulos dos distintos epígrafes non levan puntos nin outros signos de
puntuación. É moi útil utiliza-los formatos dos títulos que se proporcionan nos
procesadores de texto: iso permitirá xerarquizalos de xeito uniforme e mesmo
facer índices automaticamente. Os títulos nunca deben quedar orfos ó final da
páxina.
As cursivas empregaranse para as palabras usadas metalingüisticamente; as
aspas simples, para as acepcións semánticas, e as aspas dobres para a
transcrición literal de determinadas fontes, ou para exemplos moi longos.
Exemplo:
o termo palanquín, co sentido ‘lacazán’, ten unha extensión xeográfica limitada. Segundo
Pereira (1876: 123), “é unha verba tremendamente interesante”.
As versaletas ou maiúsculas resérvanse para os étimos. Hai que prestar atención
ás vogais breves ou longas do latín, que se proporcionan no comando “inserir
símbolo”:
A voz xeo provén do lat. GĔLU-, mentres que Orriós pode vir do lat. HORREOLOS, dim. de
HORREUM ‘tulla, celeiro, despensa’, segundo parece indicar a grafía medieval Orriolos
(a.1029 TCelanova 62).
As citas indícanse cun tipo de parágrafo distinto: indexación á esquerda e tipo de
letra máis pequeno (10, dado que o corpo normal é 12), con letra redonda:
“Xan, non te volvas sin que lle toques / Ó misteiroso Santo dos croques / Que na portada da
Groria hai” (Lamas Carvajal, 1875)
As principais obras lexicográficas cítanse con acrónimos, e nos dicionarios con
cómpre indica-la páxina, senón a voz baixo a cal se atopa a información que se
cita. Por exemplo:
“… do lat. TAXU- “ (DELP s.v. teixo); “segundo Corominas, é diminutivo de Pero, forma antiga
do nome persoal Pedro” (DCECH s.v. perico).
Tódalas abreviaturas deberán figurar despois na relación bibliográfica, a carón
de cada obra. Non fai falta indica-la referencia completa das obras incluídas no
DdD ou no DDGM, pero si o autor, o ano e o título, que pode ser abreviado. Por
exemplo:
“Segundo se ve no DDGM, C. García (1985) localiza a voz lustregar en Santiago e no Incio ”.
Citas bibliográficas: tómese como modelo as desta guía docente. Cómpre
fixarse no tipo de parágrafo (con sangría francesa), na colocación do ano e na
utilización das cursivas (títulos de libros e revistas) e das comiñas (títulos de
17
artigos publicados en revistas ou en colectáneas). A ordenación é alfabética, e,
nas obras dun mesmo autor, cronolóxica.
Débense numera-las páxinas (pero non a portada).
5. Distribución de carga de traballo (créditos ECTS)
Materia de 6 créditos ECTS (±150 horas de carga de traballo para o alumno)
Actividades presenciais Horas Actividades non presenciais Horas
Sesións expositivas 32 Estudo e preparación de actividades programadas na aula
50
Sesións de seminario 16 Realización de traballos 35
Sesións de tutoría programadas 3 Lecturas 6 Sesións de avaliación 3 Preparación de exames 5 Total de horas de actividade presencial
54 Total de horas de actividade non presencial
96
6. Planificación temporal dos contidos e indicacións metodolóxicas
Os bloques temáticos propostos teñen distinta relevancia relativa no desenvolvemento
da materia. No primeiro bloque, tras unha descrición das características da lingua falada
fronte á lingua escrita, o alumno porá en práctica eses coñecemento mediante a análise
dos textos propostos, que serán explotados de maneiras diversas.
Durante o desenvolvemento do segundo bloque, encamiñado a coñecer os
principios de estandarización da lingua galega, terán lugar sesións de debate que
partirán de etapas previas á realización da do galego, mediante textos os textos dos
autores, así como diversas reflexións dos protagonistas da conformación da lingua
literaria moderna sobre esa cuestión.
Ao longo desta segunda parte proporase o traballo de curso, que será exposto oralmente
diante dos compañeiros nas dúas últimas sesións do curso. Para a realización dese
traballo terán que pór en práctica os coñecementos vistos ata o momento e demostrar o
coñecemento da bibliografía fundamental. As titorías personalizadas terán lugar no mes
de decembro e irán encamiñadas á revisión do traballo de curso, previa á súa exposición
oral. Na aula virtual estarán ó dispor do alumnado materiais necesarios para a marcha
das aulas.
Os alumnos gardarán nun cartafol tódolos exercicios e actividades realizadas ao
longo do cuadrimestre, organizado de maneira ordenada e manténdoo separado do
material teórico, apuntamentos, lecturas propostas e todo o que non consista en traballo
persoal. Finalizará cunha breve valoración (entre 15 e 20 liñas) do aprendido durante o
curso, na que se expresen tamén os aspectos máis interesantes e construtivos para a
formación académica. Este cartafol do alumno será entregado contra o final do
cuadrimestre, en data que indicará a profesora, e formará parte da avaliación continua.
A asignación de sesións previstas para cada bloque amósase de maneira
estimativa no seguinte cadro.
Bloque Horas presenciais
1. Lingua oral, lingua escrita 22
2. A lingua estándar 23
3. Traballo de curso 3
Total 48
18
7. Criterios de avaliación
Haberá dúas opcións de avaliación.
Método 1 Tipo de actividade Porcentaxe
Avaliación continua a. Asistencia e participación activa nas aulas, o que inclúe ter feitos os exercicios encomendados para o seu comentario na aula
10%
b. Exame do Bloque I 25%
c. Cuestionario sobre os criterios das Normas 15%
d. Traballo obrigatorio: avaliaranse, amais dos contidos, a estrutura (presentación, desenvolvemento, conclusións, bibliografía), a calidade lingüística, a utilización dos materiais bibliográficos e as convencións de ortografía técnica. Tamén se terá en conta a exposición oral na aula.
25%
e. Cartafol: recollerase ó final do cuadrimestre e incluirá os traballos feitos na aula que lle correspondesen a cada alumno. Cumprirá ter unha axeitada calidade lingüística e axustarse ós requisitos formais de presentación.
25%
É fundamental asistir ás aulas e realiza-las tarefas encomendadas. Para poder supera-la
materia por avaliación continua é preciso ter unha asistencia e participación continuadas
(non poderá haber máis do 25% de ausencias), face-lo exame e o cuestionario,
entrega-lo cartafol mailo traballo obrigatorio, que se establecerá particularmente para
cada alumno de acordo coa profesora. Ademais, cumprirá ter unha nota mínima en cada
un dos bloques para facer media: a puntuación non poderá ser inferior a 4 no exame do
Bloque I ou á media da nota do traballo obrigatorio e o cuestionario, para o Bloque II.
A realización satisfactoria da avaliación continua eximirá os estudantes do exame final.
De tal maneira, estes coñecerán o resultado numérico da súa avaliación previamente á
realización do dito exame final, e terán a posibilidade de presentarse a el de aspiraren a
mellorar a cualificación recibida. Se as persoas con avaliación continua queren
presentarse ó exame final (de xaneiro ou de xuño) para subir nota ou para aprobar, este
contará un 40% da nota final, pois manterán as notas correspondentes ós apartados a, d
e e.
Outro dos requisitos imprescindibles para supera-la materia é un bo dominio
instrumental da lingua, tanto no nivel oral como no escrito, e moi particularmente, o do
código normativo. En consecuencia, na cualificación repercutirán negativamente as
faltas de ortografía e os erros de morfoloxía e sintaxe (-0'2 por cada falta), así como as
deficiencias de redacción e estilo.
Método 2 Tipo de actividade Porcentaxe
Exame final Exame global dos contidos, que será sobre todo de carácter práctico (comentarios, casos concretos)
75%
Traballo obrigatorio Avaliaranse, amais dos contidos, a estrutura (presentación, desenvolvemento, conclusións, bibliografía), a calidade lingüística, a utilización dos materiais bibliográficos e as convencións de ortografía técnica.
25%
19
O segundo sistema é para as persoas que teñan dispensa oficial das aulas ou que non
cumprisen cos requisitos de asistencia que posibilitan a avaliación continua. Neste caso,
para poderen aprobar, os alumnos deben ter unha nota mínima de 6 no exame.
Este segundo sistema é o único posible para a convocatoria de xuño. En todo caso, para
poder presentarse ó exame final, tanto en xaneiro coma en xuño, será necesario
presentar o traballo obrigatorio.
Bibliografía básica e complementaria
Manuais de referencia
Fernández Rei, Francisco (1990): Dialectoloxía da lingua galega, Vigo: Xerais.
Fernández Rei, Francisco / Carme Hermida Gulías (ed.) (20032): A nosa fala. Bloques e
áreas lingüísticas do galego. Santiago: Consello da Cultura Galega. [Inclúe 3 CD-
Rom. A 1ª ed., de 1996, inclúe 3 casetes]
Instituto da Lingua Galega (1990, 1995, 1999, 2002, 2005): Atlas lingüístico galego. A
Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza, Conde de Fenosa, 5 vols. Vol. 1, T.
1: Morfoloxía verbal, coordinado e redactado por F. Fernández Rei; vol. 2:
Morfoloxía non verbal, coord. por R. Alvarez Blanco; vol. 3: Fonética, coord. por
M. González González; vol. 4: Léxico. Tempo atmosférico e cronolóxico, coord.
por F. Fernández Rei; vol. 5: Léxico. O ser humano (I) , coord. por R. Álvarez
Blanco, F. Dubert, X. Sousa.
Instituto da Lingua Galega / Real Academia Galega (2003): Normas ortográficas e
morfolóxicas da lingua galega. [Vigo]: ILG/RAG [18ª edición].
http://www.xunta.es/linguagalega/arquivos/normasrag.pdf,
http://www.consellodacultura.org/arquivos/cdsg/docs/normativa.pdf
Regueira Fernández, Xosé L. (2010): Dicionario de pronuncia da lingua galega.
Instituto da Lingua Galega / Real Academia Galega. http://ilg.usc.es/pronuncia
Recursos en internet
AGO = Arquivo do Galego Oral. Dir.: Francisco Fernández Rei. http://ilg.usc.es/ago/
[Consultado: ]
BILEGA (Bibliografía Informatizada da Lingua Galega). Dir.: Francisco García
Gondar. http://www.cirp.es/bdo/bil/bilega.html [Consultado: ]
bUSCatermos. USC. https://aplicacions.usc.es/buscatermos/publica/index.htm
[Consultado: ]
CAG = Cartografía dos apelidos de Galicia (ILG/RAG). Dir.: Ana Boullón / Xulio
Sousa. http://ilg.usc.es/cag/ [Consultado: ]
DdD = Dicionario de dicionarios. Corpus lexicográfico da lingua galega. Dir.: Antón
Santamarina. <http://sli.uvigo.es/ddd/index.html> [Consultado: ]
DDGM = Dicionario de dicionarios do galego medieval (ILG). Dir.: Ernesto González
Seoane. <http://sli.uvigo.es/DDGM/index.html> [Consultado: ]
Dicionario de pronuncia da lingua galega. Santiago de Compostela: Instituto da Lingua
Galega. Dir.: Xosé Luís Regueira. http://ilg.usc.es/pronuncia [Consultado: ]
DISPOGAL = Diccionario de Léxico Dispoñible. https://gramatica.usc.es/dispogal/
DPLP = Dicionário Priberam da Língua Portuguesa: http://www.priberam.pt/dlpo/
20
DRAG = Dicionario da Real Academia Galega: http://www.realacademiagalega.org/
[Consultado: ]
Loia. Guía aberta á lingua galega.
http://www.consellodacultura.org/arquivos/cdsg/loia/index.php?idioma=1
NG = Nomenclátor de Galicia: www.xunta.es/toponimia
PTG = Proxecto Toponimia de Galicia [inclúe a microtoponomia recollida ata agora]:
http://sitgaideg.xunta.es/buscadoravanzado/ [Consultado: ]
TILGa = Tesouro Informatizado da Lingua Galega (ILG). Dir.: Antón Santamarina.
http://ilg.usc.es/TILG/ [Consultado: ]
TLPGP = Tesouro do léxico patrimonial galego e portugués. http://ilg.usc.es/Tesouro/
[Consultado: ]
TMILGa = Tesouro Medieval Informatizado da Lingua Galega (ILG). Dir.: Xavier
Varela. Pódese consultar en dous enderezos: http://ilg.usc.es/tmilg/valida.php
(precisa clave), ou http://sli.uvigo.es/xelmirez/ (non precisa clave). [Consultado: ]
Un idioma preciso. USC. (propostas de denominación de termos galegos que aínda non
acadaron unha forma estable ou que se empregan de forma inadecuada):
http://www.usc.es/gl/servizos/snl/terminoloxia/uip/