9
Unidade 5 O ser humano: natureza e cultura 1. A ORIXE DA VIDA 2. A RELACIÓN ENTRE AS ESPECIES 2.1 O fixismo 2.2 O evolucionismo 2.2.1 O Lamarckismo 2.2.2 O Darwinismo 2. 2.3 A teoría sintética 3. O PROCESO DE HOMINIZACIÓN 4. A CULTURA 4.1 A diversidade cultural 4.2 O ser humano e os animais 4.3 Cultura e individuo 4.4 As diferentas sexuais 4.5 As razas humanas

Unidade 5 natureza e cultura final

Embed Size (px)

Citation preview

Page 1: Unidade 5 natureza e cultura final

Unidade 5

O ser humano: natureza e

cultura

1. A ORIXE DA VIDA

2. A RELACIÓN ENTRE AS ESPECIES

2.1 O fixismo

2.2 O evolucionismo

2.2.1 O Lamarckismo

2.2.2 O Darwinismo

2. 2.3 A teoría sintética

3. O PROCESO DE HOMINIZACIÓN

4. A CULTURA

4.1 A diversidade cultural

4.2 O ser humano e os animais

4.3 Cultura e individuo

4.4 As diferentas sexuais

4.5 As razas humanas

Page 2: Unidade 5 natureza e cultura final

Unidade 5. O ser humano: natureza e cultura

Filosofía e Cidadanía IES San Tomé de Freixeiro 1

1. A orixe da vida

O noso planeta non sempre existiu no universo nin a vida no noso

planeta. Calcúlase que foi hai 4500 millóns de anos cando se formou a Terra por condensación de po cósmico e gases interestelares. Os primeiros organismos vivos apareceron 1500 millóns de anos despois.

Ata o século XIX, a explicación aceptada pola maioría dos naturalistas sobre a orixe da vida foi a creacionista. Segundo esta teoría, baseada na Biblia, a vida foi creada por Deus hai aproximadamente 6000 anos.

A explicación que cobra máis forza no campo de bioloxía é a naturalista: a vida formouse unha soa vez, nun momento determinado da historia da Terra, a partir da materia inorgánica.

Este proceso natural de transformación da materia inorgánica en materia orgánica explicouno en 1938 o bioquímico A.I. OPARIN. Segundo Oparin, hai 3000 millóns de anos, a atmósfera da Terra estaba composta de amoníaco, metano, hidróxeno e vapor de auga. Nesta atmósfera primitiva, e favorecidas pola enerxía do ambiente (radiacións solares, raios, calor de zonas volcánicas, etc.), teríanse desencadeado reaccións químicas que terían dado lugar a compostos orgánicos elementais (ácido cianhídrico, etc.). Estes teríanse diluído nas augas primitivas formando o caldo prebiótico. Serían aquí onde tería xurdido a primeira célula viva

A credibilidade desta hipótese viuse reforzada en 1953 ao acadar STANLEY L. MILLER, tras reproducir en laboratorio as condicións primitivas da Terra, a síntese de substancias orgánicas.

A pesar do alto grao de elaboración teórica que posúe e da proba experimental coa que está avalada, a hipótese naturalista non suscita un acordo unánime entre tódolos científicos. O descubrimento en meteoritos de microorganismos fosilizados suxire, segundo a hipótese cosmozoica, que a vida non xurdiu na Terra, senón que chegou dalgún lugar do universo. 2. A relación entre as especies

Respecto da relación existente entre as distintas especies de seres vivos, as dúas explicacións que se teñen dado ao longo da historia son o fixismo e o evolucionismo. 2.1 O fixismo

Segundo o fixismo, tódalas especies son invariables e independentes entre si. Esta postura foi defendida na antigüidade por ARISTÓTELES e o CRISTIANISMO combinouno co creacionismo. Segundo o relato bíblico, Deus tería creado en actos distintos ás diferentes especies de seres vivos e teríallles dado a forma que teñen actualmente. O ser humano sería radicalmente distinto ao resto dos seres vivos, e superior a eles por ter sido creado a imaxe e semellanza de Deus.

Para explicar a existencia de restos fósiles correspondentes a especies extinguidas, o naturalista e creacionista GEORGES CUVIER (1769-1832) propuxo a teoría catastrofista, segundo a cal non houbo unha, senón varias creacións sucesivas. Todos os seres vivos creados por Deus en cada unha delas terían sido destruídos por grandes catástrofes naturais, tras cada unha das cales Deus tería procedido a unha nova creación.

Page 3: Unidade 5 natureza e cultura final

Unidade 5. O ser humano: natureza e cultura

Filosofía e Cidadanía IES San Tomé de Freixeiro 2

2. 2 O evolucionismo Ao contrario que o fixismo, o evolucionismo sostén que as especies non

tiveron sempre a forma actual, senón que unhas derivan doutras, establecendo entre elas unha relación de continuidade.

A idea da evolución biolóxica non é nova na historia do pensamento. Xa na antigüidade ANAXIMANDRO (s.VI a.C.) sostivo que a vida xurdeu na auga, e que tódolos animais terrestres, incluído o home, se desenvolveron a partir dos peixes.

Como teoría científica coherente, o evolucionismo comezou a elaborarse a finais do século XVIII, e actualmente está avalado por todo tipo de probas científicas: as probas anatómicas establecen coincidencias morfolóxicas entre grupos de seres vivos; as probas bioquímicas poñen de manifesto unha composición e procesos orgánicos similares en tódolos seres vivos; as probas embriolóxicas mostran as semellanzas entre embrións e fetos de distintas especies; as probas xenéticas desvelan as afinidades que existen na composición cromosómica dos seres vivos; as probas paleontolóxicas dinnos que a medida que se ascende nos estratos xeolóxicos os restos fósiles son máis complexos; e as probas xeográficas evidencian o acoplamento do ser vivo ao medio no que vive.

A pesar de que tódolos evolucionistas aceptan a transformación das especies, discrepan entre si ao tratar de establecer os seus mecanismos e na súa interpretación. As principais teorías evolucionistas son: O LAMARCKISMO, O DARWINISMO e A TEORÍA SINTÉTICA 2.2.1 O Lamarckismo

A primeira teoría da evolución o transformación das especies de relevancia científica foi formulada polo naturalista JEAN-BAPTISTE DE MONET, cabaleiro de Lamarck (1744-1829). Lamarck atribuía os cambios nas especies a unha adaptación do organismo ao medio e á transmisión hereditaria das modificacións adquiridas.

Segundo a explicación de Lamarck, un cambio no medio provoca novas necesidades aos organismos. Estes esfórzanse por satisfacelas, desenvolvendo os órganos necesarios e atrofiando os innecesarios. Lamarck cría que estes novos órganos serían transmitidos aos seus descendentes.

Este é precisamente un dos puntos máis febles da explicación de Lamarck, xa que, como teñen posto de manifesto os modernos estudios xenéticos, os caracteres adquiridos non se herdan. Ademais, repróchaselle de carecer de probas científicas concluíntes, e de incluír no mundo orgánico unha intención ou vontade de evolucionar, algo que fai dificilmente crible. 2.2.2 O Darwinismo

CHARLES DARWIN (1809-1882) ofreceu unha explicación máis convincente da evolución, e aportou probas a favor da mesma, recollidas durante 5 anos de investigación por América do Sur e as illas do Pacífico a bordo do Beagle. As súas obras A orixe das especies e A orixe do home causaron unha

Page 4: Unidade 5 natureza e cultura final

Unidade 5. O ser humano: natureza e cultura

Filosofía e Cidadanía IES San Tomé de Freixeiro 3

gran conmoción na súa época. Darwin expresou o seu recoñecemento ao economista THOMAS R.

MALTHUS (1766-1834) por terlle feito comprende-lo mecanismo da selección. Na súa obra Ensaio sobre o principio da poboación (1798) escribira Malthus: “A potencia da poboación é indefinidamente superior á potencia da terra para producir sustento para a humanidade (C) A poboación sen controlar aumenta en progresión xeométrica, mentras que o alimento só crece en progresión aritmética”. De aquí conclúese unha loita entre individuos polo alimento, que conducirá á supervivencia do máis apto.

Darwin explicou a evolución como o resultado dun proceso de selección natural, semellante ao utilizado por agricultores e gandeiros para obter distintas variedades de animais e plantas, coa diferenza de que quen selecciona é o medio.

Segundo Darwin, de cada especie nacen máis individuos dos que poden sobrevivir. Estes individuos posúen variacións ou diferenzas entre si. Entre elas establécese a loita pola existencia, de modo que só sobrevivirán os que posúan as variacións favorables para o medio no que viven. Estas variacións favorables serán transmitidas e herdadas polos seus descendentes.

Na explicación de Darwin destácase, fronte á de Lamarck, o carácter pasivo da evolución. Esta prodúcese polo mecanismo externo da selección, sen que haxa unha tendencia interna cara a unha vida superior. Con respecto a Lamarck, nega Darwin toda finalidade. Só hai azar (variacións) e necesidade (selección natural).

As ideas de Darwin estendéronse rapidamente, influíndo en tódolos ámbitos do pensamento. A primeira reacción contra o darwinismo foi protagonizada por un amplo sector da igrexa, quen a rexeitou por considerala incompatible co relato bíblico e por excluír toda intencionalidade divina na orixe do ser humano. Ademais parecíalles que, situando a súa orixe nos animais, a explicación de Darwin degradaba ao ser humano.

En ciencias sociais, a teoría da selección natural de Darwin influíu no denominado DARWINISMO SOCIAL ou intento de trasladar á sociedade a lei da loita pola existencia ou supervivencia do máis apto que opera na natureza. Para HERBERT SPENCER (1820-1903), o máis claro representante do darwinismo social, os que viven en mellores condicións de vida son os mellores. Con isto xustifica o predominio social duns seres humanos sobre outros, o predominio colonial duns países sobre outros, e a superioridade dunhas razas sobre outras. 2.2.3 A teoría sintética

Formulada entre 1936 e 1947, constitúe unha síntese das investigacións levadas a cabo no ámbito da xenética, a biomatemática, a paleontoloxía, a antropoloxía e a zooloxía. O nacemento da xenética molecular fixo que se reformulara a teoría sintética sen que se alteraran as súas ideas básicas.

A teoría sintética engade ao mecanismo darwiniano da selección natural a explicación da orixe das variacións por mutacións xenéticas, e a explicación da transmisión das características vantaxosas dunha xeración a outra. Ademais, inclúe o illamento de poboacións como factor de transformación das especies.

Page 5: Unidade 5 natureza e cultura final

Unidade 5. O ser humano: natureza e cultura

Filosofía e Cidadanía IES San Tomé de Freixeiro 4

3. O proceso de hominización

O acordo entre toda a comunidade científica respecto a que o home

procede do animal é unánime. Non obstante, todo o referente ao proceso de transformación do animal en home, que é o que se denomina hominización, así como a reconstrución da árbore xenealóxica da especie humana é aínda obxecto de conxectura e debate.

O proceso de hominización divide os antropólogos en dous grupos. Por un lado, están os que sosteñen que esta foi unha transformación progresiva, mediante os mesmos mecanismos que rexeron a evolución do resto das especies animais; e, por outro, quen defenden un cambio brusco e rápido, un salto misterioso cara á humanidade.

As investigacións acerca da hominización lévanse a cabo actualmente en varios campos, como o paleoxeográfico, para determinar se o home apareceu nun único lugar do planeta ou en varios á vez; o paleoxeográfico, para determinar se o home apareceu nun único lugar do planeta ou en varios á vez; o paleontolóxico, para coñecer con precisión as características corporais, psíquicas e sociais dos ancestros do home; o bioquímico, para establecer a semellanza entre o home e os grandes simios, así como os principais cambios ocorridos a nivel molecular na hominización; e o da datación, para establecer a cronoloxía do proceso de hominización.

Parece ser que o proceso de hominización se iniciou cos cambios ecolóxicos ocorridos a finais do período terciario, hai aproximadamente 4,5 millóns de anos, en que a sequía fixo retrocede-lo bosque tropical e avanza-la sabana.

Todo o peso da hominización corporal recaeu no eixe pé-mans-cerebro. A posición erguida permanente, a liberación das mans das funcións locomotoras para transformarse en órganos capaces de asir e manipular obxectos, e o desenvolvemento e perfeccionamento do cerebro son as tres principais características que diferencian o home do animal.

Estes cambios corporais estarían estreitamente relacionados cos cambios ecolóxicos anteriormente sinalados. O bipedismo facilitaría a supervivencia na sabana ao permitir otear por riba das altas herbas ao depredador. A liberación das mans, consecuencia do bipedismo, permitiría fuxir as dúas patas levando ás crías en brazos, ou utilizar pedras ou garrotes para cazar ou defenderse. O bipedismo provocaría ademais cambios no pescozo, a arquitectura da cara e o cráneo, favorecendo o desenvolvemento do cerebro.

Estreitamente relacionada coa hominización corporal estaría a hominización psíquica e social. O pensamento e a linguaxe iríanse desenvolvendo e perfeccionando ao mesmo tempo que os cambio corpporais. O ambiente hostil da sabana, onde para sobrevivir unha especie tan fisicamente desprotexida como a nosa é necesaria a axuda colectiva e a estratexia, a receptividade sexual das femias durante todo o ano e o nacemento inmaturo potenciarían o xurdimento de núcleos de poboación, que se irían organizando dunha maneira cada vez máis complexa. 3.1 O Australopithecus

O australopithecus é o primeiro homínido do que se ten constancia por restos fósiles. Viviu hai aproximadamente 4 millóns de anos. Sábese que andaba erguido, que era de pequena estatura (1,40

Page 6: Unidade 5 natureza e cultura final

Unidade 5. O ser humano: natureza e cultura

Filosofía e Cidadanía IES San Tomé de Freixeiro 5

m.) e escaso peso (20 Q.), e que tiña unha capacidade craneal semellante á dos grandes simios (entre 400 e 500 cm3). Parece ser que utilizou e fabricou instrumentos, unhas sinxelas lascas para cazar, cortar ou rascarC 3.2 O Homo habilis

Outro xénero de homínidos foi o homo habilis, nome que lle vén da gran variedade de instrumentos de pedra atopados nos xacementos xunto aos seus restos fósiles, e que viviu hai aproximadamente 2 millóns de anos. A súa capacidade craneal variaba entre os 500 e os 750 cm3. Por comparación coa conduta dos simios, pódese deducir que tanto o australopithecus como o homo habilis posuían tradicións sociais ou culturais. 3.3 Homo Erectus

Ao homo habilis sucedeulle o homo erectus, que viviu hai aproximadamente 800.000 anos. A súa capacidade craneal oscilaba entre os 700 e os 1.000 cm3. Non só mellorou a tecnoloxía lítica (máis instrumentos e máis precisos), senón que tamén usou e controlou o lume. A súa cultura e organización social era máis complexa que a dos anteriores. Cazaba grandes animais, e suponse que tiña divididas as súas actividades en función do sexo. Tamén foi capaz de adaptarse a climas frías. 3.4 Homo Neandertalensis

O homo neandertalensis, misteriosamente desaparecido, viviu hai aproximadamente 100.000 anos. Era de complexión robusta, de baixa estatura e de cerebro máis grande que o home actual (máis de 1.500 cm3), aínda que co lóbulo frontal menos desenvolvido, e estaba adaptado ao frío. Era sociable e vivía en comunidade. Dedicábase á caza, soterraba os mortos, fabricaba excelentes armas e utilizaba o lume. 3.5 O Homo Sapiens

O homo sapiens actual apareceu hai aproximadamente 35.000 anos, coincidindo coa desaparición do homo neandertalensis. A súa capacidade craneal varía entre 1300 e 1500 cm3, e a súa morfoloxía apenas difire da nosa, aínda que era máis baixo. A súa cultura e forma de vida era semellante á dos pobos cazadores-recolectores actuais. 4. A cultura

Nun determinado momento do seu desenvolvemento evolutivo, ao crea-la cultura, o home emancípase da natureza. As leis polas que se rexe xa non son biolóxicas, senón culturais. Pero, a pesar de se-lo feito cultural algo diferenciador, o home permanece enraizado na natureza, pola súa propia natureza biolóxica e polas necesidades naturais que trata de satisfacer. Desde a natureza o home crea cultura.

Por CULTURA enténdese en antropoloxía todo aquilo que non forma parte do patrimonio biolóxico e hereditario, senón que se recibe pola educación e a aprendizaxe. A cultura abárcao todo: as técnicas e coñecementos, as crenzas e ritos relixiosos, a organización social e política, os costumes, e os valores morais e estéticos. As novas experiencias acumuladas polo home non se integran no seu material xenético, senón que se acumulan

Page 7: Unidade 5 natureza e cultura final

Unidade 5. O ser humano: natureza e cultura

Filosofía e Cidadanía IES San Tomé de Freixeiro 6

na súa memoria colectiva e se transmiten, grazas á linguaxe, ás xeracións seguintes. A cultura ten unha función adaptativa, en canto que permite ao home sobrevivir nos máis diversos medios naturais.

4.1 A diversidade cultural

Un dos rasgos característicos da cultura é a súa diversidade. Tres actitudes que cabe adoptar respecto da relación entre as distintas culturas son o etnocentrismo, o relativismo cultural e o universalismo.

O etnocentrismo consiste en xulgar e valorar as culturas doutras sociedades desde o patrón da propia cultura, considerándoas inferiores. O etnocentrismo supón unha actitude de superioridade, incomprensión e intolerancia respecto doutras culturas.

O relativismo cultural consiste, polo contrario, en considerar que calquera fenómeno cultural só pode ser comprendido e valorado no seu propio contexto, e non fora del. Segundo o relativismo cultural, non existen culturas superiores ou inferiores, senón culturas distintas. Aínda que hai no relativismo cultural unha actitude de respecto cara a tódalas culturas, o seu defecto fundamental radica en que é incapaz de criticar certas manifestacións culturais que atentan contra a dignidade e os dereitos humanos.

O universalismo descubre uns valores compartidos entre as culturas e comunidades, entre os cales destaca o respecto ás diferenzas culturais. O universalismo nos conduce a unha actitude claramente intercultural que permite un diálogo real entre culturas, evitando que unhas culturas se impoñan a outras. Os valores universais, que configuran un mínimo indispensable para levar a cabo un diálogo fecundo, poden concretarse nos seguintes:

• O respecto aos dereitos humanos. • O aprecio de valores como a liberdade, a igualdade e a solidarizade. • A actitude dialogante, posible pola tolerancia activa, non só pasiva ou

indiferente, da persoa que quere chegar a entenderse cos demais porque realmente está interesada nese entendemento.

4.2 O ser humano e os animais

O comportamento dos animais constitúe un punto de referencia clásico para tratar de dilucida-lo problema da natureza humana. As investigacións dos etólogos aportan actualmente unha valiosísima información sobre o mundo animal, que nos pode axudar a comprender mellor ao ser humano e a tratar de resolver un dos grandes enigmas da evolución, como é a emerxencia da conciencia humana.

Un dos criterios comunmente sinalado que marcaría a fronteira entre o animal e o home é a capacidade de fabricar instrumentos, fronte ao animal que só é capaz de usalos.

Outro sería que mentres o animal está rixidamente acoplado ao medio a través dos instintos, a conduta humana é máis plástica e está mediatizada pola cultura.

Ambos criterios non marcarían unha separación radical entre o animal e o ser humano, senón unha continuidade. Así, tense constatado que os chimpancés son capaces tamén de fabricar instrumentos e posúen formas moi elementais de cultura.

Page 8: Unidade 5 natureza e cultura final

Unidade 5. O ser humano: natureza e cultura

Filosofía e Cidadanía IES San Tomé de Freixeiro 7

A diferenza esencial entre o animal e o ser humano situaríase na linguaxe e na intelixencia. Ningún etólogo dubida de que os animais posúen unha intelixencia práctica, xa que son capaces de modificar con éxito a súa conduta establecendo novas relacións entre o fin e os medios; sen embargo, só a intelixencia humana é abstrata e conceptual.

Por outra parte, tamén os animais se comunican entre si mediante unha linguaxe, pero esta é emotiva; a linguaxe humana, pola contra, é articulada, e serve para expresar e comunicar ideas.

Ao longo do proceso de socialización, o ser humano precisa vivir en sociedade para poder ser tal. Desde o punto de vista biolóxico, o neno precisa do estímulo doutros seres humanos para que a súa capacidade cerebral aumente progresivamente e así se creen redes neuronais que posibiliten o desenvolvemento da linguaxe e do pensamento. Desde unha perspectiva emocional e afectiva, o individuo aprenderá a canalizar e entender os seus sentimentos para gozar deles só se sabe cómo se xestionan dentro da súa cultura.

Así, a cultura fainos iguais, ao impoñer a todo un grupo social unha mesma cultura iguálase a todos os seus membros.

Mais a cultura fainos diferentes. O ser humano pode pensar e criticar a súa propia cultura porque o proceso de socialización dotouno dunha identidade cultural que lle permite realizar operacións mentais complexas. Non todos aceptamos igual os valores que a tradición impón e, fronte aos xuízos e actitudes dos demais, vanse formulando os propios ata configurar unha conciencia individual. Aqueles que teñen unha personalidade máis acusada terán máis desencontros cos patróns que a súa cultura impón, pero tamén son os que forzan a esa cultura a reconsiderarse a si mesma, permitindo que cambie e mellore. 4.3 Cultura e individuo

Mais, que papel xoga a cultura e a sociedade na formación da nosa

personalidade? Existen dúas posturas ao respecto: Sigmund Freud considera que a mente humana está

composta de varias instancias ou estruturas que entran en conflito entre si:

O ID: é a parte máis interior, máis primitiva da mente, formada por todos aqueles elementos innatos, e os elementos reprimidos pola consciencia. É todo el inconsciente, malia que pode aflorar á conciencia a través dos soños, os lapsus linguae, etc. Inclúe o conxunto de pulsións eróticas (Eros) e agresivas (Tánatos) rexidas polo principio de pracer.

O EU (ego): xurde como consecuencia das tensións e excitacións provocadas no neno polos estímulos exteriores, que provocan a aparición dunha conciencia primaria, totalmente volcada sobre si mesma (narcisismo) pero que sirve como ponte de enlace entre as puras apetencias do Id e a realidade externa. É a parte consciente da personalidade.

O SUPER-EU (super-ego) é o conxunto de valores sociais introxectados a través da educación.

Para resolver os conflitos entre o id e o super-eu, o eu

Page 9: Unidade 5 natureza e cultura final

Unidade 5. O ser humano: natureza e cultura

Filosofía e Cidadanía IES San Tomé de Freixeiro 8

desprega varias estratexias, entre as que destacan a represión, o desprazamento e a sublimación.

A represión consiste en borrar da conciencia desexos prohibidos e recordos ou experiencias desagradables.

O desprazamento consiste en dirixir a enerxía do id, en vez de cara ao seu verdadeiro obxecto, cara a outro obxecto sustitutorio.

A sublimación consiste en canalizar a enerxía do id cara as metas morais e sociais elevadas.

Herbert Marcuse presenta unha visión diferente. É a nosa civilización a que é represora, dado que a felicidade está subordinada a usos sociais como ter un traballo que ocupa case toda a xornada, unha vida sexual sempre dentro dunha parella monógama e un sistema establecido no que se impoñan as leis e a orde. Os individuos senten que non poden influír no curso dos acontecementos ao estar suxeitos a eses usos sociais.

Para Marcuse, se cambiamos esta situación, podemos aspirar a unha cultura que non se basee na represión senón na busca da felicidade. 4.4 As diferenzas sexuais

Desde unha perspectiva exclusivamente biolóxica, a primeira diferenza entre os individuos da especie humana é a distinción en sexos. Tanto orgánica como xeneticamente os homes e as mulleres son distintos. Dos múltiples rasgos que os distinguen, tense destacado a maior forza física por termo medio do home e o estar este desligado do acto do parto. Sobre estes supostos tense concluído, falsamente, unha superioridade intelectual, espiritual e moral do home sobre a muller, que xustificaría a súa subordinación ao home e a súa discriminación social e política.

Sen embargo hai que diferenciar entre o sexo biolóxico e o xénero. Nácese bioloxicamente varón ou femia, pero é a sociedade a que inculca a través da educación uns patróns de conduta distintos para cada sexo. 4.5 As razas humanas

A división da especie humana en razas carece de xustificación biolóxica.

É certo que entre os seres humanos hai rasgos externos facilmente observables, pero toda clasificación en función destes rasgos, que é a definición tradicional de raza, é artificial e errónea. Por iso, os antropólogos prefiren falar de poboacións. Unha poboación é un grupo humano cuns membros que posúen unhas frecuencias xenéticas diferentes en relación con outros grupos humanos.

Unha das polémicas máis soadas acerca das diferenzas raciais foi o atribuír aos individuos de pel escura un menor nivel intelectual que os de pel clara, xustificándose deste modo a súa discriminación. Sen embargo, a cor de pel non ten nada que ver coa intelixencia. A cor clara ou escura da pel depende dunha substancia chamada melanina, coa función de protexela dunha exposición excesiva aos raios solares. Respecto da intelixencia, tense demostrado que a resolución satisfactoria dos tests depende do nivel cultural dos individuos, o cal depende á súa vez do lugar que ocupe na escala social.