Upload
normalizacioniesn1ordes
View
888
Download
2
Embed Size (px)
Citation preview
Obra: A neve interminable
Autor: Agustín Fernández Paz
Colección: Fóra de xogo
Agustín Fernández Paz (Vilalba, 1947), tras máis de trinta anos de
traballo no ámbito educativo, na actualidade dedícase unicamente á
escritura. Escribiu unha chea de libros cos que gañou moitos premios,
tales como: As flores radioactivas (Premio Merlín 1989), Contos por
palabras (Premio Lazarillo 1990), Trece anos de Branca (Premio Edebé
de literatura xuvenil 1994), Cartas de inverno (Premio Rañolas 1995),
Cos pés no aire (Premio Raíña Lupa 1998), O único que queda é o amor
(Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2008), etc.
A neve interminable “dialoga” con Cartas de Inverno, que é outra obra de
Fernández Paz, tamén de medo e misterio, e co libro de relatos da
mesma temática As fronteiras do medo.
Esta novela conta a historia de Alba Novo, que traballa de guionista de
series de televisión. Un día ten un novo encargo nunha serie de
suspense chamada “As fronteiras do medo”. Contará coa axuda dun
equipo formado por dúas mulleres e dous homes. Para poder
concentrarse mellor, deciden ir a un hostal na Fonsagrada. Ao terceiro
día comeza a nevar sen parar; tanto que se interrompen as
comunicacións e a electricidade. Para inspirarse mellor, comezan a
escribir relatos de terror. Mentres o fan, descubrirán que naquel hostal
ninguén é o que parece e que a súa historia é ironicamente unha
verdadeira historia de medo.
Eu penso que este conto se podería dividir en dúas partes: a historia
principal; contada pola narradora, que á súa vez é a protagonista xa que
está contada en primeira persoa; e os diferentes relatos creados no
hostal: “A casa azul”, de Miro; “Herdanza de sangue”, de Irene; “A néboa
de vinganza”, de Diego e “Un incidente no internado”, de Ruth. Tanto nos
relatos como na trama central, o tema principal é o medo, por iso moitos
dos personaxes son monstros ou seres fantásticos. Aínda así, tamén hai
persoas e algúns seres, como os strogoi, dos cales se ignora a súa
natureza.
A lingua usada é fácil de comprender e penso que a puntuación está ben
utilizada.
O libro é interesante e posúe unha única trama ao longo de todo o
desenvolvemento. Así e todo, a historia principal é bastante curta
quitándolle os relatos. De todos os xeitos, paréceme orixinal e
amosa perfectamente as emocións dos personaxes, sobre todo o
medo, xa que o transmite perfectamente.
O libro ten un desenvolvemento lineal excepto por unha páxina do
comezo que alude ao final da novela. Por iso, ao comezar o conto
empezas un pouco confuso pola culpa deste fragmento: “E menos
aínda podiamos sospeitar que, no decurso desta forzada
incomunicación, nos ocorrerían os sucesos terribles que quero
contar aquí…”
Este libro ten unha parte ecoloxista, aludida ao final do libro, que ten
que ver co cambio climático. Fálase dunha gran nevarada que
cubrirá todo o planeta por culpa de nós mesmos , porque estamos a
destruír o noso planeta.
Agustín Fernández Paz non se cansa de ler obras de dous autores
moi importantes para o mundo da literatura de medo: Howard
Phillips Lovecraft e o seu “mestre” Edgar Allan Poe; creo necesario
nomear os dous por deixarnos relatos de medo memorables e
tamén por seren quizais os que inspiran a Fernández Paz a escribir
obras tétricas.
Miguel Ángel Boado Fernández 2º ESO B