Upload
laura-aldea-armesto
View
692
Download
4
Embed Size (px)
Citation preview
Wangari vive baixo as árbores, á sombra do Monte Kenia, en África.
Escoita o rechouchío dos paxaros no bosque cando vai coa súa nai na
procura de leña para cociñar.
Axuda na colleita da batata, da cana de azucre e máis do millo no solo fértil.
Wangari medra alta coma as árbores da fraga.
É moi boa alumna e gaña unha beca para ir estudar aos Estados Unidos
de Norteamérica.
Seis anos máis tarde, unha vez rematados os seus estudos,
regresa á súa casa en Kenia.
Pero moitas cousas cambiaran… Que foi o que pasou?, pregúntase…
Que foi das árbores?
Wangari ve ás mulleres encorvadas polo peso da leña que agora teñen que
ir buscar moi lonxe das súas casas.
Wangari ve a terra arrasada na que nada medra…
Que foi dos paxaros?
Milleiros de árbores foron cortadas para construír edificios…
pero ninguén sementou novas árbores!
Converterase Kenia nun deserto?, preguntábase Wangari.
Wangari pensa na terra seca…
…eu podo sementar algunhas árbores aquí, no meu propio patio,
de unha en unha.
E comeza a súa plantación con nove pequenas árbores…
Os pequenos abrollos botan raiceiras e Wangari anímase
a seguir sementando.
Comeza así un semilleiro…
Nun descampado Wangari sementa fileira tras fileira
de árbores pequeniñas…
Logo, convence ás mulleres das aldeas de que a sementeira de árbores
é unha boa cousa.
Agasalla a cada unha delas cunha pequena arboriña
e repítelles unha e outra vez:
”A nosa vida será mellor cando teñamos novamente árbores.
Xa o veredes!”
ESTAMOS A SEMENTAR AS SEMENTES DA ESPERANZA!
As mulleres dispérsanse polas súas aldeas e sementan
longas fileiras de arboriñas…
… que, aos poucos, vanse estendendo coma un cinto verde por todo o campo.
Os funcionarios do goberno rin ás gargalladas…
“As mulleres non poden facer isto”, din. “Precísanse gardabosques profesionais
para sementar árbores”.
As mulleres non fan caso das burlas e seguen a sementar…
Wangari págalle a estas mulleres sementadoras unha pequena cantidade de cartos
por cada agromo aínda vivo logo de tres meses sementado…
É a primeira vez nas súas vidas que gañan cartos!
A noticia voa coma un marmurio de vento nas pólas:
A cor verde está regresando á aldea de Wangari!.
Axiña, mulleres doutras cidades, pobos e aldeas de Kenia póñense a sementar
longas fileiras de pequenas arboriñas…
Pero a corta continúa…
Wangari plántase firme coma unha aciñeira para protexer as vellas árbores
que aínda quedan.
-“Precisamos máis un parque que un edificio de oficinas!”,
proclamaba Wangari.
Pero os funcionarios do goberno non están de acordo.
Wangari impídelles o paso.
Eles péganlle, chámanlle alborotadora, préndena e, finalmente,
métena no cárcere.
Wangari manténse firme na súa idea:
O CORRECTO É O CORRECTO, AÍNDA QUE QUEDE SOA!
Pero Wangari non está soa…
Por toda África espállase a voz sobre as árbores
coma ondas no Lago Victoria.
Moitas, moitas mulleres coñecen a noticia e sementan aínda
máis e máis árbores…
…en fileiras cada vez máis longas.
Os agromos botan as súas raiceiras e medran moi alto…
e chegan a ser máis de TRINTA MILLÓNS onde antes non había ningunha!
O bosque de Kenia renace.
As mulleres camiñan agora coas súas cabezas en alto
e os seus lombos erguidos…
…porque, de novo, poden recoller leña
preto das súas casas.
A terra xa non está seca!:
Batata, caña de azucre e millo medran novamente na terra escura e fértil.
O mundo enteiro escoita falar das árbores de Wangari e do seu exército
de mulleres sementadoras.
E se subes ao cumio do Monte Kenia verás millóns de árbores
medrando aló embaixo.
Verás o verde que Wangari fixo renacer en África.
Wangari Maathai gañou o PREMIO NOBEL DA PAZ
no ano 2004 pola súa contribución á
PAZ NO MUNDO a través do “Movemento Verde”.
Na tradición africana
UNHA ÁRBORE é UN SÍMBOLO DE PAZ.
En canto Wangari soubo que gañara
este importantísimo premio sementou, ao pé do Monte Kenia,
un Nandi flame (árbore autóctona de África)
No seu discurso de aceptación
do Premio Nobel
Wangari Maathai dixo:
“Debemos sandar
as feridas da Terra…
… así sandaremos as nosas propias feridas…
… debemos abrazar á creación en toda a súa diversidade,
beleza e marabilla”.
E lembra…
O CORRECTO É O CORRECTO!
SEMENTA A PAZ!