View
205
Download
2
Category
Preview:
DESCRIPTION
Intervención no Ciclo de Debates "Galicia en Clave Económica" organizado pola Deputación de Lugo, o diario El Progreso e o portal web de información Economía Digital. Análise do Modelo Económico actual de Galicia: intervención da administración pública na economía, factores capital, terra e traballo, distribución sectorial da produción, cadeas de valor ata produto final, atributos de competitividade e modos de chegar ós mercados. Consideración específica sobre a importancia do tamaño das empresas e a súa relación coa produtividade e a innovación. Concepto de produtividade e innovación segundo o modelo de Porter. Relación entre custos e competitividade. Análise económica comparada entre as economías galega e vasca: PIB per cápita, saldo comercial con España e co Mundo, innovación, estratexia competitiva. Aplicación do modelo de competitividade nacional de Porter á economía de Galicia. Factores endóxenos (sector agroalimentario), Cadeas de Valor, novamente dimensión empresarial, vocación exterior, mercados exteriores. Conclusión a partir da evolución demográfica de Galicia; relación peso da poboación galega sobre o total español.
Citation preview
Ciclo de debates: Galicia en clave económica
Na busca dun Modelo
Lugo, 19 Xuño 2013
Deputación de Lugo. El Progreso. Economía Digital
Marcelino Fernández Mallo
Marcelino Fernández Mallo Galicia en Clave Económica - Páxina 2
Galicia en Clave Económica. Na busca dun Modelo.
Grazas ante todo á Deputación de Lugo, ó xornal El Progreso e a Economía
Digital pola convocatoria e organización deste Ciclo tan procedente
sempre pero en especial nunhas circunstancias como as actuais.
Por empezar polo principio, definiriamos o Modelo Económico como o
xeito de organizarse a actividade económica dentro dunha unidade
territorial. Xa que logo, haberemos falar cando menos da intervención da
administración pública na economía, dos factores capital, terra e traballo,
da distribución sectorial da produción, das cadeas de valor ata o produto
final, dos atributos de competitividade e por fin sobre os modos de chegar
ós mercados.
Atendendo a estes elementos, podemos afirmar que o Modelo Económico
de Galicia se caracteriza por ser, obviamente, un modelo capitalista, con
intervención reactiva da administración pública que actúa máis sobre
feitos e operacións, e con criterios dubidosos, que a partir dunha política
económica e industrial definida. A asignación de fondos públicos presenta
así mesmo unha notable falta de eficiencia económica, primando en
demasiadas ocasións proxectos de cuestionado potencial para a creación
de riqueza colectiva.
Trátase dun Modelo que abandona ou mesmo castiga o factor terra,
cunha alta proporción de superficie erma ou inzada do especies alóctonas
de rendemento rápido e contrarias á biodiversidade e á paisaxe.
Igualmente penaliza o litoral así como ríos e rías ata índices insostibles xa
sexa por medio de edificacións, plantas industriais, granxas acuícolas ou
minicentrais eléctricas, en xeral ademais con escasa capacidade de
xeración de emprego.
Respecto ao factor capital, non soubemos xestionar o sector financeiro
propio que acabamos de perder. Por outra banda, os principais capitais
privados tenden a preferir o investimento noutros territorios mentres que
Galicia amosa unha reducida e volátil capacidade de captación de
investimento exterior. Sobre o factor traballo, e neste sentido a cousa é
máis opinable, coido que temos unha clase directiva con carencias
Marcelino Fernández Mallo Galicia en Clave Económica - Páxina 3
frecuentes, e uns recursos humanos con alta formación desaproveitada.
Respecto ó factor custo, os salarios medios en Galicia sitúanse no tramo
baixo dentro da economía española, que á súa vez resulta un dos países
máis baratos entre os seus socios próximos.
Sobre a estrutura económica, neste apartado debemos subliñar o peso
excesivo que ostentaba a construción sobre o PIB, arredor dun 15%, e que
non sabemos como imos compensar unha vez estoupou a burbulla
inmobiliaria. Igualmente, coa excepción das enerxías alternativas e o
agroalimentario, amosamos unha escasa presenza relativa en sectores cun
maior potencial de desenvolvemento nas vindeiras décadas,
nomeadamente tecnoloxías de aforro enerxético e medioambientais,
tecnoloxías da comunicación, biotecnoloxía, servizos persoais ó cidadán,
novos materiais ou alimentación e produtos ecolóxicos.
Respecto á estrutura empresarial, o tamaño medio das nosas empresas é
extremadamente reducido en termos comparados. As microempresas en
España (menos de 10 empregados) supoñen o 95,2% do seu tecido
produtivoi por un 92,1% da UE. Pois ben, dentro de España, Galicia
presenta un ratio de microempresas tan so inferior a Asturias, Castela-
León e Estremaduraii. Por outra banda, en proporción de empresas con
máis de 200 empregados, Galicia unicamente está por riba das dúas
Castelas, La Rioja e Estremadura de novo.
Xusto é salientar dentro da estrutura produtiva o peso das Cooperativas
en Galicia, que dalgún xeito vén compensar o claro exceso de
microexplotacións. Algunhas desas cooperativas esténdense ó longo das
distintas etapas dunha cadea de valor co cal se consegue non so unha
maior produtividade senón tamén un valor engadido superior.
Poderiamos citar exemplos en distintos sectores coma Coren, Feiraco ou
Condes de Albarei.
Sobre os atributos de competitividade do noso modelo económico, non
son doados de identificar. Malia dispor Galicia de elementos sobre os que
basear unha oferta diferenciada, o seu uso non está xeralizado como para
constituír unha proposta integral. Son elementos como a imaxe de
salubridade e benestar, a paisaxe mesmo tan maltratada, a produtividade
Marcelino Fernández Mallo Galicia en Clave Económica - Páxina 4
e calidade do produto de terras, rías e mar, unha especialización exitosa
nalgúns sectores, unha cultura e idioma propios e, finalmente, a positiva
identificación con determinados fenómenos coma a Moda galega ou o
Turismo rural.
Sen embargo, a nosa economía amosa unha serie de contra-atributos de
competitividade tanto ou máis relevantes. Velaí os minúsculos índices de
innovación, o cativo valor engadido dos nosos produtos, a baixa
produtividade do noso tecido empresarial e as evidentes carencias na
distribución, por amentar soamente os máis evidentes. Precisamente na
fase final da cadea de valor, a penalización do comercio tradicional e de
proximidade a prol dos centros e superficies comerciais implica a caída
dunha vantaxe competitiva dos nosos produtos fronte a artigos foráneos
no mercado local, mentres que nos mercados exteriores tampouco fomos
quen de artellar unha estrutura potente de comercialización.
Definido ata aquí o Modelo Económico actual de Galicia, cómpre agora
contrastar os seus resultados. Para iso, en economía debemos usar
variables e referencias. De nada serve apelar ós números se non os
confrontamos con entidades comparativas. Eu propoño utilizar o País
Vasco como benchmarking dadas as similitudes co noso País: ámbolos
dous pertencentes ao Estado Español, os dous na cornixa cantábrica, peso
tradicional do agro e a pesca, tamaño similar e reconversións industriais
en ámbalas economías cando a entrada na CEE.
O primeiro que chama a atención é que malia Galicia presentar un 27% de
poboación máis ca Euskadiiii, o PIB vasco é un 16% superior ó galego o que
implica que o PIB per cápita é un 49% maioriv. Esta enorme e
transcendental diferenza so pode explicarse a partir do modelo
económico de ámbolos dous territorios. Analizando os mercados de
destino da produción, obsérvase que mentres que o consumo interior é
similar, a produción de Euskadi acada un 20% de maior penetración nos
mercados internacionais e, sobre todo, un 70% máis no mercado español
(24.551 millóns € vs 14.451 millóns €)v.
Aínda que en cifras notablemente inferiores ás do País Vascovi, unha boa
nova para Galicia sería que con datos de 2011, o saldo comercial tanto
respecto a España como ao Mundo é positivo, inda que se tornaría
negativo deducindo as exportacións de PSA-Peugeot-Citroen e do grupo
Marcelino Fernández Mallo Galicia en Clave Económica - Páxina 5
Inditex. Velaí outra debilidade do modelo económico galego: esa
dependencia dos sectores do automóbil e a confección. E así, mentres que
a cota sobre o total exportador dos dous maiores sectores en España é do
24,8%, elévase ata o 43,3% en Galiciavii.
Continuemos coa comparación das economías galega e vasca. En Euskadi
o paro é do 15% fronte ó 21% de Galiciaviii aínda que en Galicia temos
unha taxa de ocupación inferior á do País Vasco, 55% contra 57% (60% en
España)ix. Ítem máis: os galegos emigramos nunha proporción superior á
dos vascos, o que en boa lóxica habería “aliviar” as nosas cifras de
desemprego. Mentres que a emigración interior amosa números
proporcionais nas dúas Comunidades Autónomas, as diferenzas
dispáranse cando miramos a emigración exterior. Así, en 2011 segundo o
INE, 5.285 persoas con nacionalidade española marcharon de Galicia cara
ó estranxeiro, un fenómeno que nada máis se deu 2.282 veces no País
Vascox. Este conxunto de cifras vén a significar, simplificando, que a
economía vasca é capaz de dar traballo ós seus cidadáns mentres Galicia
segue a precisar o recurso da emigración.
Atendendo á estrutura empresarial, detectamos outros elementos dignos
de salientar. Así, un terzo das 25 compañías españolas máis innovadoras
son vascas. No top 1000 de empresas europeas por volume investidor en
I+D, figuran cinco empresas vascas; galegas, so unha, Pescanovaxi. É
importante a capacidade do modelo económico vasco para reter os seus
buques insignia, como pode ser o caso de Iberdrola, outro factor clave do
desenvolvemento. E así podiamos continuar a senda da comparación: o
sector forestal vasco desenvólvese sen sufrir o andazo do eucalipto; a
industria recibe enerxía sen a necesidade de inzar os ríos de minicentrais;
o esforzo urbanístico en torno ó Guggenheim parte dun concepto e un
obxectivo de rendemento evidente; a cultura vasca recibe o apoio
institucional e social converténdose nun factor de diferenciación da súa
oferta, etc.
Habemos preguntarnos onde están os porqués desta tan desfavorable
comparación para Galicia? En primeiro lugar, coido que en boa parte hai
unha diferenza significativa de actitude, de protección e promoción dos
elementos endóxenos, eses factores propios que no País Vasco son
defendidos e potenciados e que en Galicia normalmente infravaloramos e
Marcelino Fernández Mallo Galicia en Clave Económica - Páxina 6
mesmo cedemos moitas veces a cambio de nada. Mais hai tamén
argumentos netamente económicos, claro está.
Unha clave radica no tamaño. Está contrastado de xeito empírico o efecto
do tamaño sobre a produtividade e a innovación (nun momento veremos
porque menciono esas dúas variables precisamente). Así, mentres as
empresas entre 20 e 50 traballadores amosan un valor engadido per
cápita lixeiramente por riba dos 40.000 €, as empresas de máis de 250
traballadores duplican esa contíaxii. Cantas empresas galegas teñen máis
de 250 traballadores? Nove. Cantas hai no País Vasco? Vinte e catroxiii.
Seica o primeiro elemento a corrixir no modelo da economía galega sexa a
dimensión, movemento que así mesmo haberiamos aplicar á nosa
organización territorial a cal está a lastrar a capacidade de xeración de
proxectos económicos.
Que outros factores débense salientar ademais do tamaño das empresas?
Eu propoño tirar proveito de estudos contrastados, en concreto do máis
importante traballo sobre a competitividade das nacións que se teña feito.
Propoño coller o modelo de Michael Porter e aplicalo á economía galega
para vermos o que sae (como saben, Porter conduciu durante catro anos
un estudo en dez países e cen sectores no cal participaron máis de 30
investigadores, ao cabo do cal determinaron as bases para a
competitividade das economías nacionais. É unha perspectiva cando
menos a ter en contaxiv).
Para Porter, a prosperidade das nacións créase, non se herda. Non
procede das condicións naturais dos países, tampouco dos tipos de xuro
ou de cambio como defendía a teoría clásica, senón da capacidade dos
sectores de actividade para innovar e progresar de modo continuo. As
dúas variables clave segundo a investigación de Porter son produtividade
e innovación. Mais convén analizalas para non obtermos conclusións
precipitadas.
Cando se fala de produtividade non habemos entender simplemente
custos. A produtividade é unha relación entre o valor engadido e a
unidade de gasto. Que o custo non adoita ser a clave do modelo resulta
unha evidencia doada de obter da realidade empírica. Cales son as dez
economías con maior capacidade de penetración nos mercados
Marcelino Fernández Mallo Galicia en Clave Económica - Páxina 7
exteriores? China, Estados Unidos, Alemaña, Xapón, Holanda, Francia,
Corea do Sur, Italia, Bélxica e Reino Unido. Agás China, países con custos
laborais moi superiores ó galego. Contrastando a relación entre custo
laboral por hora e o desemprego en Europa, volvemos comprobar o
aparente paradoxo: os países cos maiores custos presentan a taxa de paro
máis baixa e viceversa.
España: 22,50 € - 26,8 %
Suecia: 43,80 € - 8,4 %
Bélxica: 41,90 € - 8,4 %
Dinamarca: 37,90 € - 7,0 %
Francia: 36,30 € - 11,0 %
Alemaña: 35,30 € - 5,4 %
Finlandia: 33,80 € - 8,0 %
Holanda: 33,70 € - 6,5 %
Austria: 32,30 € - 4,9 %
Grecia: 14,70 € - 26,8 %
Fonte: Eurostat Abril 2013
Os custos por suposto son importantes mais, alén das conxunturas máis
ou menos favorables, a clave sostible dos modelos económicos de
prosperidade encóntrase principalmente no numerador do cociente, na
capacidade de xerar valor engadido e transmitilo ó mercado. E iso porque
a función da economía é conseguir o maior benestar dos seus cidadáns.
Tentar rebaixar o denominador a través da diminución dos salarios
produce unha perda da calidade de vida, e iso vai en contra da propia
esencia da economía.
Velaí a importancia crítica da innovación entendida como proceso
xeralizado e continuo. Como se entende a política de innovación en
Galicia? Basicamente a través de programas de apoio temporais a partir
duns criterios determinados: cumpres os criterios, presentas un
expediente dentro dunhas datas e recibes unha subvención ou un
préstamo en condicións vantaxosas. E isto ano tras ano.
Porter fala doutro tipo de estratexia, a de crear o ambiente na economía
que favoreza a orientación cara ao futuro e as tendencias, ao dinamismo
interno e ao desafío competitivo constante. Entende a innovación como
Marcelino Fernández Mallo Galicia en Clave Económica - Páxina 8
un novo produto, un novo proceso –máis barato e eficiente–, un novo
segmento ou nicho de mercado, unha mellora do servizo, unha nova
capacidade, unha nova forma de facer marketing, unha nova tecnoloxía,
un xiro na xestión… é dicir, como unha práctica de xeral implantación. E
máis como unha filosofía de acumulación, de cambios permanentes, antes
que en termos dun avance espectacular puntual. Digamos: innovación
como pauta común e cotiá de dirección. Ese vén sendo o factor crítico
para a competitividade das economías.
Como conseguir esas condicións que estimulen a innovación e o aumento
da produtividade de xeito continuo? Porter identifica catro conceptos que
conforman o seu diamante da competitividade:
O primeiro é o aproveitamento dos factores endóxenos, como se crean
vantaxes a partir dos elementos internos, e pon como exemplo Holanda,
líder mundial no sector das flores non so pola dispoñibilidade de solo e
clima axeitado senón principalmente por contar con varias entidades
especializadas no cultivo eficiente e diversificado, no envasado e
empaquetado coas máximas garantías e na distribución a calquera punto
do planeta.
Galicia conta cunhas condicións edáficas privilexiadas e cun alto
rendemento das súas terras e das súas rías. A demanda mundial de
produto agroalimentario excede a oferta e amosa unha forte tendencia ao
crecemento. Galicia ten que recuperar canto antes a súa especialización
agrogandeira e desenvolver as capacidades necesarias para actuar ao
longo da cadea de valor alimentaria e constituírse en potencia mundial en
produtos nos cales existe esa potencialidade.
O segundo elemento do diamante de Porter é o grao de sofisticación da
demanda. Un mercado máis esixente obriga a un maior grao de
dinamismo e innovación. Con algunhas excepcións, o nivel de esixencia do
consumidor galego, minorista ou industrial, está lonxe dos mercados máis
avanzados. Velaí a necesidade de ampliar o marco de referencia, tal como
fixo o País Vasco. A empresa galega non pode contentarse con atender o
mercado interior pois esa actitude sería a súa condena. Máis tarde ou
máis cedo chegará competencia de mercados próximos máis avanzados e
Marcelino Fernández Mallo Galicia en Clave Económica - Páxina 9
recurtará as vendas locais. Os mercados exteriores –o español e mailo
internacional–, han ser o destino natural do produto galego. Desta
maneira, tamén estará defendendo a súa posición no mercado interior.
O terceiro elemento de competitividade vén sendo a estrutura e
estratexia das empresas. Habemos retomar aquí o comentado sobre a
dimensión das empresas galegas. Resulta fundamental promover o
aumento de tamaño das unidades produtivas de Galicia, idealmente a
través do seu propio crecemento natural. Pero con seguridade tamén será
preciso promover joint ventures, operacións de integración vertical,
consorcios de exportación; e facilitar fusións, retomar os clusters, por
suposto potenciar os movementos cooperativos… Moitas son as fórmulas
dispoñibles para adoptar en cada sector ou cadea de produción. Mais
sempre mantendo un alto nivel de competencia sectorial pois a rivalidade
interna contribúe igualmente á mellora da produtividade e á innovación
segundo o modelo de Porter.
A calidade dos provedores resulta ser o último elemento identificado. E
neste punto volvemos evocar a conveniencia de deseñar a política
industrial a partir dun esquema de cadea de valor e non de sectores
estancos. O fluxo de información, de ideas e propostas, os proxectos
conxuntos entre as empresas operantes nas distintas fases da cadea de
valor, representan outro factor crítico de competitividade. O conflito
permanente entre produtores e industria no sector lácteo revélase un
exemplo nítido desta problemática que está a condicionar, negativamente
neste caso, o crecemento da actividade en Galicia.
Quedan moitas cuestións por recoller (infraestruturas, formación,
emprendemento, enerxía…) pero o tempo é limitado. Rematarei cun dato
final, de síntese: o PIB galego representaba en 1940, un 7% do total
español, en 1960 era un 6% e na actualidade se sitúa no 5%. O caso de
poboación é aínda máis extremo: en 1940 Galicia representaba o 10% da
poboación española, un 8% en 1975 e na actualidade se sitúa no 6%. O
Modelo actual non funciona, condúcenos aceleradamente cara á
insignificancia. Quizais o elemento clave que precisa a economía de Galicia
sexa Ambición e Coraxe para cambiar o seu Modelo.
Marcelino Fernández Mallo Galicia en Clave Económica - Páxina 10
i Subdirección General Apoyo a PYMES. Retrato de las PYMES 2012 ii Empresas españolas. Competitividad y tamaño. Servicio de Estudios Cámaras de Comercio iii Padrón Municipal Xaneiro 2012. Galicia: 2.781.498 habitantes; País Vasco: 2.193.093 habitantes iv PIB Euskadi 2012: 65.261 miles de millóns de euros; PIB Galicia 2012: 56.376 millóns. PIB per cápita Euskadi: 30.829 €; PIB per cápita Galicia: 20.723 €. Ref. http://www.datosmacro.com/pib-ccaa v Informe trimestral sobre el comercio interregional en España. C-intereg, a partir da base de datos DataComex do Ministerio de Economía y Competitividad. vi Idem. Saldo comercial Galicia con España 3.343 millóns €; co Mundo 2.814 €. Saldo comercial do País Vasco con España 6.970 millóns €; co Mundo 3.179 millóns € vii C.21 Los cinco capítulos arancelarios más importantes en Galicia y España en importaciones y exportaciones. Año 2010. La internacionalización de la economía gallega 2011. Fundación Novacaixagalicia viii Taxa de paro da poboación de 16 e máis anos por Comunidade Autónoma, decembro 2012. Enquisa de Poboación Activa do Instituto Nacional de Estatística ix Taxa de actividade da poboación de 16 e máis anos por Comunidade Autónoma, decembro 2012. Enquisa de Poboación Activa do Instituto Nacional de Estatística x Fluxo de emigración con destino ao estranxeiro por Comunidade Autónoma e país de nacemento. 2011. Migraciones exteriores. Instituto Nacional de Estatística xi 2012 EU Industrial R&D Investment Scoreboard xii Empresa y productividad: una cuestión de tamaño. Servicio de Estudios de La Caixa. xiii
Las 5.000 primeras empresas de España, 2012. Actualidad Económica xiv Competitive Advantage of Nations, Michael Porter, Harvard Business Review
Recommended